Xosé Ramón Pena presenta o volume da súa historia da literatura dedicado á "longa noite"

A detención de Celso Emilio Ferreiro no ano 1937 serve de punto de partida para a nova entrega do gran proxecto da historia da nosa literatura iniciado por Xosé Ramón Pena en 2013. O autor presentou Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A "longa noite" esta mañá na Real Academia Galega, acompañado do director de Xerais, Fran Alonso, e de Xesús Alonso Montero. O académico gabou o rigor e a riqueza documental que ofrece en toda unha serie que presenta "o discurso literario galego desde Mendiño ata hoxe mesmo", demostrando un dominio da historia da literatura no seu conxunto cada vez máis difícil de atopar, salientou. Un percorrido desde o século XIII pola historia das nosas letras que ten ademais ánimo divulgativo, capaz de achegala a diferentes públicos, engadiu Fran Alonso.

O autor Xosé Ramón Pena, no centro da imaxe, con Fran Alonso e Xesús Alonso Montero. Fonte: RAG


A historia da literatura galega de Xosé Ramón Pena foi a gañadora do Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio de 2014 e do Premio da Crítica na modalidade de investigación en 2015 co seu segundo volume, dedicado ao Rexurdimento, ao que lle seguiu o centrado no período de 1916 a 1936, os "anos de prata" das letras galegas, Premio Losada Diéguez na modalidade de investigación en 2017. A cuarta entrega alicerza unha narración documentada desde o comezo da guerra civil ata finais de 1975, o tempo da "longa noite de pedra", en palabras de Celso Emilio Ferreiro, pero tamén, nos últimos anos da ditadura, un momento en que se anunciaba o segundo rexurdimento das letras galegas que se produciría coa chegada da democracia. "Nestes anos, malia referirse á literatura realizada durante o franquismo, o número e a importancia dos textos vai en aumento, sobre todo a partir da década dos 60. Medra, polo tanto, a bibliografía que hai que tratar e a investigación con respecto ás etapas anteriores", indica o autor.

O maior número de obras e de bibliografía sobre elas non foi a única complexidade desta obra. "Foi agradable escribir sobre autores que cheguei a coñecer e a tratar, pero por outro lado iso produce certo medo, porque un quere ser especialmente coidadoso e unir esa relación coa necesaria obxectividade", confesa Xosé Ramón Pena.

As letras no seu contexto social
Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A "longa noite" segue a mesma pauta que os volumes anteriores, cun achegamento á historia da literatura que, sen rexeitar a súa propia autonomía, a presenta tamén como "unha parte da historia xeral", engade o autor. "Xosé Ramón Pena non só traza a historia da nosa literatura, senón que revisa toda a nosa historiografía literaria, actualizándoa e contextualizándoa social e politicamente", engade o editor Fran Alonso.

A historia da literatura iniciada en 2013 por Xosé Ramón Pena é un proxecto persoal que atopou apoio de Xerais, que o fixo tamén seu. "É unha aposta para facer que os galegos e as galegas se poidan recoñecer na súa literatura, a través do traballo dunha persoa que é capaz de xuntar investigación, con coñecementos científicos e documentais, e un estilo que aproxima a historia da literatura a públicos diversos", expresa o editor Fran Alonso. Unha aposta, nuns tempos difíciles para os estudos filolóxicos e as humanidades, "arriscada pero necesaria", sentencia.

O proxecto é para Xesús Alonso Montero a mostra de que o seu autor é parte dunha "especie de intelectuais na historiografía literaria que se extingue". "Hoxe hai especialistas en menos de medio século, pero non sempre o que gañan en profundidade o gañan en claridade. Se cadra non lles escapa un detalle dese momento concreto, pero saben pouco do período inmediatamente anterior. Que haxa unha persoa como Xosé Ramón Pena que nos presente o discurso literario galego desde Mendiño ata hoxe mesmo é realmente asombroso", valora o académico. "O seu traballo está feito cunha documentación, cun rigor e cunha penetración pouco frecuentes. Leu todo o que hai que ler, os textos dos autores pero tamén toda a bibliografía secundaria, o que se ten opinado deles, e aí nolo deixa, incluso aquelas opinións coas que non sempre está moi de acordo. Con esta obra, Xosé Ramón Pena podería xubilarse xa!", conclúe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 12 de novembro de 2019 / 10:45 h
Toponimízate: IES Francisco Asorey - Cambados
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete