O Concello de Santiago recibe o alumnado dos cursos "Galego sen fronteiras"

O alcalde de Santiago de Compostela recibiu hoxe no Pazo de Raxoi os alumnos e alumnas dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". Martiño Noriega deulles a benvida á que, valorou, é "a cidade máis galega e máis internacional" de Galicia e agardou que tras esta estadía en Compostela exerzan "de embaixadoras e embaixadores deste país". Na recepción tamén participaron membros da corporación local, o profesorado, os codirectores dos cursos, Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

Foto de familia dos participantes na recepción do alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" no Pazo de Raxoi. Fonte: RAG


Os cursos "Galego sen fronteiras" xuntan este ano en Santiago, do 2 ao 24 de xullo, 75 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, África e Asia e de cinco comunidades autónomas. Esta iniciativa, organizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC, botou a andar en 1988 e desde os comezos desenvólvese en Compostela, unha cidade que exerce a súa condición de galega "con naturalidade e de maneira orgullosa", salientou o rexedor. Martiño Noriega referiuse tamén ao carácter "aberto e inclusivo" dunha urbe afeita a recibir desde fai séculos a través do Camiño a persoas, como o alumnado dos cursos, de países moi diversos. "Por iso coido que é o mellor lugar para celebrar estes cursos, que me parecen unha iniciativa espectacular", engadiu.

O presidente da Real Academia Galega coincidiu co alcalde na importancia do papel que xoga o alumnado do programa "Galego sen fronteiras" na proxección da lingua e da cultura galegas no exterior. "Sei que sodes unha aposta de futuro", expresou Víctor F. Freixanes, quen agradeceu o recoñecemento do Concello de Santiago de Compostela a "unha iniciativa que cada ano ten máis forza". Na mesma liña, Henrique Monteagudo destacou que estes cursos axudan a que os alumnos e alumnas creen lazos tanto co país coma entre eles, sempre positivos para a cultura galega.

Máis imaxes da recepción no Pazo de Raxoi nesta ligazón.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar