Lingua da memoria

Víctor F. Freixanes

17/02/2021

Dende o ano 2000 a UNESCO celebra nestas datas o Día Internacional da Lingua Materna, unha chamada á significación do idioma primeiro que adquirimos os seres humanos, a lingua que ordena e recoñece a nosa primeira visión do mundo. Pensamos con palabras. Organizamos o coñecemento a partir da linguaxe. Comunicámonos, relacionámonos, socializámonos a través das palabras. Cando o neno ou a nena pronuncia as primeiras voces, ás veces simples sons que identifican algo (un ser querido, calquera obxecto ou realidade próxima), arregálansenos os ollos de admiración coma quen presencia unha fiestra que se abre por primeira vez, o nacemento primeiro do mundo.

Non todos os lingüistas están conformes coa denominación "lingua materna", que a organización internacional utiliza para identificar o primeiro universo lingüístico dos nenos e nenas. A expresión xurdiu coa idea de que as crianzas se iniciaban na linguaxe a partir da lingua das nais, que son as que as paren e as que guiaban os seus primeiros pasos, tanto física como emocionalmente. Hoxe sabemos que a situación e os procesos son máis complexos, dependendo moito das sociedades. Fálase de "lingua primeira", "lingua de iniciación", "lingua nativa", "lingua inicial"…

Mais o que se pretende expresar na celebración está claro: o valor dos primeiros pasos, as primeiras descubertas, o que poderiamos chamar a lingua primeira da memoria, código de expresión e de valores que configura o pensamento e a nosa primeira maneira de entender a realidade. O que non quere dicir que despois a persoa non poida optar ou instalarse noutra lingua, mudar de código e de referencias. Na recuperación e uso social do galego son moi importantes os neofalantes, por exemplo. Individuos que, nacendo nun contexto en castelán ou noutro idioma, asumen o galego (que ás veces é a memoria dos avós, aínda que tampouco sempre) como idioma propio, idioma de uso e instalación.

A proposta da UNESCO ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo como forma de inclusión na educación e na sociedade. O texto de Valentín Arias "Xeliña fala galego" é moi significativo ao respecto. Multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas para construír unha sociedade sen complexos, esa memoria á que facemos referencia, que é a base primeira para construír un edificio plural, moderno, eficaz. A fala primeira sempre está aí, no corazón, na memoria das cousas, nos primeiros aloumiños, nas primeiras experiencias, mesmo inconscientes: a fala primeira que nos axuda a recoñecernos e, ao mesmo tempo, nos abre ao mundo, tamén a outras linguas. A transmisión xeracional do idioma, de pais e nais a fillos e fillas, de avós e avoas a netos e netas, é unha riqueza que debemos celebrar, asegurar e potenciar, pois non é incompatible con outras experiencias: un tesouro que nos acompañará durante a vida, alá onde queira que esa vida nos leve.
 

Víctor F. Freixanes
Presidente da Academia


Novas da Academia

Subscríbete