Fotogalería Presidentes
Manuel Murguía (1833-1923) foi a persoa presente nos intentos previos de fundación da Academia, polo que o seu liderado na consolidación do novo proxecto que supuxo a Real Academia Galega era indiscutible. Así, cando se constitúe na Habana a Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega, el é o interlocutor e intermediario designado para a constitución da Academia, e na primeira acta figura xa como presidente, asume gran parte das delegacións das persoas designadas dende a Habana e é o responsable de nomear como secretario interino a Uxío Carré.
Retrato de Manuel Murguía.
Real Academia Galega. Arquivo
Murguía asumiu a presidencia da Academia con 72 anos. Nese cargo permaneceu 18 anos, ata o seu pasamento en 1923. A súa avanzada idade, as limitacións físicas e de saúde provocaban que case sempre fose outra persoa quen lía as súas intervencións nos actos públicos. Así e todo, a súa presenza nas actividades da Academia foi constante e publicou numerosos traballos no Boletín.
Murguía diante do cemiterio de San Amaro, no sétimo cabodano da morte de Curros Enríquez. (1915).
Real Academia Galega. Arquivo
O 2 de febreiro de 1923 finaba Murguía na Coruña aos 89 anos. No día seguinte, estableceuse o velorio do corpo do primeiro presidente da Academia no salón de plenos da Casa Consistorial. A saída do seu féretro de María Pita, en procesión cara ao cemiterio de San Amaro, envolto na bandeira galega xuntou multitudes. O cortexo fúnebre avanzou por rúas enloitadas, decoradas por crespóns e cortinas negras nas ventás en sinal de dó.
Comitiva fúnebre no enterro de Manuel Murguía.
Real Academia Galega. Arquivo.
O 12 de maio de 1923 dá un paso adiante na presidencia da Academia Andrés Martínez Salazar (1846-1923). O historiador e editor de orixe astorgana fora compañeiro de traballo de Murguía no Arquivo Xeral de Galicia, e un dos designados pola AIyP da Habana como fundador da Real Academia Galega.
Durante a presidencia de Murguía, entre outros cargos, exerceu a tesourería entre 1915 e 1923 e formou parte da comisión ortográfica para a redacción do dicionario. Ademais publicou numerosos artigos no Boletín e na súa Colección de Documentos históricos, da que foi en gran medida o responsable.
Andrés Martínez Salazar. Detalle do retrato dos fundadores da Academia con Curros Enríquez (1904).
Real Academia Galega. Arquivo.
Poucos meses despois de acceder á presidencia, o 6 de outubro de 1923, morría inesperadamente Andrés Martínez Salazar. Na necrolóxica que lle dedica Eladio Rodríguez no número 157 do BRAG, recoñece que “No pudo el Sr. Martínez Salazar desaroIlar en nuestra Corporación sus fecundas iniciativas y sus grandes proyectos”. Con el pechábase unha fase na historia da Academia.



