Manuel Lugrís Freire

Ano 2006

Manuel Lugrís Freire

1/7

Biografía

Lugrís Freire naceu en Sada o 11 de febreiro de 1863 e faleceu na Coruña o 15 de febreiro de 1940. Foi un escritor e xornalista galego comprometido e dedicado á dignificación de Galicia. Foi membro fundador da Real Academia Galega e o seu Presidente. En 2006 foille dedicado o Día das Letras Galegas, coincidindo coa celebración do centenario da Academia, nunha homenaxe ao home que entregou con paixón a súa vida á construción de Galicia.

Ao rematar os seus estudos primarios, Lugrís Freire comezou a traballar como escribán para o concello de Oleiros, pero xa contando vinte anos, en 1883, emigrou a Cuba. Na Habana traballou como contable ao mesmo tempo que tomaba contacto coa colonia galega establecida alí. As súas relacións e o seu traballo a prol da cultura galega deron os seus froitos, posto que só un ano despois da súa chegada, foi nomeado vogal da Xunta Directiva do Centro Gallego e, ao mesmo tempo, comezou a traballar como colaborador no xornal dirixido por Waldo Álvarez Insua, Eco de Galicia. Nel encontramos o seu primeiro poema publicado, "Nostalxia" (1883) e a que se coñece como a súa primeira peza teatral, "A costureira d'aldea" (1884), xunto con outras obras literarias, coma "O penedo do crime" (1884), unha novela curta en seis entregas.

Ao cabo de pouco tempo, en 1885 foi nomeado socio de honra do Liceo Artístico e Literario de Regla e do Casino Español de Guanabacoa. Desde o 5 de xullo dese mesmo ano e ata 1889, baixo o pseudónimo Roque das Mariñas, e a carón de Ramón Armada Teijeiro, fundou e codirixiu a primeira publicación periódica literaria escrita integramente en galego: A gaita gallega. Repinica muiñeiras, fandangos y alboradas, unha vez ao mes. Sen abandonar o seu labor como dinamizador cultural, en 1894 publicou o seu primeiro poemario, Soidades, que leva un prólogo de Curros Enríquez no que pode interpretarse coma o primeiro xesto dunha dilatada amizade, e participou na organización dos actos conmemorativos da homenaxe ao poeta celanovense que se celebrou na Habana. Neste ano publicou en Eco de Galicia a obra "De Galicia a Lavapiés", unha defensa da ridiculización do pobo galego exposta na zarzuela da época titulada "De Lavapiés a Galicia ó la boda del tío Bramante".

Lugrís Freire regresou a Galicia con 33 anos, en 1896, e, de novo, volveu traballar no ámbito do xornalismo de signo progresista e galeguista. Así, colaborou na Revista Gallega, de Galo Salinas, con textos de opinión e de creación. O feito de instalarse na Coruña levouno a establecer relacións cos participantes no famoso faladoiro que se desenvolvía na Librería Regional de Carré Aldao, coñecido popularmente como Cova Céltica. Manuel Murguía, Vaamonde Lores, Eduardo Pondal, Carré Aldao, Martínez Salazar, Salvador Golpe ou Evaristo Martelo Paumán, entre outros, conformaban este lugar de encontro para as ideas máis avanzadas sobre a literatura, a cultura e tamén a política galegas. O seo da Cova Céltica foi xermolo, entre outras propostas, da fundación dunha Academia Galega e, antes diso, da formación dunha organización política que representase a ideoloxía rexionalista liberal que profesaban os seus integrantes. Así naceu, en 1897 a Liga Gallega. Lugrís Freire foi un dos membros da comisión directiva deste grupo presidido por Murguía e exerceu, dentro del, funcións de Secretario. Foi, asemade, redactor, xunto con Salvador Golpe e Carré Aldao, do Regramento da Sociedade Liga Gallega na Cruña, un texto que no seu Artículo 1º (sic) indica que "O ouxeto da Liga Gallega na Cruña, é a defensa dos intereses moraes, materiaes, políticos, económicos e sociaes de Galicia". En 1889, o poeta pronunciou un discurso en galego na homenaxe que a Liga Gallega organizara aos Mártires de Carral. En 1906 chegou a ser presidente desta organización.

En 1901 publicou Noitebras, un poemario con algunhas composicións de compromiso social e, fundamentalmente, marcado polo pesimismo no que o sumira o pasamento da súa primeira muller. No ano 1903, o noso homenaxeado ingresou na Sociedad Anónima de Aguas de la Coruña, empresa para a que traballou deica o seu retiro. Durante os anos 1902 e 1903, Lugrís Freire dedicou a súa vida a outra das súas máis profundas paixóns: a actividade teatral. En 1902 creouse, coma unha iniciativa máis xurdida desde a Cova Céltica, a Escola Regional de Declamación, presidida primeiro por Galo Salinas e, ao pouco tempo, por Lugrís Freire. O noso homenaxeado defendeu a produción de textos reivindicativos que se afastasen do costumismo predominante, sendo o primeiro autor teatral galego en empregar a prosa. Durante o ano que durou a escola, a totalidade das montaxes foron sobre obras do propio Lugrís Freire: A Ponte, un drama en dous actos en prosa dividido en tres cadros, foi estreado no teatro Principal da Coruña en xullo de 1903; Minia, drama nun acto en prosa representado no teatro Jofre de Ferrol o 19 de marzo de 1904 e Mareiras, drama en tres actos en prosa estreado no teatro Principal da Coruña o 16 de outubro de 1904.

Despois de ter participado na homenaxe que a Liga organizara aos Mártires de Carral o 23 de abril de 1899, participou na inauguración do monumento consagrado a eles no ano 1904. Neste mesmo ano traballou na fundación da Asociación de la Prensa da Coruña, á que tantas personalidades da nosa cultura estiveron ligadas. Un ano máis tarde, na sesión do 4 de setembro de 1905, Lugrís Freire participou da fundación da Academia Galega; institución e proxecto ao que sempre se mantivo moi vinculado, chegando mesmo a ser o seu Presidente case trinta anos despois, desde o 28 de abril de 1934 deica o 20 de agosto de 1935. En 1906 publicou Esclavitú, un drama en dous actos dedicado a Andrés Martínez Salazar que non se estreou ata 1910. En 1907, Lugrís Freire seguía traballando por unha conciencia crítica común que defenda a lingua e a dignidade dos galegos, por iso continuou participando na creación de diversas entidades políticas e culturais coma Solidaridad Gallega, unha organización que pretendía dinamizar a participación política coa fin de combater o caciquismo existente. Para iso, a súa actividade xornalística entre 1907 e 1908 concentrouse en na producións de artigos para A Nosa Terra ao servizo de Solidaridad Gallega. Este é un tempo de compromiso e traballo político moi activo que se pon de manifesto na súa produción xornalística e nos discursos pronunciados nas distintas Sociedades ás que pertencía ou que visitaba. Así, o mitin pronunciado o 6 de outubro de 1907 en Betanzos pasou á historia por ser o primeiro pronunciado en galego. En 1908 entrou coma membro do Consello Redactor d´A Nosa Terra, onde publicou tamén unha serie de contos populares baixo o título xenérico de "A carón do lar".

En coherencia co labor que viñera desempeñando, o 18 de maio de 1916 Lugrís Freire acodeu á fundación da primeira Irmandade da Fala nos locais da Real Academia Galega, na Coruña. En xuño dese mesmo ano participou nas honras fúnebres a Eduardo Pondal e conseguiu, baixo a súa presidencia na Real Academia Galega, no ano 1925, a colocación dun monumento ao bardo bergantiñán nos xardíns de Méndez Núñez, na Coruña. Participou tamén ese ano e o seguinte nas asembleas de Lugo e Santiago, ademais de redactar para as Irmandades o que foi o seu primeiro himno: "Na fala gallega vive / a ialma da nosa terra / a redención de Galicia / nos seus acentos latexa". No ano 1922, Lugrís Freire, impulsado polo seu compromiso coa lingua galega e polo seu interese investigador, publico a súa Gramática do idioma galego. Aínda que nos contidos é debedora da Gramática de Saco y Arce, a de Lugrís foi a primeira escrita en lingua galega. No ano seguinte, cun discurso sobre Pondal, ingresou como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos. Este discurso foi recollido como epílogo na obra que a Real Academia Galega preparou en 1935, Queixumes dos pinos y poesías inéditas de Eduardo Pondal. Despois de ser nomeado fillo predilecto de Sada en 1924, no ano 1926, Lugrís Freire participou na homenaxe que o Seminario de Estudos Galegos dedicou a Carolina Michaëlis de Vasconcelos cun discurso no que se analiza globalmente a obra da insigne portuguesa. Nesa mesma ocasión, ingresaron no Seminario catro poetas de sona: Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela, Gonzalo López Abente e Victoriano Taibo.

Nos últimos anos da década de 20 desenvolve unha actividade social e política activa participando nas asembleas das Irmandades e dando mitins. Redacta, asemade, o programa do Partido Autonomista Republicano Agrario para participar nas eleccións de 1930. Porén, en 1931 xa ingresou no Partido Galeguista. En maio de 1931, coa chegada da Segunda República, aviváronse os ánimos e nese marco participou na redacción do anteproxecto de Estatuto de Galicia promovido polo Seminario de Estudos Galegos e, no mes de decembro, na redacción dos estatutos do Partido Galeguista. En 1932, xunto con Alexandre Bóveda, redactou o anteproxecto definitivo do Estatuto de Autonomía, por encarga da Asemblea de Municipios de Galicia.

O 28 de abril de 1934 foi nomeado presidente da Real Academia Galega, sucedendo a Eladio Rodríguez González, mais renunciou ao cargo o 20 de agosto do ano seguinte por problemas de saúde. Durante o seu mandato tivo lugar a inauguración do monumento ao seu admirado e querido amigo Curros Enríquez na Coruña. Tamén, nese mesmo ano, foi nomeado socio de mérito do Instituto Histórico do Minho, de Viana do Castelo. O labor xornalístico de Lugrís Freire debe lembrarse por prolífico e brillante, sen esquecer, xa que logo, os pseudónimos baixo os que se agochaba a súa prosa: Asieumedre, L. U. Gris, K Ñoto e Roque das Mariñas.

Coa chegada da Guerra Civil española, no medio da persecución da actividade galeguista e co drama de ver dous fillos en dous bandos distintos da guerra, Lugrís Freire recluíuse na súa casa da Coruña, onde morreu o 15 de febreiro de 1940.

Xesús Ferro Ruibal sobre Lugrís Freire.

Obra

Ensaio

- Gramática do idioma galego. A Coruña: Imp. Zincke Hermanos, 1922.
- As Mariñas de Sada. Homenaxe a Sociedade Sada y sus contornos. A Coruña: Zincke Hermanos, 1928.

Narrativa

- Contos de Asieumedre. A Coruña: Imp. L. Lorman, 1908.

Teatro

- A costureira d´aldea. La Habana, 1884.
- A Ponte: drama en dous actos en prosa, dividido en tres cuadrados. A Coruña: Tip. La Constancia, 1903.
- Mareiras. A Coruña: Ferrer, 1904.
- Minia. A Coruña: Ferrer, 1904.
- Esclavitú. A Coruña: Carré, 1906.
- O Pazo: comedia en dous actos. A Coruña: Lit. e Imp. Roel, 1917.
- Estadeíña: comedia en duas xornadas en prosa. A Coruña: Ediciós Terra a Nosa, 1919.

Poesía

- Noitebras: poesías. A Coruña: Carré, 1901.
- Soidades: versos en gallego. Habana: [s.n.], 1894. Cun prólogo de Curros Enríquez.
- Versos de loita. A Coruña: El Noroeste, 1919.
- Ardencias. A Coruña: Zincke Hermanos, 1927. Considerado o seu mellor libro poético, foi dedicado á xuventude galega.

A maior parte da extensa obra de Lugrís Freire, tanto a produción ensaística como a literaria, encóntrase espallada nas seguintes publicacións periódicas de Galicia ou América (por orde de aparición): Gaita Gallega, Galicia Moderna, La Tierra Gallega, Follas Novas, Santiago, Galicia, Barbero municipal, Antorcha gallega, Patria gallega, Suevia, Labor gallega, Nós, Domecq en Galicia, Eco de Galicia, Fouce, Loita, Resol, Abrente e Revista do Instituto 'José Cornide' de Estudios Coruñeses.