Os PEN Translates awards premian a tradución de Craig Patterson da última novela de Eva Moreda

A tradución ao inglés realizada por Craig Patterson da última novela de Eva Moreda, A Veiga é como un tempo distinto (Xerais, 2011), é unha das gañadoras dos últimos PEN Translates awards concedidos polo English PEN. A versión inglesa que asina o académico correspondente, baixo o título Home is Like a Different Time, sairá do prelo en 2018 dentro do selo Francis Boutle. Craig Patterson xa publicou nesta mesma editorial a primeira tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao, que será promocionado en Galicia a vindeira primavera.
Craig Patterson

Os PEN Translates awards premiaron desta volta libros de quince países en catorce linguas. No palmarés, xunto ao traballo de Craig Patterson figuran tamén a primeira novela de Mauritania vertida ao inglés e traducións de obras escritas orixinalmente noutras linguas minoritarias europeas como o occitano e o albano.

Tras rematar a tradución de Sempre en Galiza, Forever in Galicia (Boutle, 2016), Craig Patterson propúxose levar do galego ao inglés a obra dalgún autor ou autora viva, e tamén de menor extensión. A escolla da novela de Eva Moreda non foi casual. "Creo que a temática d´A Veiga é como un tempo distinto é máis relevante que nunca, tanto para Galicia como para o Reino Unido, país no que se desenvolve a maior parte da narrativa da novela. Refírome a temas coma a emigración, a igualdade de xénero, a identidade e a memoria histórica. Con todo, o meu motivo principal ao escoller unha novela de Eva Moreda foi o de promover en calquera dos dous idiomas unha escritora que aínda non gosta do prestixio que realmente merece na casa: en Galicia. Quero celebrar o seu enorme talento literario e creativo por medio da tradución ao idioma principal do planeta", explica o académico correspondente.

Verter esta novela ao galego, confesa, foi unha tarefa máis sinxela cás traducións de Sempre en Galiza ou A Esmorga de Eduardo Blanco Amor (On a Bender, Planet 2012), outra das obras das nosas letras que levou ao inglés. "A dificultade principal ao traducir A Veiga é como un tempo distinto é a de captar e ser fiel á voz narradora, unha voz homodiexética, obreira, pouco culta pero ao mesmo tempo creativa en termos lingüísticos. Ese desafío non dista tanto da situación semellante co narrador d´A Esmorga, aínda que son seres ben diferentes. Eva Moreda escribe cunha sutileza ben fina, e procuro reflectila en inglés. E velaí a vantaxe de traballar na obra dunha autora viva: falamos por correo electrónico, e calquera dúbida que eu teña, ela soluciónaa. Ás veces quería facer o mesmo con Blanco Amor e Castelao, mandarlles un whatsapp alén cova, pero…", expresa.

O premio do PEN Club supón un recoñemento que anima a Craig Patterson a seguir adiante nos eidos da tradución, especialmente no literario, mais é tamén un recoñecemento ás letras galegas, considera o tradutor. "Grazas a este premio, acaban de ser recoñecidas a nivel internacional pola súa universalidade e valor humanístico plasmado na obra de Eva Moreda", reflexiona. "Isto ten unha importancia absoluta fundamental nestes tempos escuros que corren nos que a propia cultura e lingua se ven minorizadas, senón atacadas, dentro da propia sociedade galega. Eva Moreda é unha galega emigrada que triunfa internacionalmente precisamente por crear no idioma galego e por ser fiel sempre, mar por medio, á súa lingua e á súa cultura", conclúe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete