'Toponimízate 2022' arrinca en Pantón co obxectivo de recoller os microtopónimos do 40 % do territorio do concello lugués

O concello de Pantón será o encargado de abrir o pano da edición 2022 de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A primeira charla da campaña de divulgación sobre o patrimonio toponímico galego será este venres, 17 de xuño, a partir das 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura deste concello da Ribeira Sacra lucense. Ademais de coñeceren a orixe e o significado dos nomes de lugar do municipio, as persoas asistentes aprenderán como funciona a plataforma colaborativa Galicia Nomeada, que permite implicar a cidadanía activamente na recolla da microtoponimia, nomes tradicionais de leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder.

A Real Academia Galega organiza dende hai cinco anos Toponimízate en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co dobre obxectivo de divulgar a singularidade do rico patrimonio inmaterial que é a toponimia galega e promover a súa conservación. As charlas son impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que será presentado en Pantón polo académico correspondente e membro do mesmo seminario Antón Palacio. O académico, natural deste municipio, dedicou a súa tese de doutoramento, hai xa catro décadas, á toponimia da súa terra natal. 

Vicente Feijoo e Antón Palacio estarán acompañados por Flora Enríquez, coordinadora das XXXIII Xornadas da Rota do Románico, o tradicional ciclo de conferencias e actividades que logo de dous anos regresa á programación do Concello de Pantón e no que está encadrada esta primeira charla de Toponimízate.

Na sesión explicarase o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, que permite as persoas usuarias converterse en colaboradoras activas na salvagarda da toponimia tradicional. No concello de Pantón é necesaria esta tarefa pois, a pesar que se desenvolveu anos atrás o Proxecto Toponimia de Galicia, este só abrangueu o 60 % do territorio. Atán, Cangas, Eiré, Mañente, Moreda, Ribeiras de Miño e Vilar de Ortelle son as freguesías deste concello da Ribeira Sacra nas que aínda non foi recollida a microtoponimia, polo que o Seminario de Onomástica fai un chamamento para que a veciñanza destas parroquias acuda á charla e se anime a colaborar no traballo de recolla.

Na sesión tamén se explicará a orixe e o significado dos nomes das 26 parroquias e dalgúns dos 295 lugares do concello de Pantón. Esta sección conta co apoio do académico electo Gonzalo Navaza, aínda que o documento base de partida é a tese de doutoramento de Antón Palacio. 

Tal é a riqueza toponímica do municipio de Pantón que nel se atopan exemplos de todas as motivacións semánticas: ecotopónimos como Casanova ou A Granxa; zootopónimos como A Oseira ou Pombeiro; hidrotopónimos, como A Regueira ou Augas Santas; litotopónimos como As Laxes; fitotopónimos como Moreda, Abelaira, Salgueiros, Souto ou Campo das Parras; orotopónimos como O Outeiro, haxiotopónimos como San Romao ou Santipedre; antropotopónimos como Reiriz, Pantón ou Guimarás e mesmo xentilicios como Galegos, Toldaos ou Faramontaos, un topónimo este último non exclusivo de Galicia e que foi obxecto de múltiplas interpretacións etimolóxicas.

O 4 de xullo, os maiores de Sada serán os protagonistas
Despois de Pantón, a vindeira charla Toponimízate será, talvez, a máis especial da tempada. O día 4 de xullo o público de excepción serán as persoas usuarias do Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada. Está cita é de especial interese porque Sada é outro dos concellos nos que máis urxe recoller a microtoponimia; e tamén porque son as persoas maiores as que atesouran o patrimonio inmaterial que é a toponimia tradicional, saliéntase dende o Seminario de Onomástica.