Avilés de Taramancos
Ano 2003
Avilés de Taramancos
Biografía
Xosé Antón Avilés Vinagre naceu o 6 de abril de 1935 en Taramancos, lugar da parroquia de Boa, no concello noiés. Fillo de Manuela Vinagre Fuentes, coñecida como Lela da Pastora, e de Severiano Avilés Outes, é o segundo de cinco irmáns, Josefa (1933, falecida no mesmo ano en que nace Avilés), Guillermo (1940), José Manuel (1942) e Alfonso (1945). Na casa natal convive ademais coa avoa materna, Josefa Fuentes Queiro, Pepa da Pastora, quen influirá decisivamente na formación da personalidade do poeta.
Inicia os estudos primarios na escola de Boa baixo a dirección do mestre Jesús Ríos, onde permanece ata os 12 anos. Os cursos de bacharelato preparounos na Academia Balmes, como alumno por libre. Despois examinaríase no instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela, onde no mes de xuño de 1948 aproba o exame de ingreso. Na convocatoria de setembro do mesmo ano aproba o correspondente ao programa do primeiro ano, no mes de xuño de 1949 aproba o de segundo, e en 1950 obtén o aprobado correspondente ás materias de terceiro de bacharelato.
No ano 1951 aparece a primeira composición poética de Avilés, "Saloucos d´un emigrante", publicada na revista Tapal, que dirixía Manuel Fabeiro Gómez, xunto con Andrés Rodríguez Millares, Eduardo Ces Iglesias e Ramón Patiño Roquete. A súa colaboración coa revista continuará ata 1955, e consiste na publicación dun poema todos os anos. En 1952 publica no suplemento de Sonata Gallega, Rianxo, "Ofrenda a Manuel Antonio. Poema da nai soa". Neste mesmo ano acada a mención honorífica no Certame literario do Circo de Recreación de Noia, polos poemas "Antón de Noia" e "Cadarso". Na cerimonia de entrega de premios, que tivo lugar o 14 de marzo no Teatro Galicia, coñeceu a Otero Pedrayo, que actuaba como mantedor, e tamén a Ramón Piñeiro, dous persoeiros cos que mantería unha grande amizade.
No ano 1953, Avilés trasládase á Coruña coa intención de cursar estudos de Náutica, e no mes de setembro aproba o exame de ingreso na Escola Superior da Mariña Civil da Coruña, aínda que posteriormente non formalizou ningunha matrícula.
Durante a súa estadía na Coruña, entra en contacto coa Peña Amanecer, dirixida por Pepe Guillén, e da que formaban parte entre outros, Álvarez Torneiro, Armando Martínez Lago, Alfonso Gallego, Miguel González Garcés, Alfonso Abelenda, Xabier Basilio, ou Urbano Lugrís. Tamén participa nos faladoiros da Casa Enrique, nos que tamén estaban Urbano Lugrís, Álvarez Torneiro, González Garcés.
Correspóndese con esta etapa a publicación de "As moradías do vento", breve poemario asinado por X. A. Avilés de Taramancos e que apareceu como separata do número 11-12 da revista Atlántida.
Nesta etapa coruñesa produciuse a paréntese que supuxo o servizo militar que Antón Avilés cumpriu nos Servizos Xerais da Capitanía de Ferrol. A esta época ferrolá pertence a súa relación con Alexandre Cribeiro, Mario Couceiro, Tomás Barros e Miguel Carlos Vidal, directores estes últimos da revista Aturuxo, que o 21 de marzo de 1956 o convidan a participar nos actos do Día de la Poesía, nos que le algúns dos seus poemas e nos que tamén participan Xohana Torres, Carlos Perille, membros do grupo Aturuxo, e nos que tamén pronuncia unha conferencia Miguel González Garcés.
Rematado o servizo militar (1957) establécese de novo na Coruña e recupera as amizades nunca perdidas, sobre todo unha delas, a de Urbano Lugrís, que deixará unha fonda pegada na formación e personalidade do poeta noiés.
En xaneiro de 1959 sae dos obradoiros de Moret, asinado por Avilés de Taramancos, A frauta y-o garamelo, con ilustracións de Lixandre (Alejandro González Pascual) e cuberta de Xosé Lois, os dous eran grandes amigos do poeta.
Neste mesmo ano estréase no teatro Colón da Coruña, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, dirixido por Antonio Naveira Goday e no que Avilés participa como axudante e apuntador. A estrea, que a piques estivera de verse frustrada grazas ao eficiente labor da censura, foi un éxito e a ela acudiron intelectuais e persoeiros de toda Galicia, entre outros, Otero Pedrayo, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Salvador García-Bodaño, Uxío Novoneyra, Xosé Manuel Beiras, os Álvarez Blázquez etc.
Deste mesmo ano 1959 é Pequeno canto para un peito xoven, libro de poemas de amor que o autor dedicou a Fina Barrios, a súa primeira moza, e que posteriormente sería recollido no volume O tempo no espello (1982), co título "Poemas a Fina Barrios. Pequeno canto." A obra foi presentada ao premio convocado polo grupo Brais Pinto en Madrid en 1960, da que saíu finalista co compromiso da súa publicación por parte dos convocantes, compromiso que, debido á carencia de medios do grupo, non puido ser cumprido, pero que lle serviu a Avilés para entrar en contacto con compañeiros residentes en Madrid como Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, César Arias, etc.
No ano 1960 prodúcese o regreso do poeta a Noia, e participa nos faladoiros do bar Porco así como na homenaxe que lle tributan a Castelao para a que lle encargan a Arturo Brea Pasín un busto en madeira do rianxeiro, que logo foi exposto polas tabernas que os amigos noieses frecuentaban. É por volta do ano 1961, durante o verán, cando comeza unha profunda amizade, que se manterá ata a morte de Avilés, con Salvador García-Bodaño. O poeta vigués pasaba o verán na praia de Boa en compaña de Aurichu Pereira e a súa filla, e a quen visita en ocasións Carmen, irmá de Aurichu. Avilés, namorado da irmá de Aurichu, compón unha serie de poemas datados entre o 1 e o 22 de agosto, que permanecerán inéditos ata a súa publicación no volume O tempo no espello, baixo o título "Poemas soltos a Maricarmen Pereira".
A primeiros de novembro de 1961 colle o camiño da emigración, o seu destino é Colombia, e a noite antes da partida, compártea cos seus amigos, Salvador García-Bodaño e Aurichu Pereira, na súa casa de Santiago de Compostela.
Ao chegar a Bogotá, comeza a traballar nas oficinas da fábrica de manteiga Retina e, poucos meses despois, en marzo de 1962, sabe por un anuncio na prensa que buscan na embaixada do Brasil un mordomo, posto que conseguiu e no que coñeceu a Sofía Baquero, que entrou a traballar na embaixada como doncela e coa que casaría en 1970.
Despois de abandonar a embaixada do Brasil foron varios os traballos desempeñados por Avilés, nas liñas aéreas de Iberia, como axudante nunha peixería, monta xunto con Sofía unha cafetería, que teñen que pechar, e pouco despois tamén rexentan un restaurante, que corre sorte similar, tamén traballa no restaurante de luxo La Tablita, nunha tenda de instrumentos musicais, vendeu libros polas casas...
Nestes anos escribe "Os poemas da ausencia", un feixe de composicións escritas entre 1963 e 1969 nos que a morriña e a saudade da terra e dos seres que aquí deixou se amosan na voz lírica do poeta, e que se recollerán no volume O tempo no espello.
Cara a 1971 instálase coa familia en Cali, onde exercerá como xerente da librería Cultural Colombiana de Occidente, posto que lle ofrecera José Porto. Foi unha etapa moi frutífera na que se integrou na vida social e cultural da terra caleña.
En 1974 vén a Galicia durante un mes, onde chora de novo a morte de súa avoa, acontecida un ano antes, e convive con seus pais e irmáns ao mesmo tempo que revive as amizades cos amigos galegos. Dous anos despois visitan Galicia Sofía e os seus fillos, a quen Avilés non pode acompañar debido ás súas obrigas laborais. Os seu grande amigo, Salvador García-Bodaño, e seus pais e seus irmáns agárdanos no aeroporto. A emoción foi intensa e no mesmo día da chegada Severiano Avilés sofre un infarto do que non se recuperará e a consecuencia do cal morre en setembro dese mesmo ano.
A idea de volver para Galicia é cada vez máis intensa e en abril de 1980 regresa a Galicia para preparar o traslado definitivo da familia, que se producirá en setembro dese mesmo ano.
Logo de barallar distintas posibilidades laborais, decídese por poñerse á fronte dun negocio hostaleiro, a Tasca Típica, que inaugura o 7 de novembro de 1980 e que se vai converter nun lugar de referencia para o mundo intelectual e literario de Galicia.
En 1982 aparece a obra Tempo no espello, volume editado por Ediciós do Castro que compila a obra poética anterior ao seu regreso a Galicia.
Tres anos despois ve a luz un novo poemario do poeta noiés, Cantos Caucanos, unha homenaxe á terra que o acolleu nos anos da emigración.
En 1989 publica As torres no ar, obra na que a terra natal e as súas tradicións son as protagonistas. Tamén deste mesmo ano é Nova Crónica das Indias, texto do que o propio autor dicía: "Na miña Nova crónica das Indias, que en certa medida, son atemporais, vén moito da miña historia persoal. Todos e cada un dos personaxes que aparecen no libro teñen algo que ver comigo. Dun xeito ou doutro cruzáronse na miña vida".
O labor poético e os artigos de opinión de Avilés destes anos noieses están presentes nas colaboracións que achega a Dorna, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Nosa Terra, Luzes de Galicia, Barbanza, Seiva...
A presenza de Avilés na vida cultural, social e política foi unha constante desde a súa chegada, a década dos oitenta foi abondosa en conferencias, recitais, debates, mesas redondas, mitins... Foi un dos fundadores da Asociación Cultural Catavento, da que foi vicepresidente, e desde a que colaborou na organización de mostras de teatro, recitais poéticos, conferencias, actuacións, homenaxes etc. Participou no congreso fundacional da Asociación de Escritores de Lingua Galega, da que foi elixido presidente en 1986. Participa activamente da vida política, e desde 1987 a 1991 exerce como concelleiro-delegado de Cultura, no concello noiés polo Bloque Nacionalista Galego.
No ano 1991 comezan os síntomas da súa enfermidade, que aínda que nun principio non parece nada importante, será a causa da súa morte o 22 de marzo de 1992 na cidade da Coruña.
Obra
Poesía
- "As moradías do vento". Separata de Atlántida, núm. 11-12. Recollido en O tempo no espello.
- A frauta y-o garamelo. A Coruña: Moret, 1959. Recollido en O tempo no espello.
- O tempo no espello. Sada: Ediciós do Castro, 1982.
- Cantos Caucanos. Noia: edición persoal Círculo Aberto, novembro 1983-xaneiro 1984.
- As torres no ar. Santiago: Sotelo Blanco Edicións, 1989.
- Última fuxida a Harar. A Coruña: Espiral Maior, 1992.
Prosa
- Nova crónica de Indias. Vigo: Ir Indo, 1989.
Teatro
- Tres capitáns de tempos idos. Teatro. Representado en 1983.
Compilacións e obras sobre o autor
- FERNÁN VELLO, M.A. (ed.)
Antoloxía poética (1995-1990). El Correo Gallego, colección Biblioteca, 114, núm 79, Santiago, 1992.
- GONZÁLEZ VÁZQUEZ, A. (ed.)
Obra viva. Escolma. Santiago: Laiovento, 1992.
- ÁLVAREZ CÁCCAMO, X.M. (ed.)
Obra poética. Antoloxía. Vigo: A Nosa Terra, 1997.
- PENAS, Á. (trad.)
Cantos caucanos. Ed. bilingüe galego-español. A Coruña: Espiral Maior, 2000.
- AGRELO HERMO, X.L. & ARXÓNS ÁLVAREZ, D.
Antón Avilés de Taramancos (1935-1992): unha fotobiografía. Vigo: Xerais, 2003.
- FARIÑA MIRANDA, C.
De Rosalía a Avilés de Taramancos: escolma do Día das Letras Galegas (1963-2003). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003.
- XUNTA DE GALICIA (ed.)
Congreso sobre Avilés de Taramancos: actas do Congreso realizado pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Noia os días 3, 4 e 5 de abril de 2003. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003.
- ROMANÍ, A. & ROMANÍ, R.
Avilés de Taramancos: fotobiografía sonora. Sarria: Ouvirmos, 2009.