Beatriz Liz de Cea , historiadora da arte

“Del Riego defende a arte galega que mira cara ao universal e á modernidade”

20 de xullo de 1933. Ultreya inaugura no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela o seu primeiro Salón de Belas Artes. O secretario xeral da agrupación xuvenil, Francisco Fernández del Riego (1913-2010), coñecido xa pola súa oratoria no acto galeguista da Bandeira e colaboracións en diversos medios, pronuncia o que pode considerarse o discurso que dá inicio a un notable labor de divulgación da arte de noso. Nos meses previos, este mozo de só vinte anos fora recibindo no fogar familiar da rúa Virxe da Cerca obras para esta exposición de novos artistas como Mario Granell, Isaac Díaz Pardo ou José de Castro Arines, conta Beatriz Liz de Cea nas primeiras páxinas de Don Paco, letras para a arte galega (Galaxia, 2023). A historiadora de arte viguesa, comisaria da exposición Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega, presenta un libro que deita luz sobre o papel que o protagonista do Día das Letras Galegas 2023, recoñecido sobre todo pola súa relación coa literatura, desempeñou na proxección da expresión plástica. Don Paco tamén tivo bo ollo para identificar grandes pintores dende os inicios e a arte, coma os libros, “acompañouno toda a vida”, salienta a autora. 

Beatriz Liz de Cea , historiadora da arte

Beatriz Liz de Cea lembra, entre outros episodios, que Del Riego organizou dende Galicia a exposición de arte do Centro Galego de Buenos Aires de 1951, contribuíu á visibilidade de artistas como Manuel Pesqueira e, máis adiante, divulgou igualmente a creación de artistas de novas xeracións como Elena Colmeiro e Din Matamoro. E tamén afonda na amizade que o uniu a creadores como Maside e Seoane nun relato que non descoida o lado máis humano do homenaxeado.

Del Riego, sendo xa profesor de Dereito, foi quen impartiu na Semana Cultural Galega do Porto de 1935 a conferencia titulada “A nova arte galega”, no mesmo foro no que participaron grandes como Castelao e Otero Pedrayo. Este dato ilustra, ao seu ver, a consideración que xa debía de ter no Seminario de Estudos Galegos como persoa moi cultivada no tema, que levou ao terreo do articulismo tanto naqueles anos coma a partir da posguerra. Porén, el nunca se considerou crítico de arte.
Sen ser crítico de arte, tiña unha formación artística salientable nun momento en que na prensa galega non había críticos como tales. Había sobre todo intelectuais que falaban das exposicións e do que se estaba a mover, pero Del Riego tiña todas as ferramentas formativas para escribir de arte como se fose un historiador da arte. Nas referencias que emprega decátaste de que leu manuais importantísimos a nivel internacional.

Vostede salienta o seu empeño dende eses anos 30 en comparar os artistas galegos con nomes xa recoñecidos internacionalmente, dos que é bo coñecedor.
Así é. Penso que as comparacións que fai eran algo totalmente intencionado, pero non inventado. As confrontacións que establece entre a arte galega e os movementos internacionais son intelixentes. Cando compara a Eiroa con escultores que xa forman parte do panorama europeo, como o catalán Josep Clarà e o murciano José Planes, faino cunha clara intención de pór a arte galega no panorama internacional, fóra do localismo, pero sen perder a identidade e a raíz. É un divulgador absoluto que defende a arte galega dende un punto de vista autóctono sen renunciar á mirada cara ao universal e, sobre todo, cara á modernidade. Cómpre lembrar que a finais dos anos 20 Castelao xa empeza a falar da necesidade de superar o sentimento rexionalista, que foi moi importante na arte galega, pero que tiña o defecto de facer moita anécdota, unha pintura demasiado amable que non reflectía a realidade.

No libro cita unha frase moi expresiva de Del Riego que di que a arte non ten que facer cóxegas nos ollos.
Xusto, tamén Castelao dicía sempre que el non tiña vocación de estupefaciente, que representaba as cousas como son. Pero aínda que Del Riego era partidario de estéticas moito máis universais sen perder a nosa tradición, como as de Colmeiro, Maside e, despois, Seoane e Laxeiro, el tamén defendeu moitos pintores que non estaban dentro do movemento renovador.

Como Xulia Minguillón.
Por exemplo, si. Pero non a defendeu por cuestión da amizade que mantiñan dende adolescentes, senón porque era unha gran pintora, aínda que a súa estética parecese máis académica no seu momento. Penso que Del Riego era moi consciente da situación que existía en Galicia, sometida a unha auténtica censura, e tamén do que estaban a facer os pintores exiliados, que gozaban dunha liberdade expresiva totalmente diferente, non estaban coartados. E, así, escribiu e defendeu tamén o bo facer doutros pintores relativamente descoñecidos que non referencio no libro, como José Antonio Suárez-Llanos, ou da propia Xulia Minguillón, que daquela tiña moito éxito como retratista.

Que peso ten o articulismo sobre arte no conxunto da obra xornalística de Del Riego, con milleiros de entradas?
É certo que os seus temas prioritarios son outros, e que quizais en conxunto os artigos sobre arte non cheguen ao 15 %, pero teñen un peso grande, tanto na década dos anos 30 coma posteriormente. Sobre todo a partir do ano 1947, cando empeza a escribir bastantes textos sobre arte na prensa da emigración.

A través de Seoane.
Así é. Ese ano recibe por parte de Luis Seoane a petición de colaboración co Centro Gallego de Buenos Aires, a través da revista Galicia. Pídelle directamente que dedique o seu espazo a escribir sobre os artistas que están a traballar en Galicia, e Del Riego dedícalles monográficos a pintores como Maside, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Virxilio Blanco para que se coñezan na Arxentina.

A relación con Seoane e a diáspora bonaerense vai alén dos artigos. Rememora no libro como Del Riego organiza dende Galicia a exposición Artistas gallegos que se celebra no Centro Gallego no ano 1951. A organización, detalla, non estivo exenta de desavinzas.
Foi realmente Seoane quen colocou a idea enriba da mesa e Del Riego asumiu con Valentín Paz-Andrade o labor de comisario dende Galicia. Para min, que son consciente do traballo que require facer o comisariado de exposicións, resultou abraiante seguir este traballo a través das cartas que intercambiaron. Del Riego compaxinou con outros labores como a posta en marcha da editorial Galaxia, e foi quen de facelo nuns tempos en que as cartas de ida e volta tardaban en chegar ao destino sete días. Foi coñecer a Pesqueira ao seu estudio, tivo que estar enriba de Laxeiro para que pintase, tratar de que cada pintor fixese o que tivese que facer... porque non é o mesmo organizar unha mostra de pintores que xa non están que unha de artistas vivos, cada un coa súa personalidade. E a todo isto houbo que engadirlle a dificultade de mover naquel momento as obras de Galicia á Arxentina.

Algunhas de gran tamaño, difíciles de encaixar no espazo dispoñible e de vender a particulares, o que non lle fixo moita graza a Seoane.
Así é, hai varias cartas de Seoane a Del Riego nas que lle vén dicir: “Pero isto que é?” (ri). Pero a exposición foi importantísima. Por exemplo, Faílde, o único escultor que vai á mostra, foi tremendamente aceptado en Buenos Aires, abriu alí mercado a través desta exposición. Laxeiro marchou á inauguración desta exposición, e quedaría xa en Buenos Aires ata o seu retorno definitivo en 1970.

Outro motivo de diferenzas foi a listaxe de artistas, o que nos volve levar a Xulia Minguillón. Como resolveu don Paco este episodio?
Seoane pensara nunha exposición centrada na arte renovadora, sobre todo en Maside e Laxeiro, que eran os grandes puntais. Xulia Minguillón foi para el unha imposición do Centro Gallego, pero coa súa man esquerda Del Riego fíxolle ver que permitía ofrecer un balance da arte galega moi interesante, comparando dúas visións do momento dende o exilio interior.

Ata que punto Fernández del Riego contribuíu a darlles visibilidade a artistas apenas coñecidos no seu momento? No libro menciona o caso de Pesqueira e acaba de referise tamén a Faílde. Hai máis?
Francisco Fernández del Riego tivo bo ollo para detectar dende os seus inicios pintores que hoxe consideramos parte dos grandes. A primeira crítica de Laxeiro faina nos anos 30 Del Riego, e tamén asina a primeira de Mario Granell. Décadas despois volverá facer o mesmo cando cheguen as novas xeracións. Escribe tamén sobre Mercedes Ruibal cando está comezando e el, nos anos 50, xa é unha figura recoñecida no ámbito intelectual; dedícalle unha columna enorme a Elena Colmeiro cando fai a súa primeira exposición, fala tamén de Din Matamoro, todos de xeracións posteriores, porque, como fixo no campo da literatura, tamén tivo en conta sempre os novos artistas. Daquela, foi importante para os artistas? Eu penso que si o foi. Probablemente sen os seus artigos non terían tanta presenza no panorama cultural e xornalístico, tanto nos anos 30 coma posteriormente.

Don Paco, letras para a arte galega é tamén unha historia da amizade a través da arte.
Quixen incidir na parte máis íntima para humanizar a figura de Del Riego. Moitas veces, cando pensamos nel, coidamos que precisariamos cinco vidas para facer todo o que fixo e vemos só esa parte súa máis académica, pero tamén era un home que ía ver o Celta e que falaba de cousas banais. Cando abordei a escrita do libro, falar das súas relacións de amizade cos artistas foi para min unha premisa. Don Paco foi un grande amigo tanto de Seoane coma de Maside, e tamén de Laxeiro, con quen publicou en 1994 un relato dos anos 30, Na espera do amigo, que acaba de ser reeditado nunha edición facsimilar. Con Seoane estableceu unha auténtica conxunción non só de amizade, tamén intelectual. O artista chega a dicirlle nunha carta que é o seu grande interlocutor en Galicia, practicamente o único que o entende, sobre todo no referido á arte. A súa relación arrinca cando os dous son universitarios en Santiago, nos anos 30. Nesa década é cando entra tamén en contacto con Maside, que é dezaseis anos maior ca el e que representa para el un auténtico mestre da arte. O pintor foi non só o seu asesor artístico como amigo, tamén o foi da editorial Galaxia nos seus comezos.

Falemos por último da colección de arte persoal que Del Riego doou ao Concello de Vigo, aberta ao público dende 1997 na Casa Galega da Cultura. Agora mesmo nesta pinacoteca que leva o seu nome pode verse tamén a exposición Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega, da que vostede é comisaria.
A exposición inaugurouse en novembro de 2021, despois de tres anos de traballo. En xullo de 2022 a Real Academia Galega anunciou que Francisco Fernández del Riego sería o protagonista do 17 de maio de 2023, polo que se decidiu prorrogar a mostra ata o 7 de xaneiro de 2024. Canto á colección artística de don Paco, é pequena en número de pezas plásticas, 79, pero moi curiosa, tanto polo que reflicte do seu labor de defensa da arte galega coma da súa relación cos artistas; e moi interesante porque, quitando tres debuxiños de Ovidio Murguía, da xeración Doente, vai dende os primeiros renovadores ata pintores dos anos 80. Hai unha máscara d’Os vellos non deben namorarse, chegada dende o exilio, e dous debuxos magníficos da primeira etapa humorista de Castelao; Manuel Torres está moi ben representado, Maside, Seoane... Atópanse artistas posteriores, como as xa mencionadas Mercedes Ruibal e Elena Colmeiro, Álex Vázquez, con quen Del Riego tivo moita relación nos últimos anos da súa vida, ou Ángel Sevillano, de quen foi un dos grandes defensores, e Din Matamoro, totalmente contemporáneos. Canto ás técnicas, a colección consta de esculturas, óleos e gravados, entre eles unha litografía de Picasso que mercou en París cando foi visitar a Colmeiro en 1953, cando puido saír do país por primeira vez tras a guerra.

No libro resalta a cantidade de retratos do propio Del Riego.
Si, pero isto coido que non se debe só ás relacións de amizade, senón que vai máis alá, ten que ver coa forte ligazón de Del Riego co mundo da arte, porque é certo que os pintores regalan obras pero non tantas (ri). Ata que falece Maside, pódese ver a evolución física de Del Riego a través dos seus debuxos. O retrato que lle fixo Xulia Minguillón, que ilustra a portada do libro, penso que é un dos mellores da artista. Foi ela quen quixo pintalo e Del Riego sentía moito afecto por el. Dedicoulle un artigo marabilloso, “Desde mi retrato” (La Noche, 1950), no que fala da súa relación coa pintura e coa arte. En calquera caso, cómpre aclarar que cando falo de agasallos estou a referirme aos retratos del. Mercou moitas das obras da colección. Nunca carta a Seoane cóntalle que comprou un cadro de Virxilio Blanco a prazos.