Quince especialistas ofrecen novas olladas a María Victoria Moreno no simposio que lle pon o ramo ás Letras Galegas 2018

O ano vai rematando, pero a Real Academia Galega segue a celebrar a María Victoria Moreno. Os vindeiros días 27 e 28 de novembro, a institución que a escolleu como protagonista do pasado 17 de maio poralle o ramo ás Letras Galegas 2018 da man dos 15 especialistas que ofrecerán novas olladas á vida e obra de quen foi, e é, unha figura central da literatura infantil e xuvenil galega, pero non só iso. O Simposio María Victoria Moreno pescudará na súa produción literaria e no perfil máis humano, mais tamén na importante acción cultural que empezou a desenvolver pouco despois de chegar a Galicia como docente. Ademais de relatorios e mesas redondas, o programa ofrecerá un recital conducido polo escritor Xesús Rábade, amigo da autora desde os anos de mocidade, e repasará nunha peza audiovisual a celebración das Letras de María Victoria Moreno nos centros educativos de Galicia.

O Simposio María Victoria Moreno, organizado polas académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, desenvolverase en horario de tarde na sede da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña). A entrada é libre e a inscrición, gratuíta.

A obra literaria da autora centrará a primeira xornada do Simposio María Victoria Moreno. Tras a apertura do foro, ás 16:30 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Ana Roig Rechou, experta en literatura infantil e xuvenil, pronunciará a conferencia inaugural, Un lugar de honra na LIX. María Victoria Moreno. Seguiralle o relatorio de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de LIX e amigo persoal da homenaxeada desde que a finais dos anos 80 compartiu con ela a codirección da colección de Galaxia para o público máis novo. O escritor deterase na relación entre María Victoria Moreno e a poesía para a infancia, un xénero que cultivou en títulos como Eu conto, ti cantas ou a historia en verso da cadeliña Alma de E haberá un tirón de orellas?

A primeira xornada continuará cunha mesa redonda, moderada polo académico correspondente Xoán Babarro, en que afondarán na produción literaria de María Victoria Moreno a escritora, docente e secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas; Isabel Soto, tradutora e coautora, xunto a Xavier Senín, da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro; e o académico de número Andrés Torres Queiruga.

A tarde do martes rematará cun recital, a partir das 20:00 horas, conducido polo escritor Xesús Rábade Paredes, exalumno e amigo de María Victoria Moreno, que unirá a súa voz ás do académico Darío Xohán Cabana (un dos poetas escolmados en 1973 pola autora en Os novísimos da poesía galega), Ana María Fernández, Antonio García Teijeiro, Mercedes Queixas e Xoán Babarro.

A xornada do mércores 28 de novembro ofrecerá diversas olladas á biografía e á acción cultural da autora. O primeiro relatorio correrá a cargo doutro amigo persoal, biógrafo e editor da homenaxeada, Xavier Senín. O tradutor coñeceu a autora cando esta participou como profesora de profesores nos primeiros cursos de lingua e cultura galegas para o profesorado, que se empezaron a impartir nos primeiros anos 80 do século pasado, un dos perfís de María Victoria Moreno que xustifica o título da súa intervención, Xenerosidade e compromiso coa cultura galega. Naqueles cursos tamén participou, como alumna, a académica Fina Casalderrey, quen participará deseguido co relatorio titulado A mestra e a pegada do camiño ensinado.

A mesa redonda da segunda xornada será moderada pola académica Marilar Aleixandre e contará coas achegas do editor e mestre Manuel Bragado, a crítica literaria, profesora da USC e biógrafa de María Victoria Moreno Montse Pena e a profesora da UVIGO Isabel Mociño. Manuel Bragado centrarase nos ensaios da autora, Isabel Mociño ofrecerá unha ollada á conciencia cívica adiantada ao seu tempo que sempre amosou e Montse Pena Presas indagará no labor que desenvolveu como autora de libros de texto para achegar a literatura galega á mocidade.

No activismo cultural e cívico de María Victoria Moreno profundará tamén na conferencia de clausura o académico Xesús Alonso Montero, amigo persoal da homenaxeada desde que foron compañeiros de departamento nos anos 60 no daquela Instituto Masculino de Lugo.

O simposio pecharase coa proxección dunha escolma de vídeos que ilustran como se vive hoxe a obra e a figura de María Victoria Moreno nos centros escolares.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete