Alfonso X está considerado o autor parcial das "Cantigas de Santa María", un dos cumes da lírica medieval galego-portuguesa.

1 de 3
Alfonso X cultivou tamén a astronomía e o dereito.

2 de 3
As "Cantigas de Santa María" non son unicamente un documento literario, senón tamén pictórico e musical.

3 de 3

Afonso X o Sabio

Biografía


Afonso X, rei de Castela e León, foi un dos máis importantes mecenas literarios de Europa e quen, cos autores da súa corte, deu forma ás Cantigas de Santa María, xoia da literatura medieval galego-portuguesa.

Naceu en Toledo no ano 1221. Crese que o monarca, fillo de Fernando III de Castela e de Beatriz de Suabia, pasou a súa infancia na fortaleza de Maceda, onde debeu de aprender a nosa lingua. Ao longo da súa vida viuse inmerso en múltiples enfrontamentos militares. Non obstante, hoxe lembrámolo por ser home de letras. O seu labor de potenciación da cultura valeulle o sobrenome de O Sabio. Así, considérase un dos mecenas literarios máis importantes da Europa medieval tardía. Morreu en Sevilla no ano 1284.

Afonso X chegou ao poder pouco despois da unificación dos reinos de Castela e León e de que os territorios do reino se ampliasen considerablemente polo sur. Por tanto, convivían baixo o seu dominio cristiáns de diferentes linguas, unha minoría xudía e unha poboación musulmá. O latín xa non era válido como idioma común e o monarca deulle un pulo decisivo ao castelán. Así, fomentou a Escola de Tradutores de Toledo. Organizou grupos de eruditos e escribas, xudeus, mouros e cristiáns, que prepararon edicións de obras importantes baixo a dirección persoal do monarca. É o caso de tratados científicos traducidos do árabe, como os quince Libros del Saber de la Astronomía, tratados de lexislación, como o Fuero Real ou Las Siete Partidas, e espectaculares compilacións históricas -Estoria de España ou Primera Crónica General de España-. Algúns destes traballos foron tamén traducidos ao galego.

Malia o castelán dominar a súa obra científica e histórica, o galego tomou forza nas composicións líricas de Afonso X: cantigas de amor, escarnio, e especialmente as súas Cantigas de Santa María, que constitúen o cumio do galego escrito medieval. Confórmanas 420 cantos, case todos -320- referidos aos milagres da Virxe María en distintos santuarios europeos. Xunto a eles atopamos 43 cancións líricas de loor á Virxe, 12 conmemoracións de festas marianas e 5 de festas de Noso Señor. O conxunto vai acompañado dun prólogo e un epílogo escritos en verso polo propio Afonso X.

As Cantigas de Santa María constitúen a xoia máis prezada da literatura galego-portuguesa. O Día das Letras Galegas de 1980 foi dedicado por ese motivo a Afonso X O Sabio, e tamén a todos os autores da súa corte implicados nesta colección de poesía relixiosa.

David Mackenzie sobre Alfonso X.

Obra


- LORENZO VÁZQUEZ, R.
La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (s. XIV). Madrid: Universidad Central, Sección de Filología Románica, 1965.
- METTMANN, W. (ed.).
Cantigas de Santa María. Vigo: Edicións Xerais, 1981. Prólogo de Ramón Lorenzo.
- De AZEVEDO FERREIRA, J. (ed.).
Fuero Real del Rey Don Alfonso El Sabio. Braga: Universidade do Minho, 1982.
- DÍAZ DE MONTALVO, A. (ed.)
Las Siete Partidas. Madrid: Lex Nova, 1989.
- FERNÁNDEZ ORDÓÑEZ, I.
Las Estorias de Alfonso el Sabio. Madrid: Istmo, 1992.
- GONZÁLEZ JIMÉNEZ, M. (ed.).
Crónica de Alfonso X. Murcia: Real Academia Alfonso X El Sabio, 1999.
- MONTOYA MARTÍNEZ, J. & DOMÍNGUEZ RODRÍGUEZ, A. (coords.)
El scriptorium alfonsí: de los libros de astrología a las Cantigas de Santa María. Madrid: Fundación Universidad Complutense, 2000.
- MONTEAGUDO ROMERO, H. (ed.)
Cantigas de Santa María. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2003.