A obra de Cunqueiro é polifacética e universal, abrangue a poesía, a novela e o teatro, ao tempo que a súa lingua pode lerse nunha prolífica produción xornalística.

1 de 3
Cunqueiro durante unha locución radiofónica.

2 de 3
Unha imaxe do autor no seu Mondoñedo natal.

3 de 3

Álvaro Cunqueiro

Biografía


Nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, Álvaro Cunqueiro Mora-Montenegro é considerado un dos grandes autores das nosas letras. Foi un novelista, poeta, dramaturgo e xornalista que revolucionou o panorama literario galego co emprego dunha lingua culta e vangardista.

Fillo de Joaquín Cunqueiro Montenegro e Xosefa Mora Moirón, estudou o Bacharelato no Instituto Xeral de Lugo, onde estableceu contacto con escritores e artistas da súa xeración como Evaristo Correa Calderón e Ánxel Fole. En 1927 matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago, malia ter abandonado a carreira para se dedicar ao xornalismo, traballando como redactor en El Pueblo Gallego. Durante a época de Compostela acudiu aos faladoiros do Café Español mentres se relacionou con Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero ou Carlos Maside. En Mondoñedo participou do movemento editorial dos anos trinta, promovendo a aparición de varias publicacións vangardistas como Papel de color ou Galiza. Interouse no Partido Galeguista e iniciou, asemade, a súa obra poética con Mar ao norde (1932), Cantiga nova que se chama Riveira (1933) e Poemas do si e non (1933).

O estalido da guerra encontrouno en Mondoñedo e, grazas á influencia da súa familia conservadora, non só non foi obxecto de represalias, senón que, en outubro de 1936, comezou a traballar como profesor nunha escola privada de Ortigueira. Nesta etapa, Cunqueiro colaborou coa publicación falanxista Era Azul e militou na Falanxe Española como xefe de Prensa e Propaganda comarcal. En 1937, instalouse en Vigo para traballar como redactor na sección literaria de El Pueblo Gallego, por encargo de Jesús Suevos, director do xornal e xefe territorial de Falanxe en Galicia. En novembro de 1938 trasladouse a Donostia, onde entrou na redacción de La Voz de España e foi subdirector de Vértice, revista nacional de Falanxe que se editaba desde Guipúscoa e na que Cunqueiro publicou, en 1939, "La historia del caballero Rafael", a súa primeira narración en castelán. O seu labor nos medios de comunicación levouno ata Madrid, xa ocupada polo exército franquista, onde se incorporou na redacción do ABC. No entanto, en 1944 comezou o seu afastamento do pensamento franquista e, así, o réxime retiroulle o carné de xornalista, motivo polo que regresa a Mondoñedo. A esta época corresponden o celebrado libro de poemas Dona do corpo delgado (1950) e tamén as súas obras narrativas máis importantes: Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre ou Si o vello Sinbad volvese ás illas. Asinou, ademais, varios libros de relatos -Escola de menciñeiros e Xente de aquí e de acolá- e pezas dramáticas como O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (1958). Xa en 1960 exerceu como cronista oficial de Mondoñedo e, ao ano seguinte, retomou o xornalismo en El Faro de Vigo, unha publicación que chegou a dirixir entre novembro de 1964 e xuño de 1970. O 21 de abril de 1963 ingresou na Real Academia Galega co discurso Algunhas imaxinacións sobre tesouros, a proposta de Ricardo Carvalho Calero, Domingo García-Sabell, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo.

A carón da actividade literaria, Cunqueiro asinou numerosos traballos xornalísticos, obras gastronómicas ou libros de viaxes. Foi un escritor, xa que logo, polifacético que iniciou a súa carreira na poesía neotrobadorista para continuar, entrada a década de 1940, na narrativa; ora na novela, ora no relato.

Nas últimas décadas da súa vida recibiu o Premio da Crítica española (1959), o Premio Nadal (1968) e o premio Frol da Auga (1979). Como xornalista recibiu o Premio Conde de Godó. En 1980 foi nomeado Doutor Honoris Cafusa pola Universidade de Santiago de Compostela e, ao ano seguinte, membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Manuel Rivas sobre Álvaro Cunqueiro.

Obra


A súa inxente obra conta con títulos en galego e castelán. Referímonos, a seguir, ás súas publicacións exentas en lingua galega.

Poesía

- Mar ao norde. Santiago: Nós, 1932.
- Poemas do si e non. Lugo: Edicións 1, 1933.
- Cantiga nova que se chama Riveira. Santiago de Compostela: Resol, 1933. Premio Gil Vicente.
- Dona do corpo delgado. Pontevedra: Colección Benito Soto, 1950.
- Herba aquí ou acolá. Vigo: Galaxia, 1980.

Narrativa

- Merlín e familia i outras historias. Vigo: Galaxia, 1955.
- As crónicas do Sochantre. Vigo: Galaxia, 195.
- Si o vello Sinbad volvese ás illas. Vigo: Galaxia, 1961.
- Xente de aquí e de acolá. Vigo: Galaxia, 1971.
- Os outros feirantes. Vigo: Galaxia, 1979.

Teatro

- O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca. Vigo: Galaxia, 1958.
- A noite vai coma un río. Vigo: Galaxia, 1974. Antes publicado en Grial, 1965).
- Rúa 26. Diálogo limiar. Santiago de Compostela: Laiovento, 1995.

Ensaio

- Algunhas imaxinaciós sober tesouros. A Coruña: RAG, 2015.
- Tesouros novos e vellos. Vigo: Galaxia, 1964.
- A cociña galega. Vigo: Galaxia, 1973.
- Laude da camelia. Pontevedra: Deputación Provincial, 1981.
- Ollar Galicia. Barcelona: Destino, 1981. 

Compilacións e obras sobre o autor

- DEP. DE FILOLOXÍA GALEGA, USC (ed.)
Álvaro Cunqueiro, escritos recuperados. Día das Letras Galegas 1991. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
- FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.)
Álvaro Cunqueiro. A Coruña: Real Academia Galega, 1991.
- SALGADO, X.M. & VILLANUEVA, D.
Álvaro Cunqueiro (1911-1981): Día das Letras Galegas. Santiago de Compostela: Consellería de Presidencia, 1991.
- FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (ed.)
Álvaro Cunqueiro: 1911-1981. Unha fotobiografía. Vigo: Xerais, 1991.
- TARRÍO VARELA, A. (coord.)
Álvaro Cunqueiro. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións, 1992.
- XUNTA DE GALICIA (ed.)
Álvaro Cunqueiro: actas do Congreso celebrado en Mondoñedo entre os días 9 e 13 de setembro de 1991. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Cultura, 1993.
- RIVEIRA PEDREDO, D. (ed.)
Álvaro Cunqueiro, 100 artigos. A Coruña: La Voz de Galicia, 2001.
- CASAS VALES, A.
Antoloxía consultada da poesía galega: 1976-2000. Lugo: Tris Tram, 2003.
- COSTAS, X.H. & CASTRO BUERGER, I.
Homenaxe a Álvaro Cunqueiro no seu XXV cabodano: Cunqueiro en dezasete linguas e variedades faladas na península Ibérica. Vigo: Universidade de Vigo, Servizo de publicacións, 2006.
- CUNQUEIRO, Á.
Don Hamlet e outras pezas: teatro galego completo (1932-1968). Vigo: Galaxia, 2007.
- VILA PERNAS, M. (ed.)
Na mesa con Cunqueiro: antoloxía gastronómica e literaria. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2011.