Xavier Carro Rosende

O reloxo de sir Francis Mackenzie

Xavier Carro Rosende

06/04/2016

O autor trae a esta sección este conto, escrito en 1971 e publicado na revista da Casa de Galicia en Nova York, en homenaxe a David Mackenzie, falecido o pasado 26 de febreiro.

A Salvador García-Bodaño

Estaba eu a ler unha reportaxe verbo dos tesouros dos piratas, cando me sorprendeu atopar unha foto dun reloxo rescatado das augas do Caribe, igual ca un que había na miña casa e que, por mor de circunstancias en tempos difíciles para todos, meu avó tivo que sacalo clandestinamente por medio dunha persoa achegada á familia e poxalo nunha acreditada casa na City londiniense. Cartos aqueles que deron para ir comendo nos anos da posguerra.

Facendo memoria, lembro que xa de neno chamábame a atención e que tamén levei algún croque por querer andar esgarabellándolle na maquinaria. Era un reloxo cunha leontina moi aparente de pesados elos; de ouro e cunha dobre tapadeira na que se debuxaban uns finos rameados. A esfera era unha filigrana de artesanía que levaba tres circos arrodeándoa onde van os segundos, as horas e os minutos. Na louza da esfera atopamos dúas palabras escritas con trazos negros e redondiños que din: "Gibbs London". No primeiro circo dourado marca a agulla dos segundos; no do medio, as horas en números romanos e no de fóra, os minutos con raias esmaltadas en azul. Na tapa de gardas, o gravado dun escudo e mais a inscrición do seu propietario: "of Percy Bysshe Shelley".

A historia deste reloxo oínlla contar ó meu avó moitas veces e sempre diante do mesmo auditorio de señoras que caía pola casa unha vez ao mes a merendar. Escoitaban pasmadas mentres sostiñan cos dedos da man dereita unha lambetada a medio camiño da bandexa á boca. Despois naufragaba toda a concorrencia no silencio para iren volver pouquiño a pouco á realidade e de novo enfiar outras historias de camiñantes e bandoleiros.

O reloxo pertenceu a sir Francis Mackenzie, que veu un día do ano 1869 de peregrino a Compostela ao tempo que levantaba crónica viaxeira das súas andanzas por terras tan románticas, tan areladas por el mesmo despois tantas lecturas. Entrou polo País Vasco pero tivo que modificar o seu itinerario porque os camiños daquelas terras estaban dominados por faccións carlistas que andaban fuxidías polos montes. E polos soutos leoneses, a piques de entrar en Galicia, a dilixencia foi asaltada roubándolle a súa escasa equipaxe, mesmo o despoxaron dunha capa, forrada de veludo verde, que levaba posta. Non sen certo temor pero si con certa habilidade, logrou agachar o reloxo, salvándoo do cacheo. Os bandoleiros con présa e co botín fuxiron nunha cabalgada sonora rompendo o silencio tupido e verde da fraga. Mazado e co medo metido no corpo, quedou na espesura do souto e o galope dos cabalos fundíase co eco das gargalladas dos ladróns. Desamparado e coa noitiña rolando maina polos curutos, sir Francis Mackenzie, contemplando o seu miserábel estado, dixo para os seus adentros: "How it could be that this Apostle would think to be buried in this country having the whole Great Britain for that purpose?".

O resto do camiño fíxoo na pobreza e axudárono na aldea onde contou o sucedido. Petando de porta en porta e axudando nos labores do agro, chegou a Santiago. Aquí a Basílica metropolitana outorgoulle os privilexios que se lles conceden ós peregrinos, albergándose no Hospital Real. Na cidade chegou a se esquecer dos contratempos vividos e pronto foi un visitante singular. Xentes ilustradas provérono do necesario e a eles pediulles papel para poñer por escrito as aventuras e penurias que pasou, pois daba cumprido un soño e podía contalo. De ollada viva e riso franco, abraiou os composteláns polos seus coñecementos históricos relativos ó país e o seu sentido do humor irónico e retranqueiro. Na cidade botou dous meses longos, estudando pergameos do arquivo catedralicio e tomando notas da vida eclesiástica no medievo, e nun caderniño levaba un diario das andanzas compostelás. Pronto foi invitado a comer nas casas dos próceres locais e a Sociedade de Amigos do País nomeouno socio de honor. Recibiu homenaxes e comelladas en Conxo e na Ponte Pedriña, antes de se marchar de volta á súa Escocia.

Amañou a viaxe de volta con moito tino e, con moita antelación, consultando rutas limpas de ladróns. Un maragato establecido no Toural ofreceulle que fixera coincidir a súa marcha en compaña dos seus paisanos coas recuas portadoras de mercadorías, pois sempre iría máis protexido e tería a oportunidade de coñecer unha etnia de misteriosa orixe. Un ilustre médico, xa a última hora, brindoulle a oportunidade de embarcar en Vilagarcía nun cargueiro que facía a travesía ó país británico. O galeno convenceuno de que non pasaría polas tribulacións e riscos dos camiños. E o que non lle podía asegurar era o estado do mar. Míster Mackenzie aceptou a vía marítima por ser directa e de menos días.

Antes de marchar da vila, quixo cambiar aquelas roupas usadas e vellas e unha mañá entrou no Bosque de Bolonia, que era a tenda de modas e tecidos máis elegante. Escolleu panos e vestiuse dos pés á cabeza. Ó chegar a hora de pagar, sacou do peto do seu chaleque o reloxo e mostrándollo ó dono, díxolle que era todo canto lle quedaba para cubrir os derradeiros gastos. Ó ver a cara de don Caetano, o gentleman contoulle que á parte de ser un recordo de familia tratábase dunha peza de gran valor xa que pertencera a un dos mellores poetas ingleses. Díxolle tamén como herdara aquel reloxo da súa nai, que fora o grande amor do poeta e chegara a ela grazas a un amigo do vate que sabía da secreta paixón de Elisabeth e Percy. O meu bisavó mirouno e remirouno sopesando na man o ouro do cronómetro, pois non había maneira por moita corda que se lle dese de botalo a andar. O reloxo parou xusto na hora que o poeta decidira saír deste terreal mundo e desde aquela ninguén foi capaz de poñelo a camiñar nin de facer xirar as agullas. Sir Mackenzie confesoulle que tamén corría a lenda de que volvería funcionar cando atopase un novo dono que fose feliz.

Desde aqueles anos, o reloxo sempre estivo parado.

Xavier Carro Rosende
Membro correspondente da Academia


Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete