Eduardo Pondal

Ano 1965

Eduardo Pondal

1/8

Biografía

Eduardo Pondal, "o bardo de Bergantiños", é un dos grandes poetas do noso Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez.

Naceu na vila de Ponteceso o 8 de febreiro de 1835, no seo dunha familia de orixe fidalga que se enriqueceu na emigración a América e que, ao seu regreso a Galicia, ocupou postos destacados na vida política e económica da comarca bergantiñá. Era fillo de Juan González Pondal, comerciante, e de Ángela Abente Chans, que deixou orfos os seus fillos ao ano seguinte de nacer Eduardo. Como era o menor de sete irmáns, formouse nun ambiente de alto poder adquisitivo que lle permitiu dedicar toda a vida á escritura, xa que os recursos necesarios para o seu mantemento proviñan das rendas familiares. En 1844 estudou gramática latina na reitoral de Vilela de Nemiña co párroco de Touriñán, Cristóbal de Lago, como era habitual nos rapaces que querían iniciar carreira eclesiástica ou universitaria. A composición "O dolmen de Dombate" constitúe unha boa mostra da influencia que esta etapa de primeiros estudos na terra de Bergantiños causou nel. Durante eses anos, o mozo Pondal estivo moi pendente dos acontecementos históricos en España e en Galicia, especialmente de todo o movemento político e militar que desembocou no fusilamento en Carral do xeneral Solís, defensor das ideas liberais e progresistas -que tanto interesaban a Pondal- en oposición ao poder centralista e conservador do goberno de Madrid. No ano 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o bacharelato en filosofía e, a continuación, de 1854 a 1860, a carreira de Medicina. En Compostela frecuentou os faladoiros literarios do Liceo de la Juventud, situado nos baixos do convento de Santo Agostiño, xunto con Aurelio Aguirre, Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Foi nesta época cando se revelou como poeta, nunha ocasión que pasaría á posteridade como Banquete de Conxo: un xantar celebrado o 2 de marzo de 1856, baixo a organización de Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre e o propio Pondal, no que confraternizaron obreiros e artesáns composteláns con estudantes liberais. Na sobremesa, Pondal leu o poema en castelán "Brindis", escrito por el, o que lle supuxo a apertura dun proceso na Audiencia da Coruña, debido ao seu avanzado carácter progresista.

No ano 1857, seguindo os parámetros literarios do poeta portugués Luis Vaz de Camões, apareceron os primeiros versos de Os Eoas e, ao ano seguinte, viu a luz a primeira versión de La Campana d'Anllóns, publicada na edición do 14 de febreiro no xornal pontevedrés El País. Rematou a carreira en 1860 e, un ano despois, opositou ao corpo de Sanidade Militar en Madrid. Pero pronto comezou o seu desinterese pola carreira que escollera. En 1864, ao pouco de conseguir un posto na fábrica militar de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou definitivamente a profesión médica. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, aos que Pondal concorreu co texto "A campana d'Anllóns", o seu primeiro poema en galego, que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad e no que aínda non se encontran pegadas do celtismo. A partir dese momento, Pondal retirouse á casa paterna, na que residiu con frecuentes visitas a Compostela e, especialmente, á Coruña, onde participou no faladoiro rexionalista da Cova Céltica, como era coñecido aquel encontro de intelectuais na Librería Regional de Carré Aldao. A través de Murguía accedeu ao libro Ossian, barde du IIIè siècle (1867), de James Macpherson, que o levou a afondar no seu convencemento sobre a influencia do mundo céltico en Galicia e, por extensión, na súa lingua. Neses anos publicou títulos como A fada dos montes, un folleto de 12 páxinas introducido por uns versos hendecasílabos de Ariosto, e Rumores de los pinos, nunha liña poética que lle daba á súa obra un eco importante na intelectualidade galega da época pola pureza da súa lingua e a potencia do seu estilo. Os vinte e un poemas en galego e castelán que conforman Rumores de los pinos servíronlle de base para a creación de Queixumes dos pinos, onde recupera as composicións en galego, incluíndo algúns dos poemas en castelán traducidos ao galego.

No ano 1888 decidiu marchar a Carballo, onde entrou en contacto coa música da man do compositor Pascual Veiga, quen lle solicitou a letra para unha melodía súa coa que participaría nun certame coruñés en que se ía seleccionar a mellor Marcha Regional Gallega. Pondal entregoulle "Os pinos", un poema xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos. Se ben a adaptación dos versos de Pondal á música de Veiga se realizou nese tempo, a presentación en sociedade do himno non tivo lugar ata o 20 de decembro de 1907, nun acto organizado polo dinamizador Xosé Fontenla Leal no Gran Teatro do Centro Galego de La Habana. No ano 1894 Pondal instalouse na Coruña, onde frecuentou os círculos máis coñecidos da época, como a Sociedad Cooperativa Militar y Civil ou a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos. En 1895 Uxío Carré editou O dolmen de Dombate e unha nova versión de La Campana d'Anllons. O relativo éxito das composicións pondalianas estendeuse máis aló das fronteiras de Galicia, non só polo resto de España, senón tamén por Portugal e Francia. Asemade, colaborou con artigos e poemas en diversas publicacións periódicas, en España e en América, como Eco de Galicia, Galicia Diplomática, Galicia Emigrante, La Ilustración Gallega y Asturiana e Revista Gallega.

Durante a última etapa da súa vida sufriu constantes ataques depresivos e amosaba síntomas de neurose obsesiva. O seu carácter misantrópico e hipocondríaco derivou nunha crise, en 1903, que lle provocou un trastorno psíquico. Respecto á súa obra, aínda que é significativo o interese por parte dos seus coñecidos por publicar a versión definitiva de Os Eoas nese momento da súa vida, as continuas correccións ás que Pondal sometía o texto e o avance da súa enfermidade impediron que saíse á luz. Entre 1905 e 1908, consciente xa do seu débil estado mental, volveu novamente a Ponteceso. Viviu de forma intensa dous importantes acontecementos: a fundación da Real Academia Galega, na que non chegou a participar, aínda que foi membro numerario, e mais a morte de Curros Enríquez, no ano 1908, a quen lle dedicou algunha composición nas publicacións da época. A finais de 1908 decidiu volver á Coruña, onde recibiu, en 1910, a nova do seu nomeamento como académico honorario da Academia de Poesía Española de Madrid. No mediodía do 8 de marzo de 1917 morría na Coruña Eduardo Pondal, tal e como informaba a prensa galega da época que, ademais, ofrecía abondosos datos sobre o seu soterramento, ao que acudiron diversos políticos, como o propio alcalde da Coruña, e intelectuais, moitos deles pertencentes á Real Academia Galega e a outras institucións relevantes da cidade.

Xosé Luís Méndez Ferrín sobre Eduardo Pondal.

Obra

A súa obra pode dividirse en dúas etapas:
A primeira vai desde 1854 ata 1868. Corresponde ao segundo provincialismo. Pondal amósase como un poeta bilingüe de tendencia romántico-byroniana, que se modera coa intención e coa forma clasicista. Produce o famoso poema "El canto de un brigante. A campana de Anllóns", e dous poemas en galego que constitúen unha primeira redacción de Os Eoas, que quizais respondese ao título de Colón, segundo informa Murguía en Los Precursores.

A segunda etapa corresponde ao rexionalismo. Pondal, influído polas ideas dos seus correlixionarios, especialmente a través de Murguía, séntese o poeta bardo, o espallador das raíces étnicas do pobo galego. Iníciase co libro bilingüe Rumores de los pinos (1877) e chega ao cume con Queixumes dos pinos (1886). Ao carón destas obras colocamos as últimas refundicións de Os Eoas, que, aínda que é inicialmente unha obra de concepción provincialista, vai ser "rexionalizada" por influxo dos ideais dos integrantes da Cova Céltica. Ademais, un feixe de poemas soltos que son parte frustrada de Queixumes dos pinos (variantes, poemas non incluídos, etc.) ou proxectos doutras obras que nunca chegaron a realizarse na súa totalidade. Parte destes poemas foron publicados en Pondal: versos iñorados ou esquecidos e en Eduardo Pondal: novos poemas. Outros esperan a publicación das obras completas do xenial bergantiñán.

A base da súa poética susténtase nalgúns eixes fundamentais: en primeiro lugar, a poesía clásica, á que tivo acceso desde moi novo, nos seus primeiros estudos, sobre todo a relacionada co mundo grego arcaico, destacando sobre todas as voces a de Homero. Ao seu lado, a Biblia, especialmente o Cantar dos Cantares, foi para el fornecedora de personaxes como Miqueas ou Tirteo, que representan o espírito da rebelión. Tamén o Renacemento, con Dante, Ariosto, Tasso e Camões, é indispensable para a comprensión da épica pondaliana, especialmente Os Eoas. Finalmente, cómpre sinalar a influencia da poesía italiana neoclásica, representada na figura de Vicenzo Monti.

Indicamos, a continuación, os seus títulos fundamentais:

- A fada dos montes. Santiago de Compostela: Tip. Manuel Mirás e Álvarez, 1872.
- Rumores de los pinos: poesías. Santiago de Compostela: Tip. Manuel Mirás e Alvarez, 1877.
- A campana d'Anllóns. A Coruña: Imp. Carré Aldao, 1895.
- O Dolmen de Dombate. A Coruña: Imp. Carré Aldao, 1895.
- Queixumes dos pinos. A Coruña: Latorre y Martínez, 1886.
- Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal. Vigo: Galaxia, 1961. Reunidos, prologados e anotados por Ricardo Carballo Calero.
- Novos poemas. Vigo: Galaxia, 1971. Limiar, transcrición e notas de Amado Ricón Viruleg.
- Os Eoas: (unha aproximación). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, 1992. Limiar, transcrición, selección e notas de Amado Ricón Viruleg.