Fotogalería Dicionario
Na encomenda de constitución da Academia Galega que Curros Enríquez lle fai chegar a Manuel Murguía, sinálase xa como obxectivo prioritario “velar por la conservación y perfección de nuestra lengua, publicar la gramática y el dicionario de la misma”.
A importancia que se lle concedeu á redacción do dicionario maniféstase ás claras desde as primeiras as actas da Academia; nelas dáse conta dos traballos feitos e determínanse os medios para a recollida do maior número de voces. Con anterioridade, no mes de maio de 1906, o Boletín informa sobre o material léxico que posuía a Academia.
Fonte: Boletín de la Real Academia Gallega. 1 (1906), p. 5. Real Academia Galega. Hemeroteca
Na xunta ordinaria do 1 de febreiro de 1907 noméanse as comisións para a confección e clasificación do dicionario, nas que participan catorce académicos numerarios. Para a comisión xestora: Manuel Murguía, Ramón Bernárdez González, Euxenio Carré Aldao, Ramón López de Vicuña e Marqués de San Martín. Para a ortográfica: José Pérez Ballesteros, Andrés Martínez Salazar, Marcial Miguel de la Iglesia, Manuel Lugrís Freire e Rafael Pérez Barreiro. Para a clasificación de papeletas: Manuel Murguía, Salvador Golpe Varela, Eladio Rodríguez González, Francisco Tettamancy Gastón e Florencio Vaamonde Lores.
Sección oficial. Junta ordinaria do 1º de Febrero de 1907.
Fonte: Boletín de la Real Academia Gallega. 10 (1907), pp. 217-218. Real Academia Galega. Hemeroteca
O DRAG tentaba abranguer todo o léxico galego: o arcaico, o dialectal e o literario, xunto co técnico e científico, e inclúe o coincidente co castelán. Así e todo, continúa a liña dos dicionarios decimonónicos, pois está redactado en castelán, “teniendo en cuenta que su uso no ha de ser exclusivo de los gallegos sino también para facilitar á todos el estudio y conocimiento de nuestra lengua” (BRAG. 26, 20/V/1909). A comisión ortográfica determinou tamén a adopción da ortografía etimolóxica. Respecto das letras e signos a usar, propugnouse restrinxir “todo lo posible el empleo del apóstrofo y del guión de enlace”. Tamén se fixou o emprego do acento grave sobre as vogais de abertura media e o uso do acento circunflexo coas vogais para marcar a súa elisión ou o seu carácter de “longas”. Nas actas da academia recóllense de maneira discreta as disensións que provocaban cada toma de decisións nas reunións das Comisións.
Acta da xunta ordinaria. 26 de abril de 1909. Libro de actas da Real Academia Galega. Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
Dende a súa orixe pretendeuse que a elaboración do dicionario fose un traballo colectivo e non de autor, e contouse coa colaboración doutras persoas que dende diferentes puntos da xeografía galega enviaron léxico de recolleita propia. Moitos particulares fixeron achegas dun valor incalculable, como Francisco Porto Rey, de Vilagarcía de Arousa, que doou un voluminoso manuscrito, do que el era autor, ou Luís Tobío que entregou unha gran cantidade de papeletas.
Vocabulario / Luís Tobío Campos
Fonte. Real Academia Galega. Arquivo
Na elaboración do dicionario hai dúas fases diferenciadas: a primeira delas de acumulación de material léxico, e a segunda de redacción dese material reunido. En setembro de 1911 anúnciase que, en conformidade coa Asociación Iniciadora, será César Vaamonde Lores, arquiveiro-bibliotecario e académico correspondente, a persoa encargada de acometer a redacción definitiva.
Anotacións para as definicións da letra A, primeira entrada do dicionario.
Fonte: Real Academia Galega Arquivo
Seis anos despois da inauguración da Academia comeza a distribuírse o primeiro caderno do dicionario. Cada caderno está formado por dezaseis páxinas a tres columnas, cun formato de 37 cm de alto por 25 cm de largo e cun prezo dunha peseta. Os pedidos debían facérselle ó bibliotecario da Institución. Os 27 cadernos publicados suman un total de 432 páxinas, o que nos dá idea das dimensións da obra se dese chegado ata a súa fin.
Páxinas do primeiro caderno do Diccionario gallego castellano de la Real Academia Galega.
Trátase dun dicionario de autoridades que recolle textos dos trobadores, poetas como Rosalía de Castro, Noriega Varela, Añón, Alberto Camino, Florencio Vaamonde, Curros, Pondal, Clara Corral, García Ferreiro, Salvador Golpe, Sarmiento, Pérez Ballesteros, Leiras Pulpeiro, Barcia Caballero, Pintos, Saco-Arce ou Martelo Paumán, e textos populares en verso.
Lemas na entrada “Achegar” do Diccionario gallego castellano con textos de Airas Núñez, Rosalía de Castro e Francisco Añón.
O ritmo de publicación do dicionario, que dende 1913 levaba unha media de dous cadernos ó ano, diminúe en 1924, e ata 1928 saíu un só caderno por ano. Os gastos eran sufragados principalmente polos emigrados en Cuba a través da Asociación Iniciadora y Protectora, como así consta na portada. Pero ben axiña a escaseza de medios económicos repercute na obra e esta será a causa fundamental do fracaso do dicionario.
Cuberta do segundo caderno do Diccionario gallego castellano.



