Celso Emilio Ferreiro
Ano 1989
Celso Emilio Ferreiro
Biografía
Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu en Celanova o 6 de xaneiro de 1912 e morreu en Vigo o 31 de agosto de 1979. Foi escritor e político, cultivou a poesía e tamén a narrativa, en forma de novela e memorias. O seu poema "Longa noite de pedra" converteuno no máximo expoñente da poesía social na literatura galega.
Celso Emilio foi o máis novo dos sete fillos do matrimonio acomodado e de tradición galeguista composto por Venancio Ferreiro Reinoso e Obdulia Míguez Buxán. Nos primeiros anos, estudou no colexio dos escolapios en Celanova e xa na súa mocidade comezou a achegarse á poesía e á política. Entrou en contacto co Grupo Nós e, aos 20 anos, fundou, a carón de Xosé Velo Mosquera e outros, as Mocedades Galeguistas de Celanova. Pouco tempo despois, participou na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas, dependente do Partido Galeguista, e, en 1936, contando 22 anos, chegou a ser o seu último secretario de Organización. No entanto, a súa actividade política e literaria viuse axiña truncada pola sublevación militar de 1936. A partir do estoupido da Guerra Civil, foi obrigado a incorporarse ao exército franquista e enviado a Asturias como radiotelegrafista. Durante un permiso en Celanova en 1937 foi detido e condenado a morte por manifestar en público a súa opinión contraria ao réxime. Aínda que a petición social de liberdade ao gobernador de Ourense evitou a súa execución, pasou encarcerado no mosteiro de Celanova varias noites que abondaron para axudarlle a concibir a súa obra máis importante, Longa noite de pedra.
Finalizado o conflito, continuou os estudos de Dereito, que iniciara estando en Oviedo, pero abandonounos en favor de Maxisterio, unha carreira que si rematou, aínda que non chegou a exercer nunca como estre. No ano 1941, aínda solteiro, foi destinado como funcionario de xulgado a Pontevedra. Alí viviu ata 1950 participando activamente na vida cultural da cidade e contactando cos escritores do momento, como Aquilino Iglesia Alvariño e Manuel Cuña Novás. Asemade, colaborou na primeira editorial que, pasada a guerra, publicou libros galegos en Galicia: a Colección Benito Soto de poesía, fundada en 1948 por Álvarez Negreira e Sabino Torres. Colaborou tamén noutras empresas como as revistas Mar ou Sonata gallega e traballou como redactor xefe da revista Finisterre.
No ano 1943 casou en Xixón con quen foi a inspiración da súa poesía máis íntima, María Luísa Moraima Loredo. En 1949 estableceuse en Vigo como procurador e alí viviu ata 1966. Nestes anos consolidouse como poeta e home da cultura, trabando amizade con personalidades da época coma os irmáns Álvarez Blázquez, o pintor Laxeiro ou o escritor e académico Francisco Fernández del Riego. Colaborou en publicacións coma o Faro de Vigo, Litoral, Vieiros e codirixiu a revista de poesía Alba (1948-56), escribiu O soño sulagado (1954) e dirixiu a colección de poesía Salnés, na editorial Galaxia, que publicou en 1962 Longa noite de pedra. Asemade, traballou nunha oficina de seguros ata 1955 e dirixiu un obradoiro de fotogravado.
É importante salientar o enorme impacto e influencia que causou Longa noite de pedra. Esgotada aos poucos días, marcou un fito na historia da nosa literatura. Con este poemario, Celso Emilio reafirmouse como o noso grande poeta social. Sen esquecer os seus intereses políticos, participou en 1964 da fundación da organización marxista e nacionalista Unión do Pobo Galego (UPG), xunto con Méndez Ferrín e Lois Soto.
No ano 1966 emigrou a Caracas, onde fundou o Patronato da Cultura Galega e colaborou coa Hermandad Gallega. No entanto, en 1968 enfrontouse á dirección da Hermandade cando foi ocupada por un grupo proclive ao franquismo que decidiu expulsalo a él e mais ao seu fillo. Celso Emilio agardaba encontrar na emigración unha Galicia organizada e combatente, mentres que o que atopou foi un grupo reaccionario e antidemocrático que conseguiu facerse co poder. Así, esta situación inspiroulle os poemarios Viaxe ao país dos ananos e Cantigas de escarnio e maldicir.
Xa en 1973 regresou da emigración e instalouse en Madrid, onde se dedicou por completo á actividade literaria e xornalística. Traballou de corrector de estilo para a revista Tribuna Médica, dirixiu a aula de cultura do Ateneo, participou nos faladoiros do Café Gijón e colaborou en distintas publicacións periódicas. No ano 1974 rachou coa UPG, coa que viña mantendo xa diferenzas desde o seu tempo na emigración, e afiliouse ao Partido Socialista Galego co que se presentou como candidato ao senado pola coalición Candidatura Democrática Galega, nas eleccións lexislativas de 1977. Porén, ao pouco tempo, afiliouse ao PSOE, coa esperanza de intervir na galeguización do partido.
A morte sorprendeuno nunha das súas estadías estivais en Galicia, o 31 de agosto de 1979 en Vigo. Os seus restos foron soterrados na súa vila, Celanova.
Obra
Indicamos a súa produción poética máis importante en lingua galega e algunhas das publicacións máis relevantes sobre o autor e a súa obra.
Poesía
- Baladas, cantigas e donaires. Pontevedra: Céltiga, 1947.
- Musa alemá. Pontevedra: Benito Soto, 1951.
- O soño sulagado. Vigo: Alba, 1955.
- Longa noite de pedra. Vigo: Salnés, 1962.
- Viaxe ao país dos ananos. Madrid: Ciencia Nueva, 1968. Ed. Bilingüe en castelán, con tradución e prólogo de Xesús Alonso Montero.
- Cantigas de Escarnio e maldecir. Caracas: Nós, 1968. Baixo o pseudónimo de Arístides Silveira.
- Terra de ningures. Monforte de Lemos: Xistral, 1969.
- Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por il mesmo. Sada: Ediciós do Castro, 1970.
- Antipoemas. Salamanca: Álamo, 1972.
- A fronteira infinda. Vigo: Castrelos, 1972.
- Cimenterio privado. Xenebra: Edicións Roi Xordo, 1973.
- Onde o mundo se chama Celanova. Madrid: Editora Nacional, 1975.
- A taberna do galo. Vigo: Castrelos, 1978.
Compilacións e obras sobre o autor
- ALONSO MONTERO, X.
Celso Emilio Ferreiro. Xixón: Júcar, 1982.
Celso Emilio Ferreiro para os nenos. A Coruña: Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, 1989.
- ÁLVAREZ BLANCO, R. (coord.)
Estudios dedicados a Celso Emilio Ferreiro. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago, 1992.
- BORREGUERO, M. A.
A poesía de Celso Emilio Ferreiro. Vigo: Galaxia, 2001.
- FRAGUAS FRAGUAS, A.
Celso Emilio Ferreiro. Sada: Ediciós do Castro, 1989.
- GARCÍA TEIXEIRO, A.
Antoloxía. Vigo: Xerais, 1989.
- MÉNDEZ FERRÍN, X.L. et alii.
Celso Emilio Ferreiro 1912-1979: unha fotobiografía. Vigo: Xerais, 1989.
- Varela Orol (coord.).
Celso Emilio Ferreiro: catálogo da mostra bibliográfica organizada pola Biblioteca Universitaria de Compostela, 15-31 de maio de 1989. Santiago de Compostela: Vicerreitorado de Investigación, 1989.
- NICOLÁS, R.
Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Vigo: Xerais, 2009.
- NICOLÁS, R. et alii.
Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía sonora. Sarria: Ouvirmos, 2008.
- OREIRO PENSADO, X.
Celso Emilio Ferreiro: O home e a obra. Vigo: Edicións do Cumio, 1995.
- PORTEIRO GARCÍA, Mª X. e PEROZO RUÍZ, J.A.
Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas. Madrid: Akal, 1982.
- FERREIRO, C. e PENA, I.
Xornadas sobre Celso Emilio Ferreiro: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Vigo, os días 28, 29 e 30 de outubro. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, 2004.