Fotogalería Inauguración
O 4 de setembro de 1905 celebrouse, na Casa do Consulado da Coruña, o acto de constitución da Real Academia Galega, unha iniciativa impulsada pola Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega da Habana, que foi tamén o seu principal sostén económico.
A institución naceu coa vontade de integrar, de xeito equilibrado, os representantes das catro provincias galegas, como se pode comprobar na listaxe dos seus primeiros corenta membros de número.
Fonte: “Acta de constitución de la Academia Gallega” 4 de setembro de 1905. Libro de acta das da Real Academia Galega (1905-1915), páxinas 3 e 4. Real Academia Galega. Arquivo
O 30 de setembro de 1906, ás 19:30 h, tivo lugar no salón de festas da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns da Coruña a sesión inaugural da Real Academia Galega, que contou cunha elevada asistencia de público e autoridades.
En primeiro lugar deuse lectura ao Real Decreto no que se aprobaba a constitución da Academia e a unha carta da presidenta de honra, Emilia Pardo Bazán. Continuouse cun discurso de Manuel Murguía e coa memoria da Secretaría. Léronse tamén as cartas recibidas de adhesión, un eloxio de Valentín Lamas Carvajal e o seu poema “Amor de patria”, unha mensaxe da AIP da Habana, un poema de Eduardo Pondal, o discurso “Elogio de la lengua gallega” de Manuel Lago González, a poesía “Galicia” de Barcia Caballero, o discurso “Protesta de Pedro de Padrón” de Leandro Saralegui Medina e un poema de Curros Enríquez. Pechou o acto o alcalde da Coruña, Juan Sánchez Anido.
Fonte: “Discurso del Sr. Académico presidente”. Manuel Murguía (1906), p. 6. Real Academia Galega. Arquivo
A escritora e membro correspondente, Valentina Lago-Valladares, pseudónimo de Hipólita Moíño, ofrécenos nas páxinas do número 606 de Revista Gallega a súa crónica desta xornada. Nela, destaca a comunicación da Asociación Iniciadora e Protectora da Habana, as intervencións de Manuel Lugrís Freire, Barcia Caballero, Saralegui Medina, Pondal ou Lago González e describe a emoción nas palabras e no rostro de Murguía.
Fonte: A inauguración da nosa Academia Gallega. Valentina Lago Valladares. Revista gallega: semanario de literatura e intereses regionales. 606 (28/X/1906), p. 3.
Entre as numerosas mostras de adhesión recibidas na inauguración da Real Academia Galega achamos este telegrama do filólogo sueco Göran Björkman (1860-1923) no que podemos ler: "floreat, vivat natio galaico" ("que viva e floreza a nación galega").
Karl Jakob Göran Linus Björkman, Göran Björkman, foi un destacado tradutor que mantivo unha estreita relación con Galicia e a súa cultura. No seu libro Genljud fran Hesperien (1896) traduciu ao sueco poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Uxío Carré Aldao, probablemente a primeira versión dun texto galego nunha lingua extrapeninsular.
Fonte: Telegrama de Göran Björkman DATA? Real Academia Galega. Arquivo. Retrato de Göran Björkman (Anders Wiklund). Svenskt Översättarlexikon.
En outubro de 1906 a revista Galicia da Habana publicaba un número monográfico dedicado á inauguración da Academia, onde facía unha crónica pormenorizada da solemnidade. No número recóllese boa parte do discurso do presidente, Manuel Murguía, a mensaxe enviada pola directiva da AIP da Habana para a inauguración.


