Ramón Nicolás , académico correspondente

“‘O cego de Pumardedón’ é unha novela herdeira da xeración Nós, con peso da descrición paisaxística”

Foi un mozo namorado da lectura e cando estudaba bacharelato soñaba con chegar a ser escritor, confesou Francisco Fernández del Riego nas súas memorias. Don Paco escribiría na súa longa vida ducias de libros e milleiros de artigos pero tan só unha novela, O cego de Pumardedón, quizais polo pouco tempo que lle deixou a súa teima por cubrir outras necesidades da cultura galega, suxire Ramón Nicolás. O académico correspondente volve ás páxinas desta obra nas Letras Galegas 2023 para confrontalas co acabado de saír do prelo Diario da guerra do protagonista do vindeiro 17 de maio, que permanecera ata este ano inédito. “O diario é memoria de carácter real mentres que a novela, aínda que ten certos elementos de tipo autobiográfico, é ficción e o seu protagonista, Mauro, non é don Paco”, analiza o crítico, autor da biografía Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo (Xerais, 2022). Canto ao plano literario, destaca a riqueza expresiva dun escrito esixente que sen dúbida bebe das múltiples lecturas do gran lector que foi sempre Del Riego.

Ramón Nicolás , académico correspondente

O protagonista d’O cego de Pumardedón é Mauro, un home que tras perder a vista na guerra civil volve á súa terra, deixando atrás a vida na cidade antes do conflito bélico que tanto o marcou física e psicoloxicamente. É unha obra publicada serodiamente, no ano 1992, despois de que, sete anos antes, visen a luz na revista Grial un par de capítulos. Cadrando coas Letras Galegas dedicadas a don Paco, a novela volve ás librarías reeditada por Ir Indo.

O cego de Pumardedón é dalgún xeito unha rareza na obra de Del Riego, centrada no ensaio e na divulgación. Pensa que a don Paco lle gustaría escribir máis narrativa de ficción?
Coido que é ben probable que se non se vise obrigado a un labor continuo de ir cubrindo lagoas da cultura galega deixaría máis produción narrativa de certo alento. Pero don Paco dedicou practicamente toda a súa vida a cubrir carencias. Dende os anos da República estivo presente nos medios de comunicación para espallar o pensamento galeguista e a cultura galega, e na posguerra centrou o seu labor na divulgación das nosas letras. Escribiu libros de historia da literatura galega, un dicionario de escritores, aínda que se publicase posteriormente, un vocabulario galego-castelán, libros de crónicas e viaxes...

Que acollida recibiu a novela cando saíu do prelo en 1992?
Non tivo o eco que talvez se puidese agardar, aínda hoxe, ao se tratar da primeira entrega narrativa de don Paco. Pero, con todo, coido que é unha obra que ten moitos méritos. En primeiro lugar, nos anos 90 non era moi habitual a narrativa sobre asuntos relacionados coa guerra civil, e unha das liñas esenciais da novela é esa.

No texto en cursiva Mauro lembra a guerra. Que conexións se poden establecer entre esta novela e o Diario da guerra de Francisco Fernández Del Riego, inédito ata este ano 2023?
Tiña dúbidas de se dalgún xeito a novela gardaba relación co diario, na medida en que a primeira fai esa evocación da guerra civil. Pero aínda que na novela se transmite esa sensación que don Paco denominaba o amarguexo, o diario é memoria de carácter real mentres que O cego de Pumardedón é ficción. E Mauro non é don Paco, malia existiren certos elementos de carácter autobiográfico que non son difíciles de rastrexar. Da súa cegueira pódese facer unha lectura de carácter metafórico da Galicia derivada da guerra, e o propio Mauro, coma don Paco, pretende certa reconstrución do pensamento que el acreditaba nos tempos da República, así que nisto tamén se ve afinidade coa filiación de Del Riego, sobre todo no que atinxe á reconstrución do galeguismo de mediados dos anos 40.

Como definiría o estilo no Del Riego ficcionador?
Coido que hai un exercicio literario que bebe das súas lecturas como lector impenitente dende a infancia. E quizais por iso supón un nivel de esixencia para o lector ou a lectora que non era moi habitual no momento en que se publicou. E dalgunha maneira don Paco tampouco pode prescindir do que é o seu estilo de carácter ensaístico e divulgativo, ao que practicamente se dedicou toda a vida. Na novela hai un peso moi grande da descrición, e en concreto da descrición paisaxística, tanto da época da guerra coma do presente do protagonista. Penso que é herdeiro da xeración Nós, fundamentalmente de Otero Pedrayo, e transmite a devoción que don Paco sentía pola obra narrativa de Otero, alén da súa propia figura.

Chama a atención o nivel de detalle da paisaxe que ofrece un personaxe cego, con descricións de gran detalle e sensoriais.
Efectivamente, hai un proceso de descrición dunha realidade na que por veces Mauro non pode entrar, unha realidade que non ve pero que dalgunha maneira reconstrúe, e esas descricións teñen un carácter moi plástico. A paisaxe natural está sempre moi presente, mesmo na casa na que el vive, na aldea de Pumardedón. Con este topónimo fai ademais unha homenaxe á súa propia terra natal, porque Pumar de Don é un lugar da parroquia de Santa María de Lourenzá.

Del Riego ten tamén publicados un par de relatos. Un deles é Na espera do amigo, que saíu do prelo nos anos 90 e reeditado en edición facsimilar este ano polo Consello da Cultura Galega, e o outro San Andrés de Teixido, que viu a luz no seu momento na colección Contos do Castromil.
Son dous textos non exentos de interese. Na espera do amigo pediullo Román Pereiro para unha edición especial acompañada por serigrafías de Laxeiro. O propio editor confesa que cando llo foi solicitar Del Riego díxolle que estaba equivocado, que el non escribía narrativa, pero aos dous días chamouno e comentoulle que tiña un texto dos seus tempos en Santiago de Compostela, dos anos 30. É revelador porque confirma que don Paco nos tempos da República transitaba, polo menos circunstancialmente, pola ficción. É un relato breve que pode entenderse tamén en clave metafórica, porque ese amigo que se agarda poida que veña da emigración ou poida que sexa a propia morte. E, volvendo a Otero, o protagonista chámase Adrián.

E San Andrés de Teixido?
Malia estar incluído na colección Contos do Castromil, non hai un fío de carácter ficcional, non pode considerarse un relato. É un texto interesantísimo no que verte moitísimos coñecementos de carácter etnográfico, antropolóxico, relixioso e lendario arredor de Santo André de Teixido, pero non hai un personaxe ou uns personaxes que desenvolvan unha acción. É en realidade un texto de carácter ensaístico e divulgativo. Como afeccionado que era aos libros de crónicas de viaxes, incluso pode estar na liña de Pelerinaxes, obra na que Otero Pedrayo narra a viaxe a pé que fixo a Santo André en 1927 con Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. Dalgún xeito Del Riego establece un fío con ese libro, aínda que se trata dunha achega moito máis divulgativa e breve na que non se conta a viaxe, só se fala do que hai e do que había en Santo André de Teixido.