En "A nosa escola", de 1917, Viqueira defende o uso do galego na educación e a plena incorporación da muller á mesma.

1 de 4
Viqueira defendeu un achegamento ortográfico do galego ao portugués.

2 de 4
A súa morte prematura, en 1924, privou a Galicia do que tería sido, segundo Ramón Piñeiro, o seu primeiro gran filósofo.

3 de 4
Fragmento dun texto de Viqueira publicado en "A Nosa Terra" o 20 de abril de 1918. Biblioteca RAG.

4 de 4

Xoán Vicente Viqueira

Biografía


Xoán Vicente Viqueira Cortón centrou as súas investigacións no pensamento filosófico e no progreso da educación.

Naceu en Madrid o 22 de outubro de 1886, no seo dunha familia liberal e culta. Aos poucos meses de nacer trasladouse a Galicia, primeiro á Coruña, e despois a San Vitorio, en Vixoi (Bergondo), onde viviu ata os 12 anos. En 1898 instalouse en Madrid para estudar na Institución Libre de Enseñanza.

A súa vida quedaría marcada por dous acontecementos de natureza diversa: por unha banda, a formación na Institución Libre, que o puxo en contacto co pensamento científico moderno, e, pola outra, a enfermidade de osteomielite que padeceu desde os quince anos. Estudou Filosofía e Psicoloxía en Madrid e París, asistindo ás clases de Bouglé, E. Durkheim, Martinenche. Licenciouse en Filosofía en 1911 e, nese mesmo ano, obtivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios para estudar psicoloxía en Alemaña, o que lle axudou a acadar un coñecemento profundo das correntes europeas da filosofía e da psicoloxía, como demostran "Estudios sobre psicología actual en Alemania", "El concepto de la sensación y la psicología" e "Las directrices actuales de la psicología". En 1913 doutorouse en Madrid, e, en 1917, gañou a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Xeral de Santiago, para ser trasladado no mesmo ano ao Instituto da Coruña. Regresaba, así, a Galicia, onde gozaba xa de certa sona polas súas publicacións sobre temas pedagóxicos e psicolóxicos. Desde entón, Galicia pasaría a ser o obxectivo das súas preocupacións e investigacións. Implicouse activamente nas Irmandades da Fala, das que chegou a ser presidente, e colaborou no seu voceiro A Nosa Terra.

Como pensador, Viqueira amosouse decididamente partidario da modernidade e da acción. Por conseguinte, defendeu a galeguización do ensino, a incorporación plena da muller e todo un programa de reformas do sistema educativo. Estas preocupacións poden analizarse en artigos como "A nosa escola" (1917), "Nosos problemas educativos" (1918) ou "Pol-a pureza lingüística" (1920). Como poeta, empregou sempre a nosa lingua. Ademais, Viqueira interesouse pola aproximación da ortografía galega á portuguesa no seu artigo "Pol-a reforma da ortografía", publicado n'A Nosa Terra no ano 1918. En castelán publicou numerosos traballos sobre filosofía, psicoloxía e pedagoxía.

A súa morte prematura, que tivo lugar en Bergondo o 29 de agosto de 1924, privou a Galicia, segundo palabras de Ramón Piñeiro, do que sería o seu primeiro gran filósofo. En 1930 os seus amigos publicaron con carácter póstumo Ensayos y poesías, onde se recollen escritos inéditos, así como outros que xa foran anteriormente publicados.

Francisco Cerviño sobre Xoán Vicente Viqueira.

Obra


- La enseñanza de la psicología en las Universidades alemanas. Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, 1915.
- Un nuevo factor de la memoria de identificación. Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, 1916.
- Introducción a la psicología pedagógica. Madrid: Francisco Beltrán, 1919. Ensayos y poesías. A Coruña: Nós, 1930.
- La psicología contemporánea. Barcelona: Labor, 1930.
- Da Galicia de mañá. Vigo: Galaxia, 1974.

Escolmas e obras sobre o autor

- Escolmas de traballos. A Coruña: Real Academia Galega, 1974.
- COSTA RICO, A.
A Reforma da educación (1906-1936): X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia. Sada: Ed. do Castro, 1996.
- MARINHAS DEL VALLE, J. (ed.)
Johán V. Viqueira, uma utopia verificável. A Coruña: Instituto de Estudos Luso-Galaicos "Ricardo Carvalho Calero – Manuel Rodrigues Lapa", 1994.
- REQUEIRA VARELA, R.
X. V. Viqueira: teoría e praxe. Padrón: Novo Século, 1992.
- TORRES REGUEIRO, X.
Xoan Vicente Viqueira e o nacionalismo galego. Sada: Ed. do Castro, 1987.
- VEIGA DO CAMPO, L.
Xohan Vicente Viqueira: vida, personalidade, pensamento. Buenos Aires: Irmandade Galega, 1969.