Xoán Manuel Pintos

Ano 1975

Xoán Manuel Pintos

1/3

Biografía

Xoán Manuel Pintos, que forma parte da primeira xeración provincialista dos Precursores, foi unha das figuras máis destacadas do grupo polo seu uso case exclusivo da lingua galega.

Naceu en Pontevedra o 16 de decembro de 1811. Iniciou os seus estudos de Humanidades no convento de Santo Domingo na Coruña, e, de 1829 a 1835, cursou Dereito en Santiago de Compostela. Nesta cidade tamén estudou Filosofía e música. Ao rematar a carreira, impartiu durante un ano a disciplina de Institucións Canónicas. De 1837 a 1840 traballou de avogado na Coruña, e, posteriormente, foi nomeado xuíz de primeira instancia en Cambados polo goberno progresista. Logo de ser destituído como xuíz en 1844 polo goberno conservador, volveu exercer de avogado, esta vez en Pontevedra, ata que en 1862 pasou a exercer como rexistrador da Propiedade en Vigo, cargo que ocupou ata a súa morte, que tivo lugar na antedita cidade o 29 de xuño de 1876. Ao longo deses anos colaborou en diversos xornais, como El País e La Perseverancia, mentres algúns dos seus poemas foron publicados en Misterios de Pontevedra.

A súa obra A gaita gallega tocada polo gaiteiro ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, e aínda máis converteuno na figura máis representativa da primeira xeración provincialista dos Precursores. Trátase dunha obra trilingüe, en latín, castelán e galego, que foi concibida para achegar o galego aos lectores. Publicouse por fascículos ao longo do ano 1853 e, canda ela, viu a luz un Breve diccionario escrito por el tamborilero para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaitero.

No entanto, Xoán Manuel Pintos deixounos tamén un amplo conxunto de poemas que apareceron publicados en diversos xornais da época. De entre eles, cómpre salientar as tres églogas: "Antonio e Margarida" (1857), "Xacinto e Catriña" (1858) e "Delores e Alexandre" (1858), nas que emprega a lingua galega de xeito pioneiro. Encerran tamén especial interese: o longo poema narrativo "Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea" (1858), varias composicións costumistas, como os "Consellos da tía Fuca á súa sobriña" (1858), o poema lírico "O reiseñor" (1858) e un agromo de epopea de máis de seiscentos versos que titula "A Galicia" (1861).

Xosé Henrique Costas sobre Xoán Manuel Pintos.

Obra

- A gaita gallega tocada po lo gaiteiro ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, e ainda mais. Pontevedra: Imp. de Don José y Don Primitivo Vilas, 1853.
- Breve Diccionario escrito por el tamborilero para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaitero. Pontevedra: Imp. de Don José y Don Primitivo Vilas, 1853.

Compilacións e obras sobre o autor

- CÁTEDRA DE LINGÜÍSTICA E LITERATURA GALEGA, USC (ed.)
Xoán Manuel Pintos. Día das Letras Galegas: 17 de maio de 1975. Santiago de Compostela: Universidade, 1975.
- MARCO, A.
Estudiosos do galego: Don Xan Manuel Pintos Villar. Vigo: Galaxia, 1975.
- MILLÁN GONZÁLEZ-PARDO, I. (ed.)
Retallos de poesía e prosa. A Coruña. Real Academia Galega, 1975.
- RÍOS PANISSE, Mª do C. (ed.)
Obra poética dispersa de Xoán Manuel Pintos Villar. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006.
- PONTE FAR, J.A. (coord.)
Xoán Manuel Pintos Villar (1811-1876). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.