Aquilino Iglesia Alvariño

Ano 1986

Aquilino Iglesia Alvariño

1/10

Biografía

Nado en Seivane de Vilarente, concello de Abadín, o 11 de xuño de 1909 e finado en Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1961, foi un poeta que soubo conxugar as tendencias literarias do seu tempo.

A vida campesiña e o contacto coa natureza nos seus primeiros anos quedarán patentes no léxico e na temática das súas creacións. Comezou formándose no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, onde compuxo Señardá (1930), a súa primeira obra poética. Trátase de cincuenta sonetos nos que pode visualizarse a influencia de autores coma Cabanillas, Noriega Varela ou o portugués Antero de Quental.

Tras abandonar os estudos eclesiásticos e pasar unha tempada como docente en Vilagarcía, cursou a licenciatura de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista e comezou a participar activamente na vida cultural do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra e fundou Renacencia. O seu segundo libro, Corazón ao vento (1933), desligado do modernismo, entronca co franciscanismo da súa primeira obra e ábrese a correntes como o saudosismo e o hilozoísmo, tendendo pontes cara á poesía moderna. Ao finalizar os seus estudos, converteuse en catedrático de latín de Ensino Medio, impartindo esta materia en institutos de Lugo e Pontevedra, primeiro, e Santiago de Compostela, por último.

A partir do estoupido da Guerra Civil, Iglesia Alvariño compuxo poesía de signo fascista en español -Contra el ángel y la noche, (1941)-. No entanto, en 1947 volta á lírica galega, editando Cómaros verdes. Considérase que con esta obra acadou a súa madurez creativa, marcando o inicio da literatura galega da posguerra. Cómaros compila material de tres lustros. Así, apréciase no poemario a influencia diferentes correntes como a estilización neotrobadoresca, a interiorización da paisaxe, o ensaio de ritmos popularistas, o hilozoísmo ou a contención clásica. Asemade, traduciu ao galego textos de autores clásicos como Horacio, Teócrito ou Tibulo. Posiblemente por mor desta influencia, na súa obra percíbese a pegada da poesía clásica, ademais do saudosismo de Teixeira de Pascoaes e, nun lugar non tan preponderante, do imaxinismo de Amado Carballo.

En 1952 regresa a Compostela, onde participou no agromar da xeración literaria das Festas Minervais. Así, colaborou en diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos en La Noche. A madurez e personalidade do seu verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista, manifestáronse claramente nas obras De día a día (1960), Lanza de soledá (1961) e Nenias (1961). Tres anos despois do seu falecemento en 1961, publicouse, baixo o título Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou espalladas en diferentes xornais e revistas.

Gonzalo Navaza sobre Iglesia Alvariño.

Obra

Poesía

- Señardá. Lugo: Palacios, 1930.
- Corazón ao vento. Lugo: Imp. A. Suárez Gómez, 1933.
- Contra el ángel y la noche. Bos Aires: Emecé Editores, 1941.
- Cómaros verdes. Vilagarcía de Arousa: Celta, 1947.
- De día a día. Vilagarcía de Arousa: Celta, 1960.
- Lanza de soledá. Ourense: Editora Comercial, 1961.
- Nenias. Vigo: Galaxia, 1961.

Traducións

- Horacio, Carmina. Madrid: CSIC, 1950.
- Plauto, A comedia da oliña. Vigo: Galaxia, 1962.

Ensaios

- Noriega Varela, poeta da montaña. Vigo: Galaxia, 1969.
- A lengua dos poetas do Norte de Lugo. A Coruña: RAG, 1964.
- Lengua e estilo de Cabanillas. Obras completas de Ramón Cabanillas. Bos Aires: Galicia, 1959.

Compilacións e obras sobre o autor

- Leva o seu cantare. Vilagarcía de Arousa: Celta, 1964.
- ALONSO MONTERO, X. (ed.)
Poesía galega completa. Vigo: Xerais, 1986.
- RODRÍGUEZ, L. (ed.)
A poesía de Aquilino Iglesia Alvariño. Lugo: Deputación Provincial, 1994.
- DEP. DE FILOLOXÍA GALEGA, USC (ed.)
Antoloxía de Aquilino Iglesia Alvariño. Santiago de Compostela: Universidade, 1986.
- FRAGUAS FRAGUAS, A. (ed.)
Aquilino Iglesia Alvariño: vida e obra. Escolma de textos. A Coruña: Real Academia Galega, 1986.
- RODRÍGUEZ, L.
O po dos días: introducción temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño. Vigo: Xerais, 2009.