Florentino López Cuevillas
Ano 1968
Florentino López Cuevillas
Cuevillas é un referente no estudio da prehistoria galega e da cultura castreña.
Cuevillas foi o responsable da Sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos.
Cuevillas ingresou na RAG o 27 de xullo de 1941 a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya.
Detalle dunha carta de Cuevillas a Risco. Fondo RAG.
Detalle dun mapa do "Catálogo dos castros galegos. Terra de Lobeira". Separata 114 do "Boletín Nós". Santiago de Compostela, 1933. Biblioteca RAG. Tamén figura como autor Xurxo Lorenzo.
Capa de "A Edade do Ferro na Galiza", editado pola RAG en 1968.
Biografía
Florentino López Alonso-Cuevillas, membro da xeración Nós, foi antropólogo e historiador -considerado o primeiro sistematizador da prehistoria galega- e achegouse ademais ao ensaio e á narración literaria.
Naceu en Ourense o 14 de novembro de 1886. Estudou Farmacia en Santiago de Compostela e Filosofía e Letras -que non rematou- en Madrid. Sen chegar a exercer como farmacéutico, e de volta en Ourense, comezou a traballar como funcionario na delegación de Facenda.
Nos anos seguintes compaxinou este labor coa investigación e a política. As súas primeiras mostras literarias foron colaboracións -en castelán- de carácter sociopolítico en publicacións locais, como La Centuria ou El Miño. O seu ingreso nas Irmandades da Fala, arredor de 1918, achegouno ao galeguismo. Así, dous anos despois, Cuevillas participou no nacemento da revista Nós, xunto a Risco e Castelao, entre outros. Nela editou o seu primeiro e máis salientable artigo, "Dos nosos tempos", onde explica o significado do grupo Nós e a súa transcencencia para a cultura galega. En 1921 publicou "A mansión de Aquis Querquernis", un estudo sobre a Galicia prerromana. Esta predilección pola arqueoloxía levouno a dirixir a sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos, onde ingresou en 1924. No seo da institución desenvolveu numerosos estudos, promoveu a creación do Catálogo dos castros galegos e contribuíu ao uso da nosa lingua. Pero estas actividades quedarían truncadas en 1936, co comezo da guerra civil. Tras a contenda, seguiu publicando os resultados das súas investigacións. É o caso de La civilización céltica en Galicia, de 1953.
Dous anos despois de se retirar, faleceu na súa cidade natal, o día 30 de xullo de 1958. Postumamente saíu do prelo, en 1962, Prosas galegas, 1920-1958, unha obra que compila os seus artigos de carácter literario e ensaístico. A súa produción científica foi difundida a través de publicacións como Nós, os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, o Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense ou os Cuadernos de Estudios Gallegos.
Obra
Antropoloxía
- Bibliografía da prehistoria galega. A Coruña: Nós, 1927.
- Prehistoria e folklore da Barbanza. A Coruña: Nós, 1927-1928. Con Fermín Bouza Brey.
- Os oestrimnios, os saefes e a ofiolatría en Galiza. A Coruña: Nós, 1929. Con Fermín Bouza Brey.
- Vila de Calvos: notas etnográficas e folklóricas. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, 1930. Con Xaquín Lourenzo Fernández.
- La civilización neo-eneolítica gallega. Madrid: Junta para la Ampliación de Estudios, 1931.
- Cómo nasceu a cidade de Ourense. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, 1934.
- Puertas de castros gallegos. Madrid: [s.n.], 1935.
- Parroquia de Velle. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, 1936.
- Las joyas castreñas. Madrid: CSIC, 1951.
- La Edad del Hierro en el Noroeste: la cultura de los castros. Zaragoza: Tip. "La Académica", 1953.
- La civilización céltica en Galicia. Santiago de Compostela: Porto, 1953.
- Trabajos inéditos. Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, 1958.
- A Edade do Ferro na Galiza: traballo lido no Seminario d'Estudos Galegos de Santiago de Compostela o día 18 d'abril de 1924. A Coruña: Real Academia Galega, 1968.
- Castro de Cameixa: campañas 1944-46. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Cultura do Patrimonio Histórico-Artístico, 1986.
- O culto das fontes no noroeste hispánico. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 2002.
Compilacións e estudos sobre o autor
- Homenaxe dos amigos e discípulos do petrucio de prehistoria galega Florentino L. Cuevillas no LXX aniversario do seu nacemento. Vigo: Galaxia, 1957.
- CAIXA OURENSE (ed.)
Miscelánea. Ourense: Caixa Ourense, 1987.
- CONCELLO DE OURENSE (ed.)
Cosas de Orense: artículos publicados en el diario La Región. Ourense: Concello de Ourense, 1969.
- DÓNEGA ROZAS, M. (ed.)
Prosas galegas. Vigo: Galaxia, 1962.
- OTERO PEDRAYO, R.
Florentino L. Cuevillas. Vigo: Galaxia, 1980.