Costa do Solpor, merecedora do Premio da Crítica de creación literaria de 2014, volveu saír do prelo en 2017 nunha versión titulada Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, con 220 páxinas menos. Nesta última baséase o artigo que asina Xosé María Rei Lema, quen valora esta obra de Xosé María Lema como un exemplo de calidade nun dos campos, o da fraseoloxía, que “máis sofre a pobreza léxica” na prosa galega actual. O autor da análise contabiliza nas súas 425 páxinas uns 950 fraseoloxismos, entre os que se inclúen tamén unha ducia de refráns.
As expresións ofrécense ordenadas alfabeticamente, acompañadas da súa explicación e exemplos tirados da novela coa referencia da páxina correspondente. Entre elas destacan sobre todo as relacionadas co mar, xa que esta é unha novela de aventuras ambientada na costa coruñesa do século XVIII, dende a cidade herculina ata o cabo de Fisterra, unha situación xeográfica que tamén se reflicte a través das formas dialectais propias da costa fisterrá.
Expresións para cualificar o estado do mar como mar desfeito, ferver o mar, unha vaga de mar campal ou ventar un cifral; para referirse ao estado dunha embarcación (quedar ao garete, poñerse ao pairo, á valga, recoller o trapo...) ou para falar das actividades dos personaxes (andar ás crebas, andar ao corso, armar en corso...) son só algúns exemplos da pegada mariñeira na fraseoloxía que se atopan nunha ficción na que tamén abondan, entre moitas outras, as que indican cantidades (a centos, a eito, a embute, ás envorcadas, a esgalla, a pote, a regos...) e na que as distancias veñen marcadas por unha carreiriña de can ou diante dos fociños.
Noutro artigo, Tamara Rial Montes estuda o proceso de adquisición das estratexias de cortesía nas peticións por parte de nenos e nenas galegofalantes, dende os 4 ata o 12 anos. A investigación conclúe que, en xeral, o modelo establecido en estudos anteriores para as persoas galegofalantes tradicionais parece non corresponder co que se observa nas xeracións máis novas.
Mª Belén Senín Santiago publica no mesmo número un traballo sobre a ideoloxía e a identidade no discurso do hip-hop e do trap centrado no caso das bandas Rebeliom do Inframundo e Boyanka Kostova. A autora, a partir dunha análise crítica, expón que cada un destes xéneros encerra dúas posturas opostas no que á identidade e ideoloxía se refire, “dúas reaccións diferentes ao mundo da modernidade líquida”.