O Día da Ilustración recorda a arte de Camilo Díaz Baliño

Cada 30 de xaneiro desde 2014, cadrando co aniversario de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Nesta quinta edición o homenaxeado será Camilo Díaz Baliño (Ferrol, 1889 - Santiago de Compostela, 1936), "pintor, escenógrafo e pioneiro do deseño galego". Así é retratado no vídeo realizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, unha peza que en pouco máis de tres minutos resume a traxectoria do artista. Faino a través de imaxes entre as que se poden ver exemplos do seu traballo como ilustrador, parte delas cubertas de libros -editados por Céltiga, Lar ou Nós- ou carteis conservados na Real Academia Galega.
Díaz Baliño por Cebreiro

O vídeo pode verse desde a páxina web posta en marcha pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Consellería de Cultura e Educación para a ocasión, http://www.diadailustracion.gal/, e en Youtube. Nel recórdase que Camilo Díaz Baliño foi o escenógrafo galego máis célebre do seu tempo e reiventor da iconografía e os deseños galegos. Entre outras iniciativas detalladas nesta páxina en homenaxe ao artista, figura a mostra titulada Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada, que poderá verse a partir de mañá na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. O título lembra o seu asasinato en 1936, unha morte prematura malia a que o seu legado atopou continuidade a través do seu fillo Isaac Díaz Pardo.

Membro das Irmandades da Fala desde 1918, en 1920 estableceuse coa súa familia en Santiago de Compostela, onde compaxinou o deseño de decorados para representacións teatrais co de libros e o cartelismo. Alí, o seu taller de traballo na rúa das Hortas foi centro do galeguismo e núcleo dinamizador da cultura compostelá dos anos vinte e trinta do pasado século, lembra a profesora Mercedes Bangueses en Ilustradores galegos de preguerra (1880-1936) (Instituto de Estudios Vigueses, 2010) no capítulo dedicado ao autor, creador dun universo visual, influído pola arte relixiosa e o modernismo, no que reviviu os símbolos e mitos de Galicia procurando unha arte comprometida ao servizo do nacionalismo progresista no que militou.

Entre os exemplos do seu traballo que poden verse no vídeo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, figuran as cubertas de Almas mortas, de Villar Ponte (Céltiga, 1922), Anton Piruleiro, de Xesús Fernández (Lar, 1925) ou Conto de guerra, escrito e ilustrado por el mesmo e publicado en 1928 por Nós, a editorial creada polo seu amigo Ánxel Casal, quen instalaría a súa sede en 1931 no propio obradoiro de Camilo Díaz Baliño. Os dous amigos foron inmortalizados por Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro.


Cubertas ilustradas por Camilo Díaz Baliño. Á esquerda, Conto de guerra, con texto do propio artista, e á dereita, Antón Piruleiro, de Xesús Fernández. Fonte: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar