O uso do Dicionario segue a medrar e pecha 2018 con preto de 21,9 millóns de consultas

O Dicionario da Real Academia Galega volveu medrar en 2018 con máis consultas e novas palabras. O ano que acaba de rematar rexistrou 21.842.744 buscas en liña que representan unha media de case 60.000 diarias. As cifras dan conta da consolidación no uso cotián desta ferramenta básica da lingua galega, dispoñible en versión dixital e gratuíta desde 2013, e en constante actualización co apoio da Fundación Barrié.

Nos últimos doce meses, sumou 1.339.507 procuras máis que no mesmo período de 2017, o que representa un incremento do 6,5%, e a suba acada o 51% en comparación cos 14,4 millóns de buscas de 2014. O número de usuarios tamén aumentou en 2018 ata se achegar aos 1,1 millóns.

O Dicionario en liña está dispoñible a través da web da Real Academia Galega (academia.gal) e do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal), o proxecto de divulgación do léxico da nosa lingua que a institución comparte coa Fundación Barrié. Ás preto de 21,9 millóns de buscas rexistradas desde ambas as páxinas, hai que engadir o uso realizado a través das aplicacións para dispositivos móbiles para iOS e Android, que tamén permiten acceder aos xogos interactivos e demais contidos do Portal das Palabras. As visualizacións mediante esta vía de acceso tamén medraron desde os preto de 2 millóns do ano anterior ata situarse por riba das 2.270.500.

Tremelucir, rebolo, asemade e testemuña son unha pequena mostra das cen palabras máis buscadas, nunha listaxe encabezada por , máis, botar, présa e ir. Estas últimas dan conta de que as persoas usuarias utilizan o Dicionario non só para aclarar o significado dos termos, senón tamén para resolveren dúbidas ortográficas ou consultaren a conxugación dos verbos, unha das utilidades que o Dicionario ofrece. Tamén é posible escoitar a pronuncia de cada voz ou realizar procuras avanzadas que permiten, entre outras posibilidades, atopar sinónimos ou unha determinada palabra nos exemplos.

O Dicionario é unha ferramenta en constante revisión e ampliación, un labor do que se encarga o Seminario de Lexicografía da Academia tendo en conta, entre outras fontes, o diálogo coa propia comunidade de usuarios que fan chegar á institución as súas propostas e comentarios a través de distintas canles, como a lapela "Axúdanos a mellorar", visible ao final da definición de cada termo. En total, no ano que rematou incorporáronse 429 novas palabras, ata chegar ás máis de 57.000 entradas.

Melloráronse ademais unhas 3.350, na maioría dos casos introducindo pequenos cambios como a inclusión de sinónimos, pero en 311 acordouse incorporar novas acepcións e fraseoloxía ou incluso a modificación da definición.

De ‘transxénero' a ‘aporofobia'
Parte das novas palabras reflicten o obxectivo de ir progresivamente incorporando o vocabulario relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación. Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia, conectividade e xestor –a de comunidade figuran así entre as palabras que pasaron a formar parte do Dicionario xunto a outras que visibilizan a diversidade, como gai/gay e transxénero.

Aporofobia, matrilinear, vegano, xihadismo ou xonqui tamén teñen xa entrada propia xunto a outros termos populares da nosa fala como fochiña, viravento e charetar, ou solucións como cadeiriña de paseo e arrombacoches.

Cómpre tamén salientar as cento sesenta e oito novas voces ou actualizadas do mundo das matemáticas que foron revisadas coa colaboración dun equipo de persoas expertas nesta disciplina.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar