‘Xela Arias. A palabra esgazada’, finalista nos Premios Mestre Mateo na categoría de serie web

A primeira serie documental da Real Academia Galega é unha das finalistas da vixésima edición dos Premios Mestre Mateo, anunciou este xoves a Academia Galega do Audiovisual. Xela Arias, a palabra esgazada, con máis de 60.000 visionados en Youtube, converteuse nunha das series web en galego máis vistas da historia cunha ollada creativa e diferente sobre a poeta, editora e tradutora á que a RAG lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2021.

Á última edición dos Mestre Mateo presentáronse 162 obras estreadas en 2021 (un 11% máis ca no ano anterior): 19 anuncios publicitarios, 29 curtametraxes, 28 documentais, 8 longametraxes, 32 programas de televisión, 5 series de televisión, 27 videoclips e 14 series web, a categoría na que compite Xela Arias, a palabra esgazada xunto a Delicias amargas, Mataría e Cacola.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, celebra a escolla da serie como finalista dos grandes premios do audiovisual galego, unha decisión que, destaca, “ratifica o acerto da institución na súa aposta polo audiovisual como medio para chegar ao público máis novo, ao que confiamos o futuro da nosa lingua e da nosa cultura”.

Xela Arias. A palabra esgazada foi producida pola Real Academia Galega en colaboración con Miramemira, con guión de María Yáñez e música de Cintaadhesiva, e co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. O relato consta de seis capítulos que afondan nas raíces vitais e literarias de Xela Arias (1962-2003), na súa relación con outras artes, no labor como pioneira da edición profesional en galego, na súa voz poética, na ollada á maternidade a través do poemario Darío a diario e na pegada que deixou nas xeracións vindeiras. E faino transmitindo as ganas de vivir da autora e o seu inconformismo co sistema que a rodeaba, empregando como guía da narración a voz da propia Xela Arias, fragmentos dos seus poemas e outros escritos, explica a guionista María Yáñez. A narración contou ademais coas voces de poetas novas para darlles vida ás palabras que ganduxan un relato rico en testemuños que van trazando os distintos perfís da protagonista.

Colaboracións
Entre outras colaboracións, a produción contou coa da CRTVG, que cedeu gravacións de Xela Arias conservadas no seu arquivo. A voz da poeta tamén se escoita recitando nas gravacións cedidas polo músico Fernando Abreu, con quen a escritora preparaba un espectáculo poético-musical no momento do seu pasamento en novembro de 2003.

A nai de Xela Arias, Amparo Castaño, o seu irmán Lois Arias, o fillo, Darío Gil Arias, e a exparella, Xulio Gil; artistas e escritoras e escritores coetáneos como o músico Fernando Abreu ou a poeta e académica Ana Romaní; compañeiros de Xerais como Xulián Maure, Víctor F. Freixanes, Celia Torres e Manuel Bragado; e profesionais da tradución como Xavier Senín e Tamara Andrés son parte das persoas que participan na serie canda outras voces novas como as de Berta Dávila, Arancha Nogueira, Alba Cid, Silvia Penas ou Marcela e Andrea Porto, da Banda da Loba.

Capítulos
O capítulo 1 céntrase nos seus primeiros anos de vida, os transcorridos entre a Sarria natal, a cidade de Lugo e o Vigo que a acolleu a partir dos 7 anos. Os demais episodios profundan nos ambientes que condicionaron a ollada e a escrita de Xela Arias –en especial o urbano próximo á Movida dos 80– e nas súas distintas facetas, non só como escritora transgresora e en constante diálogo con outras artes, senón tamén como unha das primeiras profesionais do mundo da edición e da tradución nunha incipiente industria editorial que tiña como misión normalizar a lingua galega e fixar a normativa