A escritora allea e nosa que cativou o público infantil e xuvenil

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos". A frase ecoa na cabeza do protagonista nas primeiras liñas de Anagnórise, o maior éxito de María Victoria Moreno Márquez como escritora de literatura infantil e xuvenil, e tamén un dos maiores das letras galegas para o público adolescente. A cita, como lembraba pouco despois do seu pasamento unha compañeira, ben podería resumir tamén a súa vida, que rematou prematuramente tal día coma hoxe, o 21 de novembro de 2005. A escritora naceu e criouse en Extremadura e chegou nos anos 60 como profesora a Galicia, onde faría do galego a súa lingua.
María Victoria Moreno Márquez
María Victoria Moreno Márquez nunha imaxe cedida pola editorial Galaxia


"Na nosa terra fixo poetas e fíxose ela mesma poeta; na nosa terra aprendeu, co agarimo afervoado que ela pon en todas as cousas, este idioma noso aqueloutrado", escribía sobre María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939-Pontevedra, 2005) o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, na primeira edición de Mar adiante (Edicións do Castro, 1973). Foi o seu primeiro libro, dedicado ao público máis novo, ao que dirixiría boa parte da súa obra unha autora "allea e nosa".

Da súa novela xuvenil Anagnórise, saída do prelo en 1988, chegaron a editarse en poucos anos vinte edicións. Pero a súa obra preferida, dicía, era Leonardo e os fontaneiros, que gañou o terceiro premio Barco de Vapor de 1985. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, é outra das súas novelas que proban tamén a súa capacidade de conexión co público adolescente, entre o que deixou igualmente unha fonda pegada como profesora de literatura en varios institutos. De maneira especial nos pontevedreses Valle-Inclán e Torrente Ballester, nos que traballou máis tempo. Ao alumnado deste último, no que se retirou, legou a súa biblioteca persoal, con máis de 5.000 libros.

Fóra do ensino regrado, María Victoria foi primeiro alumna e despois profesora de galego cando isto aínda se consideraba unha actividade semiclandestina. Unha docente que transmitía moito máis ca meros coñecementos. A académica Fina Casalderrey lembrábao o pasado 14 de novembro na homenaxe da Real Academia Galega a Ramón Cabanillas co gallo do centenario de Vento mareiro. "A primeira vez que oín falar de Ramón Cabanillas con entusiasmo, como se está facendo agora aquí, foi a unha extremeña, a María Victoria Moreno. Ela foi a primeira persoa que me falou del con tantísimo entusiasmo que eu cheguei a imaxinalo cando el era mozo nas clases de latín co cura de Corvillón", expresou.

Tamén puxo naqueles tempos en valor María Victoria Moreno as novas voces da lírica galega na antoloxía Os novísimos da literatura galega (Akal, 1973), entre elas a de Xesús Rábade, quen anos antes fora alumno seu no Instituto de Lugo. Canda el escribiría máis adiante Literatura galega do século XX (Galaxia, 1985), "un libro de amor e pedagoxía", define Alonso Montero.

A escritora "allea e nosa" que cativou o público infantil e xuvenil na nosa lingua faleceu aos 64 anos vítima dun cancro de mama. Pouco antes deixou reflectida a experiencia en Diario da luz e a sombra (Xerais, 2005), un libro no que quixo transmitir serenidade.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar