O poeta arredor de 1980. Arquivo familiar.

1 de 4
O poeta en Sober en 1983. Arquivo familiar.

2 de 4
Foto de Lois Pereiro por Vari Caramés.

3 de 4
Detalle da capa do libro "poemas 1981-1991". Editada por Edicións Positivas.

4 de 4

Lois Pereiro

Biografía


O Incio
As dúas liñas familiares que confluíron en Lois son do Incio, sen máis antecedentes exóticos que un cura francés, exiliado pola Revolución francesa, e cuxo apelido Pierrerie aínda levaba o bisavó paterno. Esa póla, orixinaria de Reádigos, era de orixe máis que humilde. O avó Manuel Sánchez Fernández foi criado dunha casa rica desde os 7 anos, e un irmán maior seu, José, emigrou a Portugal. Alí foi sindicalista no sector da hostalería e no de vendedores de prensa, e tívose que exiliar en Casablanca, onde acabou tendo un hotel. Desde alí reclamou a Manuel, que non aceptou. Acabou indo a Marrocos a outra cousa: á guerra colonial. De volta, foi o que agora se chama un emprendedor: labrador, caleiro e finalmente madeireiro, actividade que o deu sacado de pobre. Casou con Pura Vila Vila, unha señorita da Cruz do Incio, xuntáronse un carácter forte e un ser delicado, e tiveron un único fillo, Manuel Sánchez Vila. O pai e o padriño, secretario do Concello do Incio, decidiron que o rapaz fose estudar Dereito a Madrid. O mozo aldeán, que necesitaba tirar de dicionario para entender moitas palabras xa co título, foi vivir a Monforte, a unha casa que fixera na cidade o pai. Entrou de pasante en Ferreira de Pantón e logo co pai de Emilia Casas Baamonde, a presidenta do Tribunal Constitucional. Porén, deseguida chegou á conclusión de que non servía para avogado. Así que seu pai colleu o taller de cristalería que estaba arrendado no baixo da súa casa e púxoo á fronte do negocio.

A familia materna eran os da casa Castelo de Santa Cristina do Viso, que como indica o nome, era casa grande. Nela había xardín con cipreses, buxos e palmeiras, libros antigos, algún prato do vello Sargadelos e dous reloxos de parede que daban as horas para toda a aldea. E dous tíos curas, un deles párroco en Cervantes durante 50 anos e dunha bonhomía que ata respectaban os guerrilleiros que houbo na montaña cando a guerra civil. Desde a aldea de Bermún foi casar con Hermenegildo Pereiro Díaz, da Casa de Castelo, Balbina Pontón López, unha muller cun tempero como para participar na conquista do Oeste. Todo o contrario do avó Hermenegildo, un home apracible que de cando en vez ía tomar os baños á Coruña e que soamente saíu de Galicia cando foi atender a seu irmán maior a Cuba, e volveu cando lle dixeron que acababa de morrer. Tiveron tres fillos, Carmen, Inés e José. Inés foi daquelas mestras da posguerra que, con 18 anos, daban clases polas aldeas a rapaces que, en moitos casos, poucos anos menos tiñan ca elas. Deunas en Santa Cristina, en Guntín, en Cospeito, na Fonsagrada e en Sober, ata que tivo que criar os fillos (volvería exercer en 1982, no Incio, en Quiroga e finalmente en Monforte, nun centro de Educación Especial).

As dúas familias tiñan trato e coincidían nas romarías da contorna. Manuel Sánchez Vila e Inés Pereiro Pontón casaron en xaneiro de 1955 e tiveron axiña dous fillos, Xosé Manuel e Lois, e anos máis tarde a Inés.

Monforte
Lois Pereiro naceu, baixo o pseudónimo oficial de Luis Ángel Sánchez Pereiro, o 16 de febreiro de 1958, domingo de Entroido aquel ano, no primeiro piso da casa de dúas plantas que o avó Manuel construíra a comezos dos anos 50 no soar da estrada a Ourense onde estivera o Stadium do Lemos F.C. Levabámonos 17 meses, así que faciamos un lote ao coidado de Emilia Expósito, a muller que entrara na casa cando meu pai aínda estaba solteiro, e que sempre consideramos a nosa outra avoa. Ao coidado dela e de dúas das súas irmás, Enriqueta e Lola, unha familia de vella raizame monfortina como comprobabamos nos paseos, que se facían interminables de tanta xente coa que se paraban a falar.

Os invernos, os outonos e as primaveras transcorrían en Monforte, a maior parte do día nos Escolapios e o que quedaba del xogando cos amigos no faiado da casa, na horta, na propia rúa, nos soares (o máis apetecible, un no que se amoreaban milleiros de pneumáticos) e nas obras que se ían erguendo neles. Pero os veráns pasaban nas aldeas do Incio, primeiro en Reádigos e logo en Santa Cristina, cando aínda estaban cheas de xente e de nenos.

Monforte, o Monforte de Lois, aquela cidade agredida pola reconversión ferroviaria, non era aquel burato negro da cultura que era España toda dez anos antes, pero case. Máis que sempre, daquela as inquietudes había que buscalas. Afortunadamente, estaban os libros, os das librerías monfortinas (Xistral, Balado ou Mapa) e os que caían nas de Lugo (había un pacto familiar: cada visita médica, un libro). Afortunadamente, estaba a música, que chegaba por camiños case clandestinos. E o cine, aínda que había máis referencias lidas que películas que ver, quitados os clásicos que poñían na televisión.

Aos 17 anos, quen fora un neno máis ben tímido e calado era un rapaz que recitaba os simbolistas en francés nas discotecas, compartía a Velvet, Bowie ou King Crimson con aquel novo invento, a casete, e participaba nos debates dos lectores nas revistas de cine. Posiblemente a eterna néboa que cobre no inverno o Val de Lemos, a ferruxe colonizando os raís e a herba invadindo as travesas de madeira norueguesa foi o que uniu a Lois desde o comezo e para sempre ao que chamaba "a xeada estética centroeuropea" e aos movementos contraculturais. Abríase ao mundo coma quen sobe a coller aire, pero tamén redescubría quen era e de onde viña. Comezou a escribir no idioma que escoitara coma quen oe o río das orixes, e que aínda non falaba, os seus primeiros poemas. "Nunca escribirei en castelán", díxolle un día á que empezaba a ser a súa moza, Piedad Cabo. "Quero ser como Manuel Antonio, escribir un libro e morrer novo".

Madrid
En 1975, Lois foi estudar Socioloxía a Madrid. Unha viaxe de ida e volta, porque no primeiro trimestre, aproveitando as vacacións que deran coa morte de Franco, regresou a Monforte e díxolles aos pais que renunciaba. O resto do curso pasouno traballando na cristalería familiar, colocando vidros polas obras. Ao ano seguinte volveu a Madrid e matriculouse en francés, inglés e alemán na Escola Oficial de Idiomas. Era o comezo da Transición, cando moitos querían erguer aquela lousa de décadas. Lois participou, fóra de militancias.

Pero o seu maior entusiasmo era poder mergullarse, na compaña de Piedad, nas oportunidades culturais que había e, sobre todo, nas que se estaban abrindo. Ver na Filmoteca as películas -en ocasións, ata catro no día, dous rapaces de 18 anos entre unha ducia de tipos de barbas- de autores novos, ou as clásicas que coñecía, pero que nunca vira. Asistir a concertos ou a recitais. E tamén coñecer xente con inquietudes culturais similares. Ante todo, a Manuel Rivas, e aos pintores Reimundo Patiño, Antón Patiño e Menchu Lamas, a Fermín Bouza e a Vicente Araguas (e nun encontro casual nun bar anónimo dun barrio anónimo, descubríndoo na conversa, ao seu admirado Xosé Díaz Castro). Con eles fixemos a revista Loia, unha publicación-manifesto feita a fotocopia, que durou catro números, pero que agora forma parte da historia da literatura galega contemporánea.

E tamén foi a época de visitar aqueles mundos que coñecía soamente por referencias literarias ou cinematográficas. Viaxes iniciáticas por Europa, percorrendo en tren toda Centroeuropa, Gran Bretaña ou Irlanda, nas que atopaba reencarnados na Bretaña os labregos do Incio, e nas estacións de tren de Alemaña o mesmo cheiro agre a creosota das vías monfortinas. Sempre en peregrinación ás casas nas que viviran os seus referentes literarios. Naquela época algúns víano escasamente comprometido, demasiado vangardista, pero como el mesmo escribiu na súa Modesta proposición: "Teño liberdade de acción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua".

A etapa de Madrid rematou cun feito que marcaría o resto da súa vida. En 1981 a inoperancia dos controis de saúde e/ou a corrupción das autoridades permitiu a intoxicación masiva polo aceite desnaturalizado de colza. O veleno que matou preto de 400 persoas e afectou a outras 17.000 entrou no piso no que vivía, e a el afectouno gravemente. Non podía nin vestirse só. Despois de meses sen saber que enfermidade era aquela que lle consumía e lle paralizaba o corpo, os médicos recoñeceron que o que tiña era o que se denominaba "síndrome do aceite tóxico". Lois deixou as sesións de rehabilitación nun centro médico en Madrid poucos días despois de comezalas ("non podo ver nenos que son só ollos", díxolle á nai) e volveu definitivamente a Galicia.

A Coruña
Lois estableceuse a comezos dos 80 na Coruña, na casa na que vivía eu. Logo na que compartiriamos coa nosa irmá Inés. Contrariamente ao que asegura a publicidade das academias de idiomas, manexarse en inglés, francés e alemán non lle asegurou unha vida laboral. O aspecto ensumido que lle deu a intoxicación pola colza privouno dun par de traballos en medios de comunicación. Mantíñase da dobraxe, series televisivas para a TVG se era época de vacas gordas e películas porno se viñan fracas. Pero os idiomas si que lle servían para mergullarse nos seus amados Peter Handke, Thomas Bernhard ou Alfred Jarry. Seguía co radar posto para detectar a vangarda na música e no cine. Cando un grupo de xornalistas creamos La Naval, que definiamos como "Revista atlántica", acudimos a el para que se enrolase e fixese de patrón de pesca das tendencias, das últimas e das de sempre. Tamén o chamaban para intervencións nos programas de televisión que tiñan vocación de modernidade e para os primeiros audiovisuais experimentais.

En 1982 gañou o seu único premio, o de Poesía O Facho, e participou nos dous libros colectivos De amor e desamor (Edicións do Castro, 1984 e 1985). Un punk calado, irónico e amable, un dandi esguío entre quen agora son o núcleo duro da creación poética galega. Eran amigos seus, pero sempre preferiu frecuentar os labirintos da vida aos círculos literarios. Aínda así, foi unha das voces incluídas por Julia Barella na súa antoloxía Después de la modernidad (Anthropos, 1987), con Bernardo Atxaga, Pedro Casariego ou Luis Alberto de Cuenca. Ata 1992, logo de varios intentos, non deu publicado o seu primeiro libro, Poemas 1981/1991 (Edicións Positivas). Corenta e dous poemas "mestura de video-clip, haiku, destello, pregaria e cantiga de escarnio", escribiu Manuel Rivas en Babelia, "que o converten no clásico que ten a literatura galega sen sabelo".

Probablemente intuía que a súa vida ía ser breve. "O futuro é por forza alleo a min", di un dos seus versos más coñecidos. En 1994 estivo ao bordo da morte. Traduciu o esforzo e o amor que o retiveron deste lado nun libro intenso e apaixonado, dos máis duros e descarnados da literatura galega, xa desde o título: Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (Edicións Positivas, 1995). Morreu poucos meses despois, o 24 de maio de 1996, no cuarto 627 do daquela Hospital Juan Canalejo, o mesmo día no que se fixo pública a sentenza do caso da colza, o veleno que lastrou a súa vida. A familia aínda tivo que demostrar nos tribunais que morrera por esa causa para ter dereito a unha axuda por falecemento. No seu último recital, o 31 de xaneiro, dixo en público que quería ser enterrado no cemiterio de Santa Cristina. Despedírono alí, onde repousaban o avó Hermenegildo e o tío Pepe, morto aos 41 anos, a familia e os amigos ao son das gaitas tocando A marcha do Antigo Reino de Galicia. Descansa tralo epitafio que propuxo no seu último poema:

Cuspídeme enriba cando pasedes
diante do lugar onde repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.

Por Xosé Manuel Pereiro


Xulio Ríos sobre Lois Pereiro.

Obra


Poesía

- Poemas 1981/1991. Santiago de Compostela: Edicións Positivas, 1992.
- Poesía última de amor e enfermidade. Santiago de Compostela: Edicións Positivas, 1995.
- Poemas para unha loia. A Coruña: Espiral Maior, 1997.

Diarios

- Conversa ultramarina. Positivas: Santiago de Compostela, 2010. Ed. Hugo Martínez. 

Narrativa

- Náufragos do Paraíso. Galaxia: Vigo, 2011.

Obras colectivas

- De amor e desamor. I e II. Sada: Ediciós do Castro, 1984, 1985.
- Concurso Nacional de Poesía O Facho (1978-1989). Sada: Ediciós do Castro, 1990.
- Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000. Lugo: Tris Tram, 2003.
- Dix-sept poètes galiciens 1975-2000. Dezasete poetas galegos 1975-2000. A Coruña: Universidade da Coruña, 2008.

Compilacións e obras sobre o autor

- CALVO, J.L. & GEGÚNDEZ LÓPEZ, C.
O negro leite da aurora: Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro. Noia: Toxosoutos, 2010.
- SALGADO, D. (ed.)
Antoloxía poética. Vigo: Galaxia, 2011.
- DUNNE, J. (trad.)
Collected Poems (obra poética completa en inglés). Bulgaria: Small Stations Press-Xunta de Galicia, 2011.
- PEREIRO, X.M. (Pról.)
Modesta proposición e outros ensaios. Vigo: Xerais, 2011.
- GIMFERRER, P. (Pról.) & SALGADO, D. (trad.)
Obra completa, (edición bilingüe galego-castelán). Barcelona: Libros del Silencio-Xunta de Galicia, 2011.
- ACUÑA, A. (ed.)
Poesía completa. Vigo: Xerais, 2011.