O Portal das Palabras abre o prazo de presentación de candidaturas á Palabra do Ano 2018

Xa queda menos para pecharmos 2018 e é hora de facer balance do acontecido. O Portal das Palabras convida un ano máis a cidadanía a facelo desde a forza da lingua participando na escolla da Palabra do Ano, o termo que mellor resuma ou identifique a realidade que dalgún xeito marcou os últimos doce meses. O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto desde hoxe e ata o domingo 16 de decembro ás 23:59 horas NESTA LIGAZÓN. Posteriormente, do 17 ao 25 de decembro, someteranse a votación os termos máis significativos e repetidos. O xoves 27 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2018.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. "A palabra do día" é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Dando un paso máis nesta dirección, desde 2014 convida a toda as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiados (2015) e corrupción (2014).

O traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.
 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar