Novelista, teórico, xornalista... Vicente Risco é unha figura central na vida cultural e política galega do primeiro terzo do século XX.

1 de 4
Risco foi o director da revista "Nós", unha publicación de debate e pensamento editada integramente en galego.

2 de 4
En "O porco de Pé", Risco debuxa un retrato satírico do caciquismo vilego.

3 de 4
Manuscrito autógrafo de Risco coa súa sinatura. Fondo RAG.

4 de 4

Vicente Risco

Biografía


Vicente Martínez Risco y Agüero representa unha das personalidades máis complexas e relevantes da xeración Nós, e considérase un dos máis importantes teóricos da historia do nacionalismo galego.

Naceu en Ourense o 1 de outubro de 1884. Neno feble e enfermizo, alí cursou os estudos primarios. Anos máis tarde, tras rematar o bacharelato, estudaría Dereito, por libre, na Universidade de Santiago de Compostela, pola que se licenciaría en 1906. Conseguida unha praza de funcionario na delegación de Facenda de Ourense, emprendeu a lectura das vangardas literarias e filosóficas, ao tempo que participou no faladoiro organizado por Marcelo Macías na Comisión de Monumentos, coincidindo con outros intelectuais da época como Xulio Alonso Cuevillas ou Arturo Vázquez Núñez. Foron as lecturas dos decadentistas franceses e ingleses iniciadas nesa altura as que o puxeron en contacto co ocultismo e o orientalismo. No ano 1913 marchou a Madrid para estudar Maxisterio, onde foi alumno de Ortega y Gasset. No Ateneo de Madrid deu unha conferencia sobre Rabindranath Tagore, poeta e filósofo indio que acababa de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura, e a quen Vicente Risco xa introducira na intelectualidade ourensá mediante os seus artigos publicados no xornal local El Miño, para o que traballara en 1910, antes de marchar a Madrid. Regresou a Ourense en 1916 como catedrático de Historia da Escola Normal. Un ano máis tarde fundou, co avogado Arturo Noguerol, a revista literaria La Centuria.

Co ingreso nas Irmandades da Fala, a finais de 1917, iniciouse a etapa máis fecunda do autor, a que o convertería en teórico do nacionalismo galego: Teoría do nacionalismo galego. Chegarían despois Elementos de metodología de la Historia ou El problema político de Galicia. A evolución ideolóxica de Risco, desde o individualismo e a rebeldía da mocidade ao galeguismo, quedou plasmada no ensaio Nós, os inadaptados, publicado en 1933 na revista Nós, que el mesmo fundara trece anos atrás canda Castelao, Losada e Noguerol. Xa o 18 de decembro de 1917 pronunciara o primeiro discurso en galego, e durante a campaña para as eleccións parlamentarias de 1918 colaborou en numerosos mitins na zona de Ourense. Participou asemade no Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Etnografía e Folclore, disciplinas cultivadas ao longo da súa vida e plasmadas en estudos como Da mitoloxía popular: os mouros encantados, Ensaio dun programa pró estudio da literatura popular galega ou Notas sobre las fiestas del Carnaval en Galicia. O 23 de febreiro de 1929 ingresou na Real Academia Galega co discurso Un caso de licantropía, a proposta de Manuel Martínez Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire.

Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta con Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros,logo veu O lobo da xente, para seguir cunha novela fundamental na literatura galega: O porco de pé. Nesta obra, a única novela de Risco escrita en galego, o autor satiriza diversos hábitos e as modas máis practicadas pola burguesía provinciana, política e mercantil, como a vulgaridade, o consumismo, a hipocrisía dos políticos ou o marxismo. A súa única incursión no teatro foi O bufón de El Rei, que non pasa de ser unha continuación da súa obra narrativa. Pouco antes da súa morte Risco publicou, a instancias de achegados como Otero Pedrayo ou Fernández del Riego,Leria, unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios redactados na nosa lingua entre 1920 e 1955.

En abril do ano 1930, cando xa rompera coa Irmandade da Fala da Coruña, Risco marchou a Alemaña para realizar un curso de etnografía na Universidade de Berlín. Os catro meses vividos nese país determinaron a súa evolución cara a unha ideoloxía máis conservadora e católica; un proceso do que se dá conta nas crónicas enviadas a A Nosa Terra e posteriormente recollidas en Mitteleuropa (1934). No ámbito político, fundou con Ramón Otero Pedrayo o Partido Nazonalista Republicán de Ourense, que se presentou ás eleccións a Cortes Constituíntes en 1931 e polo que non obtivo acta de deputado. Porén, en outubro dese mesmo ano, encabezou o grupo de galeguistas que publicaron un manifesto de afirmación católica contra unha suposta persecución da Igrexa por parte do réxime republicano. Chegada a III Asemblea do Partido Galeguista en outubro de 1935, foi escollido como membro do seu Consello Executivo, pero o seu conflito coas posicións máis dialogantes e a diverxencia, por vía de regra, co partido xa eran permanentes. Así, tras a adhesión do Partido Galeguista á Fronte Popular en 1936, Risco saíu do que fora o seu partido e ingresou na Dereita Galeguista, constituída xa desde maio de 1935.

Co comezo da campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia, Risco sumouse a ela a prol do si, mais, co estalido da Guerra Civil, non amosou unha vontade contraria á dos sublevados. De feito, os seus artigos en La Región a partir de 1938 foron de apoio ao ideario franquista. Desde 1940 escribiu en castelán. Residiu en Pamplona e en Madrid de 1945 a 1948. Nesa época publicou estudos etnográficos e colaborou en El Pueblo Navarro, El Español, Pueblo, La Estafeta Literaria. No ano 1948 regresou a Ourense, onde viviría ata a súa morte. Nese momento, e grazas aos esforzos dalgúns dos seus compañeiros galeguistas, retomou o galego para desenvolver un estudo de etnografía, para a tradución da novela La familia de Pascual Duarte, de Camilo José Cela, e para o relato Sursumcorda. No resto da súa produción literaria –en que destaca La puerta de paja, finalista do Premio Nadal de 1952- empregou o castelán.

Concedida a medalla de Afonso X por parte do goberno franquista, Vicente Risco faleceu en Ourense o 30 de abril de 1963.

John Rutherford sobre Vicente Risco.

Obra


Presentamos unha selección das súas principais obras exentas en lingua galega.

Novela

- Do caso que ll'aconteceu ô Dr. Alveiros. A Coruña: El Noroeste, 1919.
- O lobo da xente: lenda galega relatada por Vicente Risco. A Coruña: Lar, 1925.
- A Coutada: novela orixinal e inédita. A Coruña: Lar, 1926.
- O porco de pé. A Coruña: Nós, 1928.

Teatro

- O Bufon d'el-rei: drama en catro pasos. A Coruña: Nós, 1928.

Ensaio

- Teoría do nacionalismo galego. Ourense: Imp. de La Región, 1920.
- Murguía. Santiago de Compostela: Seminario de Estudios Galegos, 1933.
- Notas encol do culto do lumen a Galiza. Guimarães: Sociedade Martins Sarmento, 1933.
- Mitteleuropa: impresiós d'unha viaxe. Santiago: Nós, 1934.
- Manual de historia de Galicia. Vigo: Galaxia, 1952.
- Leria. Vigo: Galaxia, 1961.
- Un caso de licantropía (o home lobo). Discurso lido o día 23 de febrero do 1929 na súa recepción pública. A Coruña: Moret, 1971.

Tradución

- A Familia de Pascual Duarte. Vigo: Faro de Vigo, 1962.