Antón Villar Ponte
Ano 1977
Antón Villar Ponte
Biografía
Antón Villar Ponte dedicouse ao xornalismo, concibiu a renovación ideolóxica do noso nacionalismo e foi o principal prosista da xeración das Irmandades da Fala.
Naceu en Viveiro o 2 de outubro de 1881. Alí comezou os seus estudos para cursar posteriormente Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Durante os anos de carreira militou no republicanismo e colaborou en El Combate. En 1904, tras licenciarse, comezou a rexentar unha botica en Foz, onde se estreou no xornalismo anticaciquil coas súas intervencións no boletín local ¡Guau, guau! e na Revista Gallega. Desta época data a súa primeira peza dramática, Do caciquismo: A patria do labrego. En 1906 marchou a Madrid, onde exerceu como xornalista en El País. Ao ano seguinte, xa de volta en Galicia, participou como redactor en Tierra Gallega. Pouco tempo despois emigrou á Habana por mor das dificultades económicas, e alí dirixiu o Diario Español e algunhas revistas, como Alma Gallega e Follas Novas. Foi tamén secretario da Comisión Protectora da Real Academia Gallega e participou no movemento galeguista, á vez que mantiña contacto con Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas. De regreso en Galicia, en 1910, exerceu como correspondente do Diario de La Marina e de Correspondencia, foi redactor de La Vozde Galicia na Coruña e presidente da Asociación da Prensa coruñesa. Neses anos estableceu un contacto fundamental con diversos intelectuais do galeguismo, como Manuel Murguía, Aurelio Ribalta e, especialmente, con Manuel Lugrís Freire. Partindo do seu republicanismo federalista, a súa ideoloxía avanzou cara ao nacionalismo de Murguía. Nesa liña, a comezos de 1916 decidiu crear, coa axuda do seu irmán Ramón, unha Liga de Amigos del Idioma Gallego, que se converteu, en realidade, na primeira Irmandade dos Amigos da Fala, constituída o 18 de maio dese mesmo ano nos locais da Real Academia Galega. Elixido presidente, publicou o folleto "Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional", unha colección dalgúns dos seus artigos escritos en La Vozde Galicia, e tamén comezou a actividade do que foi o voceiro oficial das Irmandades, o xornal A Nosa Terra, dirixido e redactado por M. Lugrís Freire, Lois Peña Novo e por el mesmo.
A partir dese momento participou en mitins nas principais vilas galegas defendendo a colaboración entre o nacionalismo e os movementos de esquerdas. Nesa altura, e tras a visita de F. Cambó a Galicia, liderou unha delegación galega que pronunciou unha conferencia sobre historia do galeguismo en Barcelona. A través desta relación buscábase unha alianza de cara ás próximas eleccións. Mais, co fracaso das celebradas en febreiro de 1918, produciuse unha escisión no seo das Irmandades coa marcha de Rodrigo Sanz e os que apoiaban as súas teses, mentres que o grupo liderado por el se viu reforzado coa colaboración dos integrantes do grupo Nós. En 1919 colaborou na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que asumiría tarefas tan relevantes como a tradución de autores estranxeiros ao noso idioma; e desde 1920 colaborou na revista Nós. Villar Ponte deixounos unha considerable produción dramática transmisora do ideario galeguista. É o caso de pezas como Da superstición: Entre dous abismos e Da emigración: Almas mortas, que forman unha triloxía xunto á súa primeira obra publicada en 1905.
Con todo, a súa figura tamén destaca na dimensión estritamente política. A influencia de Vicente Risco ocasionoulle certo distanciamento con respecto aos seus antigos compañeiros e, por conseguinte, a súa dimisión como director de A Nosa Terra. Apoiou as teses de Risco e Losada Diéguez, e xuntos fundaron, en 1922, a Irmandade Nazonalista Galega. Coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera foi nomeado concelleiro pola Coruña, aínda que dimitiu en canto observou que, baixo un sistema tal, era imposible acadar os obxectivos de autonomía para Galicia. A partir dese momento comezou a súa viaxe desde o tradicionalismo cara ao nacionalismo democrático. Da súa idea de crear un Partido Liberal Autonomista Gallego, xurdiu a ORGA, que fundou en colaboración con Santiago Casares Quiroga e outros galeguistas republicanos da Coruña. En 1931 foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega nas Cortes Constituíntes. En 1934, a medida que a ORGA se achegaba máis ao republicanismo de esquerdas español, rompeu a súa relación con Casares Quiroga e pasou a militar no Partido Galeguista, á vez que ingresaba na Real Academia Galega co discurso titulado O sentimento liberal na Galiza.
Rematado o bienio de goberno da dereita, celebráronse novas eleccións en 1936, ás que concorreu o Partido Galeguista, integrado na Fronte Popular. Tras o plebiscito, acadou novamente acta de deputado, aínda que a súa prematura morte, que tivo lugar o 4 de marzo de 1936 na Coruña, impediulle ver o final do proceso político.
No entanto, o seu compromiso político constante non lle fixo abandonar nunca a produción teatral, e, así, nos últimos anos da súa vida aínda publicou Os Evanxeos da risa absoluta e Nouturnio de medo e morte. Porén, ao Villar Ponte político débeselle sumar o xornalista. Foi autor de múltiples artigos e ensaios destinados a espallar o ideario das Irmandades, moitos dos cales foron recollidos e publicados de maneira póstuma en Pensamento e sementeira.
Obra
Ensaio
- Nacionalismo gallego. A Coruña: Imp. La Voz de Galicia, 1916. 2ª ed.
- Escolma d-artigos nazonalistas. Santiago: Nós, 1936.
- O sentimento liberal na Galiza. Discurso leído o día 24 de xullo de 1934, no acto da súa recepción pública. A Coruña: Real Academia Galega, 1977.
Teatro
- Almas mortas: novela dialogada cómico tráxica en tres estancias. Ferrol: Céltiga, 1922.
- Teatro galego: tríptigo. A Coruña: Nós, 1928. Inclúe: Do caciquismo: a patria do labrego; Da emigración: almas mortas; Da superstición: entre dous abismos.
- Os evanxeos da risa absoluta: anunciación do antiquixote. Folk-drama da sinxeleza campesina. Santiago: Nós, 1934.
- Nouturnio de medo e morte: bárbara anécdota realista en dous tempos (sin literatura) que puido andar nos romances dos cegos. Santiago: Nós, 1935.
Escolmas e estudos sobre o autor
- Pensamento e sementeira. Buenos Aires: Galicia, 1971.
- CÁTEDRA DE LINGÜÍSTICA E LITERATURA GALEGA (ed.)
Escolma. Santiago: Universidade, 1977.
- BERAMENDI GONZÁLEZ, J. & MONTERROSO DEVESA, X.Mª.
Obra política de Ramón Villar Ponte. Sada: Ediciós do Castro, 1991.
ÍNSUA LÓPEZ, E.X.
- O primeiro Antón Villar Ponte: achegamento ao período de formación do fundador das Irmandades da Fala (1881-1908). Lugo: Fundación Caixa Galicia, 2003.
- ÍNSUA LÓPEZ, E.X.
Antón Villar Ponte e a Academia Galega: contributos para a historia crítica dunha institución centenaria. Vilaboa: Edicións do Cumio, 2006.