O Portal das Palabras celebra o 25 de xullo co voo de "Alba de Groria" sobre o mapa de Fontán

"Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeiraes". Castelao iniciaba así o 25 de xullo de 1948 "Alba de Groria", o discurso que pronunciou, dende o exilio, na festa organizada polo Centro Galego de Buenos Aires co gallo do Día de Galicia. O Portal das Palabras, o proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización e divulgación do léxico galego, celebra hoxe tamén esta data e o 70 aniversario da que pasa por ser a derradeira alocución pública do intelectual coa difusión dunha recreación do voo que evoca o emblemático texto de Castelao sobre xeografía do país. E faino a través dunha versión tridimensional da Carta Xeométrica que Domingo Fontán realizou na primeira metade do século XIX, o primeiro mapa feito en España con medicións matemáticas.

Os dous primeiros parágrafos de "Alba de Groria" nos que se traza este voo imaxinado xa foran escritos un ano antes e forman parte do capítulo I do libro IV de Sempre en Galiza, engadido na segunda edición do libro. No ano 1951 o Centro Galego de Buenos Aires quixo homenaxear a Castelao no seu primeiro cabodano publicando a versión orixinal deste discurso e mais a tradución ao castelán de Eduardo Blanco Amor nunha edición dispoñible en copia dixital na páxina web da Academia.

A comunidade emigrante, o pobo, a historia e a tradición son os principais temas que aborda o texto lido por Castelao en 1948 tal día coma hoxe, o día da "Festa de todol-os galegos", no Teatro Argentino da capital porteña. Sete décadas despois, está considerado todo un referente simbólico para Galicia e unha das principais manifestacións da oratoria en lingua galega.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar