Francisco Fernández Rei

Ramón Cabanillas e a saudade. No centenario do seu ingreso na RAG

Francisco Fernández Rei

08/09/2020

Cando Enrique Peinador Lines se ocupou no 1907 da dirección do balneario de Mondariz tratou de convertelo nun espazo de cultura coa sensibilidade galeguizadora do seu pai. Súa foi a idea de organizar no verán do 1920 unha homenaxe a Manuel Murguía e as sesións extraordinarias da RAG para o ingreso dos poetas Antonio Rey Soto e Ramón Cabanillas.

O 4 de xuño do 1920 contáballe a seu irmán Ramón, copropietario do balneario, que había tempo que pensaba celebrar en Mondariz "un acto Gallego que fuera solemne y de resonancias y ahora llegó la ocasión". Faláralle do tema ó bispo de Tui, Manuel Lago González, a quen lle pareceu ben; e consultárao con Cabanillas, que aplaudiu a idea, polo que foi á Coruña tratar cos responsables da Academia que presidía Murguía1.

No salón de festas do balneario adornado por Lloréns, o 30 de agosto foi o acto de ingreso de Rey Soto, a quen contestou Marcelo Macías cun discurso en castelán, a lingua que usara o novo académico; e no outro día, ingresou Cabanillas, cun discurso en galego, que contestou, tamén en galego, Eladio Rodríguez, secretario da Academia e un dos seus 40 fundadores, como Lago González. Os académicos Rey Soto e Martínez Morás conducírono ata o salón da sesión que, ausente Murguía, presidiu o Marqués de Figueroa.

A saudade segundo Cabanillas
O seu discurso A saudade nos poetas gallegos foi, en palabras de Luís Rei2, un alegato nacionalista "en que un factor inmaterial (a saudade) se convertía en carácter definitorio da natureza da terra e dos seus habitantes e mais en garantía da súa liberación futura".

Cabanillas, que ocupaba a cadeira do cuntense Xosé Salgado, comezou dicindo que andaba á procura dunha rosa coa que pagar o agasallo prestixioso "d-un asento ô lume no fogar esgrevio onde se ergue, sempre aceso e alumeante, a fogueira sagra do máis enxebre amor â Terra". A lectura d'Os poetas lusíadas de Teixeira de Pascoaes axudoulle a dar co tema do discurso, a saudade, "forza creada, en remanso, do Recordo e a forza creadora e puxante da Espranza, superadas no tempo; o Pasado e o Porvir, a Evocación e o Deseio, irmandados n-unha fervenza relixiosa, camiñando pol-as ribeiras do Misterio en precuro d-un máis alá de arelas do corazón e da intelixencia". Trátase dun sentimento consubstancial coa alma galega, que moldeou o noso lirismo.

A saudade portuguesa é "mesianista", en axexo da volta de Don Sebastián, mentres que a galega é "Saudade da Terra, Saudade do fogar, da campía verdecente, do ceo neboento, do curuto hirto, da choiva miudiña, da campana da aldea, das oliveiras escuras, da vella parede ensilveirada, do recuncho sombrizo da carballeira, da lúa que se pôn detrás do pinal… ¡saudade da lareira e do agro, saudade bendita que temos de pedir a Dios que nol-a conserve e acrecente deica ô fin das edades!" .

A saudade da Raza e a saudade da Terra, entrenzadas, orixinaron a saudade da Patria, que é saudade de redención; e de aquí vén que "ô recordo do noso pasado céltico, libre e sinxelo no seo da natureza mimosa, máis querido por máis lonxano, arelemos con alma e vida a libertade da nosa Terra"3.

Rosalía, 'corpo-santo' da saudade galega
Os poetas galegos que trata, e dos que cita un bo quiñón de versos, nomeárona de xeito diverso: en Rosalía é soidade, en Pondal suidade, en Lamas saudade e soedade... Curros para Cabanillas era unha corda á parte na nosa lírica, loitaba por cantar o Porvir enterrando o pasado, mais non puido.

Ó se achegar a Rosalía, manifestou que se lle encollía o corazón na inmensidade do seu nome. Follas novas é o poema da Saudade, un libro para rezar, pois Rosalía "esquirbeu máis para que Dios a oíra que para que a escoitaran os homes". A divina Saudade forxou aquel cravo de ouro, de ferro ou de amor, que "ô ferir o seu corazón fíxoo frorecer n-aquela rosa mística eternamente louzana".

Rematou o fermoso discurso afirmando que ante Rosalía voan as sublimes palabras do cántico divino; e "no ceo e na terra, libres ou escravizados, para sempre, para sempre, Rosalía ê o corpo-santo da Saudade Gallega."

'A rosa de cen follas' e a saudade de amor
Cando na década de 1920 Cabanillas vivía en Mondariz o "desterro" máis feliz do seu camiño longo, publicou A rosa de cen follas. Breviario de un amor (1927), dedicado ó seu protector e amigo Enrique Peinador Lines.
Na introdución dicía que esas "páxinas descoridas, dun inxenuo e soave romanticismo" eran "follas murchas dunha rosa de mocedade", o que non deixa de ser ficción literaria. Para Carvalho Calero o motivo esencial da obra parece ser a coita de amor dos trobadores medievais, que Cabanillas substitúe por saudade de amor, á que se refire no terceto inicial da rima I que abre o cancioneiriño:

¡Amor, eterna inquedade,
pon nos meus beizos doídos
o cáliz da Saudade!

A palabra que fecha o libro tamén é saudade, como se ve no último terceto da rima XXXIV:

E pon, para a eternidade,
no cáliz da miña vida
as meles da Saudade!

Eses dous tercetos son chave para interpretar de xeito coherente e auténtico o conxunto, e neles exáltase e sublímase o amor como dor. Hai unha arela do tormento puro, doce e magoado que é a saudade, neste caso amorosa; e para este sentimento doente, piadoso e sublimado emprega léxico sinxelo, transparente e familiar4.

A "rima derradeira" (inédita) e a saudade
Días despois de presentar a finais de xullo do 2019 en Cambados e Compostela a versión galego-xaponesa d'A rosa de cen follas, o correspondente da RAG Takekazu Asaka encontrou nunha biblioteca particular un exemplar da edición de Mondariz deste poemario, que na primeira páxina Cabanillas dedica a Palmira Argüelle; e no final deste cancioneiriño amoroso aparece manuscrita «A rima derradeira de "A Rosa de Cen Follas" / XXXV», que o poeta asina o 5 de abril do 1927 (saíra do prelo o 27 de marzo).

Na "rima derradeira", inédita ata hai uns meses5, emprega o adxectivo saudosa referido á ilusión:

XXXV
Para cantarche o canto enamorado
de aquela ilusión doce e saudosa,
cando o meu corazón xa esté enterrado
vivirá nas folliñas de esta rosa.

 

1. R. Gurriarán: Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país. Vigo: Foro Enrique Peinador / Pío García Edicións, 2016, 143.

2. L. Rei: Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Vigo: Galaxia, 2009, 221.

3. Cito pola edición facsimilar R. Cabanillas Enríquez/ E. Rodríguez González : A saudade nos poetas gallegos. Edición de L. Alonso Girgado e T. Monteagudo Cabaleiro. Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000. No epílogo desta edición (pp. 107-142) poden verse referencias de prensa sobre o ingreso de Cabanillas e Rey Soto na RAG.

4. R. Carvalho Calero: "Um breviário de amor", en Ramón Cabanillas, camiño adiante. A Nosa Terra. A nosa cultura, extra 10. Vigo: Promocións Culturais Galegas, [1988].

5. T. Asaka: «A "rima derradeira" (inédita) d'A rosa de cen follas de Ramón Cabanillas», A Trabe de Ouro 113 (abril 2020), 105-109.
Francisco Fernández Rei


Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete