Fotogalería Ditadura
O dominio de todo o territorio galego polas forzas golpistas pouco despois do 18 de xullo de 1936 supuxo que a Academia pasase a estar baixo o control do novo réxime ditatorial.
A documentación interna mostra a vixilancia exercida sobre a institución durante os primeiros anos da ditadura, pois unha vez retomada a actividade académica en 1939 era obrigatorio solicitar autorización ao Gobernador Civil da provincia para realizar as xuntanzas con notificación dos asuntos que se tratarían nelas. Nesas xuntanzas ademais debía estar presente un delegado do Gobernador.
Esta vixilancia manifestouse tamén na presenza habitual nos actos académicos de Luis Legaz Lacambra, dirixente da Falange Española en Santiago de Compostela e despois reitor da Universidade.Xuntanza de académicos o 13 de decembro de 1942 con Legaz Lacambra sentado entre Manuel Casás e Ángel del Castillo.
Real Academia Galega. Arquivo
En novembro de 1937 a Comisión Depuradora de Bibliotecas Públicas do distrito universitario de Santiago dirixiuse ao bibliotecario da Academia, César Vaamonde Lores, para lle solicitar o envío do catálogo da biblioteca académica ao Reitorado compostelán coa finalidade de facilitar os “trabajos de Depuración”.
Na súa resposta César Vaamonde asegurou que a da Academia era unha Biblioteca reservada aos seus membros e que estaba catalogada en máis de 10.000 fichas soltas, polo que non era factible envialas a Santiago nin facer unha copia delas. A pesar diso, mostrábase disposto a facilitar o labor “depurador” permitindo que un delegado da Comisión revisase os contidos da Biblioteca.
A falta doutra documentación non nos permite coñecer máis detalles desta tentativa de “expurgar” a nosa Biblioteca. Mais si podemos confirmar que esa “depuración” non se levou a cabo.
Carta da Comisión Depuradora de Bibliotecas Públicas.
Real Academia Galega. Arquivo
O control sobre a Academia queda de manifesto nun incidente acontecido en 1944, cando Luis Legaz Lacambra, actuando como delegado do Ministerio de Educación Nacional, forzou a dimisión da Xunta de Goberno que estaba formada polo presidente Manuel Casás, o secretario Alejandro Barreiro Noya e o tesoureiro Ángel del Castillo.
Aínda que as circunstancias da intervención non están claras, esta produciuse logo da queixa dun grupo de numerarios contra o funcionamento da Academia e tamén por informes do Goberno Civil e do Ministerio. A suspensión deu lugar á constitución dunha Xunta provisoria, ata que en outubro dese ano se procedeu ao nomeamento —sempre baixo a supervisión directa de Legaz Lacambra— dunha nova Xunta de Goberno formada outra vez polos mesmos integrantes.
Na resolución do Ministerio deixábase claro que a Academia dependía “única y exclusivamente de la autoridad de este Departamento Ministerial”.
Comunicación da intervención da vida académica polo delegado ministerial.
Real Academia Galega. Arquivo
A pesar de que a Academia se definía como unha institución “extraña a toda tendencia política”, había dentro dela membros que estaban aliñados coa ditadura imposta a raíz da guerra civil. Ademais, entre os anos 1937 e 1939 as actas e a correspondencia académicas revelan o emprego dunha retórica coincidente coa ideoloxía do novo réxime.
En 1942 algúns numerarios propuxeron nomear o ditador Francisco Franco presidente de Honra da Academia. Na acta da xuntanza académica onde se presentou esa proposta —o 13 de decembro de 1942— consta que foi acollida con “satisfacción unánime” por todos os asistentes, algo que era de agardar pola presenza do delegado do Gobernador Civil e de Luis Legaz Lacambra.
Comunicada a proposta ao ditador, este aceptou a Presidencia honorífica da Academia o 24 de decembro de 1942.
No ano 2009 a Academia retirou todos os títulos honoríficos que Francisco Franco conservaba na institución.
Fotografía de Francisco Franco no BRAG 268 (agosto 1942) e comunicación da aceptación da Presidencia honorífica polo ditador.
Real Academia Galega. Hemeroteca e Arquivo
Ademais da vixilancia á que estivo sometida pola ditadura, a Academia sufriu graves problemas económicos co principiar da guerra civil, pois dende entón e ata 1941 deixou de percibir a subvención concedida polo Estado e unicamente recibía pequenas cantidades dalgúns concellos e deputacións ou da Asociación Protectora de Buenos Aires. Durante ese tempo, a institución viuse obrigada a permanecer nunha inactividade case total e sen poder publicar o seu Boletín.
A correspondencia dá testemuño das numerosas xestións realizadas pola Xunta de Goberno para obter axudas económicas de distintos organismos oficiais, ás veces insistindo —para disipar posibles dúbidas das autoridades— en que a Academia tiña como única misión “laborar intensamente por la perpetuación de los valores espirituales de Galicia, identificados siempre con los supremos ideales de la madre Patria”.
Carta de Manuel Casás a Pedro Sáinz Rodríguez, 12 de marzo de 1938. Libro de rexistro de comucinacións remitidas.
Real Academia Galega. Arquivo.
Para superar a situación de precariedade na que vivía dende o comezo da guerra civil, a Academia tentou procurar entre as autoridades da ditadura persoas que puidesen solucionar os seus problemas máis urxentes.
Un dos seus primeiros valedores dentro dos postos de responsabilidade do réxime foi o académico correspondente Fernando Suárez de Tangil, Conde de Vallellano. Grazas á influencia exercida por el no Ministerio de Educación Nacional, a Academia recuperou a subvención estatal en 1941 e ese mesmo ano obtivo o permiso para o ingreso colectivo de dezanove numerarios.
A partir da década de 1950 o principal valedor da institución nas esferas gobernamentais foi Manuel Fraga Iribarne, quen dende os diversos postos ministeriais que foi ocupando ao longo dos anos facilitou a concesión á Academia de permisos e de subvencións e ademais xogou un papel importante na cesión do edificio da rúa Tabernas.
Visita de Manuel Fraga a Gala Murguía (1962). Sinatura da escritura de doazón da casa de Tabernas 11 (1956).
Real Academia Galega. Arquivo
A pesar das circunstancias adversas, a Academia foi quen de se reconstituír pouco a pouco baixo a presidencia de Manuel Casás. Para iso fixou como obxectivos principais a incorporación de novos académicos cos que cubrir as numerosas prazas vacantes; a recuperación das axudas económicas que viña recibindo antes da guerra civil; o proseguimento das publicacións académicas, especialmente o Boletín da corporación; e o reestablecemento dos contactos con diversos organismos oficiais e coas Asociacións Protectoras da Academia existentes en América.
Pódese afirmar que nos primeiros anos da década de 1940 eses obxectivos xa se cumpriran, o que garantiu a pervivencia da institución. Porén, a insuficiencia de recursos económicos e o control ideolóxico imposto pola ditadura franquista seguiron marcando a vida da Academia ao longo deste período.
Homenaxe de Cántigas da Terra a Ramón Cabanillas na Coruña (1951).
Real Academia Galega. Arquivo


