Cabanillas, o "poeta da raza", é o máximo referente do seu tempo na práctica dunha poesía de combate e reivindicativa.

1 de 4
Como tantos outros intelectuais do seu tempo, Cabanillas achegaríase ao galeguismo desde a súa primeira militancia no agrarismo.

2 de 4
"O Mariscal", escrito a catro mans con Antón Villar Ponte, é o primeiro chanzo na construción dun teatro nacional galego.

3 de 4
Fragmento dunha carta a Enrique Peinador co borrador de "O Mariscal".

4 de 4

Ramón Cabanillas

Biografía


Ramón Cabanillas Enríquez, poeta e autor teatral coñecido como o "poeta da raza", está considerado como un dos autores máis relevantes da primeira metade do século XX.

Naceu en Cambados o 3 de xuño de 1876. Tras abandonar a carreira eclesiástica no Seminario de San Martiño Pinario, onde estudou desde 1889 ata 1893, desempeñou diversas funcións burocráticas na vila natal, e, xa en 1910, emigrou a Cuba. Alí publicou o seu primeiro poema, "Lonxe" (1910), na revista Suevia, e os seus primeiros libros: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). No entanto, o máis importante da súa etapa na illa foi o encontro con Basilio Álvarez, quen o fixo participar na causa agrarista, e con Xosé Fontenla Leal, que o impulsou cara a escrita en galego.

Dous anos máis tarde abandonou a illa para establecerse de novo en Galicia, onde exerceu como secretario do concello de Mos, entre 1916 e 1924. Nesta época iniciou o seu compromiso co proxecto das Irmandades da Fala, colaborando no seu voceiro A Nosa Terra e converténdose na voz lírica do movemento. Foi aclamado como "poeta da raza" e, así, abandonou os ecos intimistas da súa primeira poesía para poñerse ao servizo das necesidades populares. Deste xeito, con vocación educadora, publicou en 1917 Da terra asoballada e as pezas dramáticas A man da Santiña (1921) e O Mariscal, en colaboración con Antón Villar Ponte, en 1926. Nese mesmo ano viu a luz o libro de poemas Na noite estrelecida, onde reelabora mitos do ciclo artúrico ao servizo da exaltación patriótica desde unha perspectiva mítica. Porén, en 1927, Cabanillas publicou un volume que recuperaba o mellor do seu lirismo intimista: A rosa de cen follas.

O 31 de agosto de 1920, a proposta de Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González, ingresou como membro de número na Real Academia Galega co discurso A saudade nos poetas gallegos. O 13 de outubro de 1957 foi nomeado académico de honra a proposta de Luís Iglesias, Salustiano Portela Pazos, Aquilino Iglesia, Paulino Pedret Casado, Ramón Otero Pedrayo, Francisco V. Villamarín, Manuel Chamoso Lamas, Jesús Carro García e Fermín Bouza Brey. Antes, en 1929, ingresou na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal.

O levantamento militar de 1936 sorprendeuno en Madrid, desde onde pasou a Valencia, cidade na que se relacionou con Castelao. Xa no ano 1937 regresou de novo a Cambados. Neses anos o poeta atravesou un período de silencio que só rompeu a partir de Camiños no tempo (1949). Tamén foi nesa etapa de posguerra cando publicou Antífona da Cantiga, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e de tempos idos e Samos.

Cabanillas brilla especialmente nas súas facetas de poeta e autor teatral, aínda que cultivou tamén a tradución e, esporadicamente, a prosa. Finado en Cambados o 9 de novembro de 1959, a Xunta de Galicia acordou dedicarlle o ano 2009 para conmemorar o 50º cabodano da súa morte.

Francisco Fernández Rei sobre Ramón Cabanillas.

Obra


Ensaio

- A saudade nos poetas gallegos. Discurso lido por Ramón Cabanillas o día 32 de agosto do ano 1920, en que se celebrou no Balneario de Mondariz o seu recibimento na Real Academia Galega; e contestación de Eladio Rodríguez González. A Coruña: Tip. El Noroeste, 1920.
- Discursos leídos ante la Real Academia Española en la recepción pública de D. Ramón Cabanillas Enríquez el día 26 de mayo de 1929. Mondariz-Balneario: Imp. "Hijos de Peinador", 1929.

Literatura
Poesía

- No desterro: visións gallegas. Habana: Imp. "La Universal", 1913.
- Vento mareiro. Galicia: Imp. "Artística Concordia y Campanario", 1915.
- Da terra asoballada. Arousa: Imp. "Galicia Nueva", 1917.
- O cabaleiro do Sant Grial: Saga. Bos Aires: [s.n.], 1923.
- Estoria do Bendito San Amaro que foi chamado o Cabaleiro de Arentei. Mondariz: Lar, 1925.
- Na noite estrelecida. Mondariz: Lar, 1926.
- A rosa de cen follas: breviario de un amor. Mondariz: Lar, 1927.
- Camiños no tempo. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1949.
- Antífona da cantiga. Vigo: Galaxia, 1951.
- Versos de alleas terras e de tempos idos: paráfrasis galegas. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1955.
- Samos. Vigo: Galaxia, 1958.

Teatro

- A man da Santiña: farsada en dous pasos. Mondariz: Imp. do Balneario, 1920.
- O Mariscal: lenda tráxica. A Coruña: Lar, 1926.
- Macías o namorado: poema escénico –prosa e verso- a xeito de guieiro musical, sobor dunha cantata de Otero Pedrayo. Vigo: Galaxia, 1956.

Obras póstumas, escolmas e estudos

- Cancioneiro popular gallego. Vigo: Galaxia, 1973.
- DÓNEGA ROZAS, M (ed.)
Poesías: Escolma. Vigo: Galaxia, 1976.
- FACULTADE DE FILOLOXÍA, USC (ed.)
Homenaxe a Cabanillas no centenario do seu nacemento. Santiago de Compostela: Universidade, 1977.
- ALONSO MONTERO, X. (ed.)
Obras completas. Madrid: Akal, 1979.
- CONSELLERÍA DE CULTURA, XUNTA DE GALICIA (ed.)
Xornadas sobre Ramón Cabanillas: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Cambados, os días 7 e 8 de xuño de 2001. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, 2001.
- DOBARRO PAZ, X.Mª & PENA, X.R.
Poesía galega completa. Vigo: Edicións Xerais, 2009.
- FERNÁNDEZ REI, F. (ed.)
Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas. Cambados: Concello de Cambados, 2009.
- RÁBADE PAREDES, X. (ed.)
Escolma poética. Vigo: Edicións Xerais, 2002.