O Dicionario segue a incorporar voces da pandemia e engade novas acepcións de 'gromo' e 'repunta'

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou incorporar ao Dicionario novas entradas e acepcións relacionadas co vocabulario da pandemia de coronavirus. Entre elas figuran as solucións gromo para denominar a aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; e mais repunta para se referir á nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición. A última actualización do Dicionario, visible dende hoxe, incorpora ademais outras voces científicas que irromperon na linguaxe cotiá por mor da pandemia como triaxe, gotícula, polimerase ou cápside.

A palabra gromo designa orixinalmente o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores, tamén denominado en galego abrocho, bota, botón rebento ou xema. A recomendación da voz gromo para se referir á "primeira manifestación ou aparición de algo", de forma xenérica, e especialmente á "aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar" realizouse tendo en conta non só a súa coincidencia coas principais motivacións semánticas das linguas románicas do contexto ibérico, que establecen un paralelismos entre a aparición de doenzas como a covid-19 co agromar das plantas; senón tamén pola súa clarísima galeguidade; por estar documentada no sentido botánico xa dende o século XIV; polo enorme uso literario e noutros textos de carácter culto dende o século XIX; pola gran vitalidade que segue a posuír na fala e polas facilidades que ofrece para ampliar, de ser necesario, a súa familia léxica. Esta conta xa co verbo agromar, cuxa entrada se enriquece coa acepción "manifestarse de forma repentina" cando se refire a unha doenza.

O coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, explica con detalle as motivacións desta escolla na Tribuna de academia.gal, onde repasa as solucións doutras linguas románicas coma o portugués, o castelán, o catalán, o francés ou o italiano. O académico expón no mesmo artigo as razóns da solución repunta para se referir á nova aparición dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición. Ademais de incorporar este significado, na entrada de repunta mellorouse a redacción da acepción referida á subida ou aumento que experimenta un feito ou proceso. Repunta denomina tamén tradicionalmente o comezo da suba da marea e a punta ou cabo de terra máis saínte ca outros inmediatos.

A Real Academia Galega xa incorporou o pasado mes de maio ao seu Dicionario outras voces relacionadas coa pandemia como covid-19, coronavirus, desconfinamento ou desescalada. Desta volta entran tamén triaxe, gotícula, cápside, reservorio e polimerase, termo que saltou dos laboratorios á rúa pola xeneralización da técnica de reacción en cadea da polimerase (PCR, polas súas siglas en inglés) para diagnosticar o coronavirus. Complétanse ademais as entradas de letalidade e mortalidade coas expresións taxa de letalidade e taxa de mortalidade; e engádense outros termos do vocabulario médico como antitusivo ou antitusíxeno, axeusia, hipoxeusia ou frotis.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete