Fotogalería Académicas
Entre 1936 e 1960 vinte novos nomes súmanse á nómina de mulleres da Academia. Ademais, producirase a elección da primeira académica numeraria, que malia todo, non acabará en ingreso.
Francisca Herrera era membro correspondente da Academia dende o 26 de maio de 1916. En 1945 escóllena membro de número, para ocupar a cadeira de Lisardo Rodríguez Barreiro. Malia redactar o seu discurso de ingreso Rosalía de Castro nun mes, as delongas de Manuel Casás e Antonio Couceiro Freijomil provocarán que a académica faleza antes de poder efectuar a súa incorporación de maneira oficial. En 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Detalle da cuberta de Frores do noso paxareco (1919).
Real Academia Galega. Biblioteca
Cinco escritoras portuguesas accederán á condición de correspondentes da Real Academia Galega: en decembro de 1940 Marta Mesquita da Câmara, e en xaneiro de 1944 Amélia de Guimarães Vilar.
Câmara (Porto, 1895-1980) foi autora de literatura infantil portuguesa, ademais de poeta, xornalista e tradutora. Integrou os corpos directivos da Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto.
Vilar (Porto, 1889-1979) era poeta, crítica teatral e historiadora literaria. En 1925 fundou e dirixiu a revista de arte e literatura Mulheres do Norte. Colaborou no Diário do Porto e pertenceu á Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto, ao Grupo de Estudos Brasileiros do Porto, do que foi directora, e á Sociedade Portuguesa de Escritores.
Cuberta do poemario Pó do teu caminho (1926), de Marta Mesquita da Câmara.
Retrato de Amélia de Guimarães Vilar.
Real Academia Galega. Arquivo
En 1949 elixiuse a Arminda Fortes, escritora de grande éxito popular da que se descoñecen os seus datos biográficos. Foi autora de varios títulos do catálogo da Editorial Domingos Barreira do Porto, polo que se supón que a súa vida estivo vencellada a esta cidade portuguesa.
Odette de Saint-Maurice (Lisboa 1918-1993), escritora, tradutora de francés e autora radiofónica, especializada en literatura xuvenil, ingresou como correspondente da Academia en abril de 1951.
Na mesma data elixiuse a profesora Adelaide Félix (Santarém, 1892 - Lisboa, 1971).Félix, autora de varias novelas, colaborou activamente na prensa portuguesa e foi tamén tradutora de obras en inglés e alemán.
O 17 de abril de 1949 son nomeadas académicas correspondentes dúas uruguaias: a poeta Juana de Ibarbourou e a médica Paulina Luisi.
Juana de Ibarbourou (1892-1979), autora de máis de dúas decenas de títulos en verso e en prosa, foi membro da Academia Nacional de Letras de Uruguai e da Sociedad Uruguaya de Escritores, e Premio Nacional de Literatura en 1959. Filla do lourezanense Vicente Fernández, seu pai recitáballe versos de Rosalía, nos que ela recoñece a súa vocación poética.
Paulina Luisi (1875 -1949), médica, profesora, sufraxista e activista feminista, foi a primeira muller en estudar na Facultade de Medicina en Uruguai. Fundou en 1916 o Consejo Nacional de Mujeres e en 1919 a Alianza Uruguaya por el Sufragio Femenino.
Amada López de Meneses (1906-1976) ingresou en decembro de 1942. Natural das Nogais, doutorouse en Historia e acadou unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios que a levou a París. López de Meneses é a gran especialista e historiadora do pobo romaní en España. As súas investigacións históricas en arquivos levárona a colaborar con prestixiosos centros de investigación como o CSIC e a publicar máis dunha vintena de traballos.
María Victoria Fernández-España, coñecida como Victoria Armesto, (1925-1999) foi xornalista e escritora e, xa na democracia, deputada por alianza Popular. Neta do fundador de La Voz de Galicia, nos anos 50 traballou para este medio como correspondente nos Estados Unidos. Con certa sensibilidade cara á cultura galega, coñécenselle artigos na prensa en defensa da lingua galega e obras de divulgación da historia de Galicia. En abril de 1949 ingresou como correspondente da Academia.
Real Academia Galega. Arquivo
A academia escolleu como membros correspondentes as poetas Pura Vázquez (Ourense 1918 - 2006) e Luz Pozo Garza (1922 – 2020) en anos consecutivos; 1949 e 1950.
Pura Vázquez, que ademais de poeta foi mestra, foi a primeira muller que comezou a publicar en galego nos xornais e revistas de Galicia e da emigración tras a guerra civil, e unha das pioneiras no eido da literatura infantil e xuvenil. En 1995 concédeselle a Medalla Castelao, que tamén recibe Luz Pozo ese mesmo ano.
Pozo Garza é unha das poetas máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Docente no ensino secundario das materias de lingua e literatura españolas, entre 1975 e 1976 codirixiu Nordés: revista de poesía y crítica e promoveu tamén a creación da revista Clave Orión, en 1995. En 1996 será escollida académica numeraria.
Real Academia Galega. Arquivo e Hemeroteca
A pintora galega Julia Minguillón (1906-1965) desenvolveu unha intensa actividade pictórica como retratista de prestixiosos personaxes da sociedade galega. Desde o ano 1933, en que expuxo por vez primeira no Concurso Nacional de Retratos, participou en varias exposicións, conseguiu o Primeiro Premio do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1948 coa obra Xuventude, e é a única muller que obtivo a primeira medalla de Primeira Clase nunha Exposición Nacional de Belas Artes, no ano 1941 con A escola de Doloriñas. Como correspondente pertence á Real Academia Galega dende abril de 1949.
Elena Quiroga (1921-1995) ingresará en 1951, despois de ter recibido o Premio Nadal pola súa novela Viento del Norte. Escritora, membro da xeración literaria dos 50, foi a segunda muller en ingresar na Real Academia Española, para o que leu o discurso Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro (1984).
O 4 de abril de 1948 acéptanse as propostas para académicas correspondentes a historiadora da arte suíza Adèle Roš-Theiler (?- 1969) e a profesora de música e membro da AIP da Habana Hilda Ruíz-Castañeda López.
Roš-Theiler acadou notoriedade polas súas investigacións iconográficas na pintura do renacemento. Hilda dirixiu o Conjunto Polifónico no Instituto de Segunda Enseñanza da Habana e era membro da Sociedad Pro-Arte Musical.
Cuberta de “'--Mädchen nut dem papagei' ein selbstbildnis Francesco de'Melzis?: studie”, de Adèle Roš-Theiler. Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Hilda Ruíz-Castañeda nunha Sesión académica da Asociación Iniciadora e Protectora da RAG na Habana (1950). Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
Aurora Vidal Martínez (1910-2005), mestra e escritora pontevedresa, publicou varios libros de poesía, narrativa e teatro tanto en galego como en castelán e participou e impulsou o grupo Teatro Experimental de Arte, do que foi directora. En 1952 foi escollida correspondente da Academia.
Blanca de los Ríos (1859-1956) entrou na Academia en 1955, como “figura de universal renombre, que a través de su larguísima existencia ha consagrado su talento al estudio de relevantes personalidades literarias relacionadas con Galicia”. O ámbito no que máis destacou foi, sen dúbida, o do estudo e crítica da literatura, mais tamén conta coa súa propia obra literaria e colaborou en diversas publicacións periódicas.
O 27 de maio de 1956 apróbase o nomeamento de tres académicas de honra: Manuela Esteban-Collantes (1880-1959), Blanca Quiroga Pardo Bazán (1879-1970) e Gala Martínez Murguía (1871-1964).
Uns días antes Blanca Quiroga e Manuela Esteban asinaran a escritura de doazón da casa de Tabernas 11 a favor da Academia, coa finalidade de instalar no predio a sede da institución e o museo dedicado á memoria de Emilia Pardo Bazán. Gala Murguía representaba en si mesma a memoria de Rosalía e Murguía, e foi obxecto de especial coidado e atencións por parte da Real Academia Galega até a súa morte. Ademais xogou un importante papel na apertura da Casa Museo Rosalía de Castro.
Visita de Gala Murguía a Blanca Quiroga na súa casa da rúa Tabernas da Coruña (1956).
Real Academia Galega. Arquivo


