Manuel Leiras Pulpeiro
Ano 1983
Manuel Leiras Pulpeiro
A poesía de Leiras Pulpeiro caracterízase pola súa forma popular e temática costumista ou política.
As súas crenzas republicanas entraron en conflito coa autoridade relixiosa da época e, nomeadamente, co bispado de Mondoñedo de el onde era nativo.
Leiras Pulpeiro recolleu numerosas cántigas e refráns da Terra de Miranda, como podemos comprobar neste fragmento manuscrito.
Biografía
Leiras Pulpeiro cultivou fundamentalmente unha poesía de denuncia social e constitúe unha das principais figuras do noso Rexurdimento.
Naceu en Mondoñedo o 25 de outubro de 1854. Iniciou os seus estudos de Latín e Humanidades no Seminario mindoniense, e obtivo o título de bacharel en Artes no Instituto de Tapia de Casariego, na Asturias occidental. En 1870 desprazouse a Compostela para cursar a carreira de Medicina, seguindo os pasos de seu pai, que remataría en Madrid en 1877. Un ano máis tarde regresaba a Mondoñedo, xa como médico en exercicio. Porén, Leiras Pulpeiro non semellaba encaixar nunha sociedade mindoniense hermética e fortemente influenciada pola igrexa. A coherencia dos seus ideais galeguistas e anticlericais valeulle o apelativo de "médico dos pobres" e mesmo o levou a casar polo civil no ano 1888, o cal foi motivo dun escándalo público con gran repercusión nos xornais locais.
Os seus primeiros poemas apareceron no semanario O Tío Marcos da Portela en 1884, sen que iso lle impedise a implicación na causa política. Foi membro activo do Partido Republicano Federal e participou, en 1887, na Xuntanza Federalista de Lugo que aprobou o "Proyecto de Constitución para el futuro Estado gallego". Os seus poemas, de poderosa sona xa naquel momento, levárono a ser nomeado, en 1905, membro da Real Academia Galega. Non obstante, a súa modestia fixo que renunciase, considerando que non reunía as condicións necesarias. Con todo, anos despois deixou como legado á institución unha importante colección de material sobre léxico, e tamén cantigas e refráns compilados ao longo da súa vida na comarca mindoniense.
Na última volta da súa vida, Leiras Pulpeiro resultou premiado nos Xogos Florais de Vigo e publicou, en 1911, Cantares gallegos, o único volume completo do autor editado en vida. Esta obra componse de poemas inspirados na tradición popular, que destacan pola súa gran riqueza lingüística, o predominio da temática amorosa e social, e o mantemento dun esquema métrico fixo. O 9 de novembro de 1912 falecía en Mondoñedo, a súa terra natal. No ano 1930 publicáronse xa as súas Obras Completas. Tomo I. Poesías, e, máis adiante, tras serlle dedicado o Día das Letras Galegas, publicáronse numerosas reedicións e compilacións.
Obra
- Apuntes para la geografía médica del distrito municipal de Mondoñedo. Mondoñedo: Tip. de H. Mancebo, 1910. Con Pastor Taladrid Pedreira.
- Cantares gallegos. Mondoñedo: Tip. de H. Mancebo, 1911.
Edicións e compilacións
- OTERO PEDRAYO, R. (Pról.)
Obras completas. Tomo I. Poesías. A Coruña: Nós, 1930.
- FRANCO GRANDE, X.L. (Pról. e ed.)
Obra completa. Vigo: Galaxia, 1970.
- ALONSO MONTERO, X. (ed.)
Obras completas. Santiago: Sálvora, 1983.
- DEP. FILOLOXÍA GALEGA, USC (ed.)
Escolma de Leiras Pulpeiro. Santiago de Compostela: Universidade, 1983.
- CARBALLO CALERO, R. & REIMUNDE NOREÑA, R. (ed.)
Poesía galega completa. Barcelona: Sotelo Blanco, 1984.
- REIMUNDE NOREÑA, R. (ed.)
Costumes antigos en Galiza. Mondoñedo: Reimunde SAT, 1998.
- REIMUNDE NOREÑA, R. (ed.)
Ben pode Mondoñedo desde agora: a esencia popular na obra e na língua de Manuel Leiras Pulpeiro. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1998.
- UZ, C.
Leiras Pulpeiro. Lugo: El Progreso de Lugo, 2003.
- PONTE FAR, J.A. (coord.)
Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.