LG_2021

Xavier Senín, académico correspondente

“Encantoume traducir A Peste. O que nos acontece hoxe está nese libro”

Xavier Senín, académico correspondente

Leva décadas facendo falar galego a Astérix e formou parte do equipo que traduciu O Quixote á nosa lingua. E estes dous personaxes literarios son só unha pequena mostra do gran traballo, en cantidade e calidade, que Xavier Senín (Pontecesures, 1949) desenvolveu desde finais dos anos 70 facendo nosas obras da literatura universal. A Real Academia Galega recoñeceu este labor, entre outras achegas do filólogo á cultura, elixíndoo o pasado outubro académico correspondente. Pouco despois era distinguido co "Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020" do Ministerio de Cultura, cuxo xurado salientou tamén a “calidade e meticulosidade” dos milleiros de páxinas que traduciu. Neste entrevista Xavier Senín repasa a súa traxectoria, os seus gustos como lector e tradutor e a situación dun seu sector con debilidades, pero tamén con grandes profesionais novos que representan “unha garantía de futuro”. E recorda a Xela Arias, poeta e tradutora con “obras excelentes” en ambas as facetas. As Letras Galegas 2021 que lle renderán homenaxe –confía– farán a través dela máis visible ca nunca a función dos profesionais da tradución.

Que significa para vostede o Premio Nacional á toda unha traxectoria como tradutor?
Primeiro unha inesperada sorpresa, pero sobre todo unha honra que se me concede por un traballo que ao fin e ao cabo realicei con moito gusto. Supón asemade, sen ningunha dúbida, unha responsabilidade que me obriga a seguir facendo nosas máis obras da literatura universal para que poidan dispoñer delas as persoas que len en galego.

Cal é o estado de saúde da tradución cara ao galego? Que pode facerse para seguir avanzando?
A creación da Facultade de Tradución na Universidade de Vigo fíxonos moito ben a todos. Desde hai uns anos temos a sorte de poder contar con persoas magnificamente preparadas no seu oficio. As editoriais convencionais seguen aportando ao seu fondo obras traducidas. Hai pouco xurdiron novas empresas que centran a súa actividade na tradución como Rinoceronte, Hugin e Mugin ou Irmás Cartoné. Doutra parte, en toda a cadea do libro existen moi boas profesionais coñecedoras do seu traballo, a comezar polas persoas que se dedican á creación, desde os editores ás libreiras pasando pola xente que ilustra e maqueta, as mediadoras... Elas e eles, cada vez máis novos, representan unha garantía de futuro. Ora ben, sendo iso así, o libro galego está instalado nun sistema con moitas debilidades, a principal delas a falta de lectores e máis precisamente un lectorado cativo, demasiado dependente do mundo escolar. Dicía Valentín Arias que o lector galego debería ter a posibilidade de ler un best-séller en galego ou en castelán. Viña dicir: Non se lle pode pedir a un lector que non lea un libro en castelán e agarde a que apareza en galego. Se se considera que o libro é un ben cultural, a Administración teríase que implicar máis a fondo.

Como comezou no mundo da tradución? Por atracción, casualidade ou compromiso?
Por atracción non, máis ben por casualidade e por compromiso a partes iguais, dada a escaseza de persoas que traducisen. Coma en tantas cousas da vida confluíron varias causas: que algún profesor meu me recomendase a editores e que Carlos Casares me pedise axuda para traducir uns contos que lle enviaran de Cataluña. Decontado xa foi collerlle o gusto ao labor e agora é a miña actividade favorita. En 1984 xa era plenamente consciente da importancia e a necesidade da tradución e participei na creación da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), un proxecto en man común que se construíu co esforzo de bastantes persoas ligadas ao mundo da filoloxía. Desde a asociación puxemos en marcha varios proxectos para anosar os clásicos e as obras da literatura infantil e xuvenil que se publicaban noutras linguas e non chegaban á nosa xente miúda.

Este ano a protagonista do Día das Letras Galegas é Xela Arias, que tamén foi membro da ATG. Como valora o seu traballo neste eido? Que significan estas Letras Galegas para o mundo da tradución?
Malia considerarme amigo de Xela, en realidade non tiñamos moita relación directa, máis ben estabamos en contacto a través do seu pai e da súa nai. Con todo e iso, podo dicir que seguín a súa carreira literaria con admiración e asombro. Se lle botamos unha ollada ao seu currículo, veremos que viviu dúas décadas de madureza moi produtivas con obras excelentes tanto de creación literaria coma de tradución. Unha lectura aos máis de vinte títulos traducidos amósanos o dominio que tiña de varias linguas e a variedade tanto nos xéneros coma nos contidos. Notábaselle que gozaba co traballo que facía. 

Para o mundo da tradución foi unha gran nova que se lle dedicase o Día das Letras galegas a Xela, unha escritora na que a importancia do seu traballo tradutolóxico é máis importante ca o de todas as figuras que a precederon. Por primeira vez o noso labor farase máis visible grazas ao seu afán por conseguir poñer a disposición das lectoras e os lectores galegos grandes obras da literatura universal. Os resultados do seu traballo intenso e extenso contribúen a dignificar o labor da tradutora e a colocar o galego en plano de igualdade coas demais linguas de cultura. Gustaríame salientar, ademais, polo que eu cheguei a coñecer, o seu traballo como editora, unha profesión na que se formou de maneira autodidacta e na que acabou sendo moi competente. 

Nas Letras Galegas 2021 o noso traballo farase máis visible. Xela Arias, co seu espírito máis aberto, aportou aire fresco ao equipo de tradución do Quixote

Xela Arias formou parte do equipo que traduciu en 1990 ao galego El Quijote. Como asumiron aquela encarga?
Ao primeiro non estabamos nada animados porque considerabamos que había cousas máis urxentes para incorporar ao galego. O Quixote podemos lelo todos na lingua en que foi escrito. Por fin convencémonos de que tarde ou cedo a obra tiña que incorporarse ao noso patrimonio literario en galego. Baixo a coordinación de Valentín cadaquén enfrontouse aos propios atrancos e consultamos especialistas para resolver as moitas dificultades que xurdiron: lingua da época, refráns, frases feitas... O encargado da redacción final e mesmo dunha revisión e actualización normativa que se fixo anos despois foi Valentín Arias. Para todas as persoas que o traducimos supuxo varios meses de intenso traballo, un reto importante nas nosas vidas do que nos sentimos satisfeitos. Cómpre valorar de maneira especial a contribución de Xela, unha moza que aínda non fixera os trinta, pero que estaba preparada para acometer grandes empresas coma esta. Ela deu conta cabal do traballo na parte que lle tocaba e, co seu espírito máis aberto ca o noso, aportou aire fresco ao equipo e aínda apoiou, completou e mellorou o labor dos demais membros do grupo coas súas observacións.

Vostede traduciu ao galego máis de 150 títulos. Algúns dos máis populares, e nos que segue a traballar, son os álbums de Astérix.
Entrei en contacto cos Astérix hai moitos anos. No verán de 1976 fun preparar as oposicións a unha vila francesa. A primeira noite durmín na casa da profesora que nos daba clase, no cuarto do seu irmán. Tiña todos os Astérix que se publicaran ata daquela e esa noite lin unha boa parte. Durmir, durmín pouco. En días sucesivos remateinos todos. O que máis me chamara a atención é que había polo menos un traducido ao latín. 

De acordo co seu xénero, os álbums de Astérix pouca letra teñen. É inversamente proporcional ao esforzo que require a súa tradución? Ata que punto é unha dificultade engadida o humor para o labor dun tradutor? No caso de Astérix son célebres as adaptacións ao contexto galego. Hai tamén moito traballo creativo e de interpretación. Como se cultiva?
O esforzo desde logo é moi importante porque cómpre reflectir dalgunha maneira os xogos de palabras e de enxeño do guionista. Hai que ter en conta que Goscinny (agora Jean-Yves Ferri) pensa na súa lingua e non se preocupa de que se vaia traducir a outras, non é o seu problema, é cousa dos tradutores. Por riba, o guión e a ilustración forman un todo indisociable e cómpre ter conta de todo. Por veces non é posible ser fiel ao orixinal; nese caso as persoas que traducimos temos que recorrer a manter o espírito da lingua de orixe noutras palabras ou noutras pasaxes do texto. Tentamos adaptar todo á nosa realidade para que se entenda desde aquí. As cancións, un supoñer, son cancións populares ou que todo o mundo recoñece. A aldea gala podería moi ben estar situada no noroeste da Península Ibérica. Ao primeiro, Valentín Arias, Isabel Soto e mais eu dabámoslle moitas voltas ata que quedabamos máis ou menos convencidos. Desaparecido Valentín, agora traducimos Isabel, Alejandro Tobar e mais eu.

E que hai dos clásicos? De cales ten un recordo especial?
Sempre me apaixonaron os clásicos: George Sand, Daudet, Flaubert, Maupassant, Mirbeau... Nestes momentos que vivimos lémbrome d'A Peste. Foi un libro que me encantou traducir porque é un clásico do século XX que estudei na facultade cando era novo. Fíxome moita ilusión e aínda nos deu traballo abondo a Isabel Soto e mais a min. Quen nos ía dicir a nós pouco tempo despois que iamos vivir o que se conta na novela, se cadra aínda máis agravado porque a covid-19 ten alcance mundial e non está restrinxida a un lugar como Orán. O que nos acontece hoxe está nese libro. Lembreime moito de Carlos Casares que adoitaba dicir que a realidade supera sempre a ficción. Tiven ocasión de verificar a exactitude das súas palabras cando se produciu o ataque ás torres xemelgas de Nova York. 

Dentro da literatura infantil gustoume traducir unha clásica actual como Lidia Bojunga, pero especialmente Juan Farias, que morreu vai para dez anos, de quen gardo unha lembranza moi especial, como escritor e como persoa. 

Pero adoitan cadrar os libros que traduce cos seus gustos lectores? Como lector, que autores e autoras lle gustaría especialmente traer á nosa lingua?
Case sempre traducín o que me propoñían e mesmo algunha vez tiven que rexeitar algunha proposición por non sentirme con forzas ou con tempo. Gustaríame traducir máis autores franceses clásicos: Mauriac, Gautier, Balzac, Giraudoux, Anatole France... e algunha das magníficas escritoras francesas que quedaron no esquecemento: Anna de Noailles, Claire de Duras, Madame d’Aulnois, a condesa de Ségur... De por parte, considero imprescindible traducir obras actuais, os grandes escritores franceses como Pennac ou Gabalda e tamén os grandes premios literarios como o Goncourt. Gustoume moito traducir a Yasmina Reza e levei unha grande alegría cando mo propuxeron. 

A Biblioteca virtual da literatura universal en galego foi esmorecendo por falta de axudas. Precisa dun apoio decidido para sacala do estado no que se atopa

Que lle gustaría achegar á Academia?
A Academia debe funcionar como motor da sociedade. A miña humilde contribución terá que ser axudar no posible cos meus coñecementos no mundo do libro. No que atinxe á tradución, temos a sorte de que entre os membros da RAG hai tradutores e tradutoras moi competentes, algúns deles activos hoxe, pero é imprescindible facer máis visible o noso traballo e aumentar o número de libros traducidos.

Non podo esquecer un proxecto que Xulián Maure puxo en marcha desde a Asociación de Tradutores Galegos, a Biblioteca virtual de literatura universal en galego (BIVIR), máis de 200 títulos na Rede (tradutoresgalegos.com) a disposición de quen os queira ler de modo completamente gratuíto. Duns anos para acá foi esmorecendo por falta de axudas ata o punto de que un proxecto tan fermoso e ao mesmo tempo tan necesario funciona cun andar pousón. Precisaría un apoio decidido para sacalo do estado no que agora se atopa.