O apoderamento feminino entra no Dicionario

Apoderamento. Así se designa en galego o termo que se refire ao "proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais". Este neoloxismo, procedente do inglés empowerment, irrompeu desde o feminismo no vocabulario cotián para referirse a un dos elementos do avance cara á igualdade de xénero, e foi precisamente esta acepción a que levou os membros do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega a lle dar prioridade no seu estudo, a raíz dunha solicitude recibida a finais de maio. O traballo concluíu coa súa incorporación e a de novas acepcións do verbo apoderar ao Dicionario, que propón como exemplos de uso apoderamento feminino e a oración Educar apoderando as mulleres e as nenas é fundamental para construír unha sociedade igualitaria e xusta.

O coordinador do Seminario de Lexicografía e director do Dicionario, o académico Manuel González, explica na Tribuna de academia.gal o porqué desta escolla fronte a empoderamento. "A necesidade de velar para que o galego teña capacidade para expresar con voz propia calquera tipo de realidade levou á RAG a reformar a entrada apoderar e a incorporar apoderamento para dotalas dos novos significados chegados desde o inglés e que responden a unha nova realidade social no avance cara á igualdade e a corresponsabilidade de todas as persoas e grupos sociais", conclúe o catedrático de Filoloxía Románica.

O termo inglés empowerment vinculado ao ámbito do feminismo foi proposto nos anos 80 do século pasado pola rede de grupos de mulleres DAWN (Development Alternatives with Women for a New Era) "para referirse especificamente ao proceso polo que as mulleres acceden ao control dos recursos materiais e simbólicos e reforzan as súas capacidades e protagonismo en todos os ámbitos", recorda Manuel González. No ámbito lingüístico, fronte ao que acontece en linguas como o portugués ou o italiano, en galego o préstamo íntegro do inglés, empowerment, apenas tivo uso, nin se rexistrou unha posible adaptación fonética como podería ser empovermento. Mais, debido especialmente á influencia do castelán, veuse empregando con frecuencia o calco empoderamento. Outras alternativas de idiomas da nosa contorna son, no caso do catalán, apoderament (aprobada polo Termcat) ou, no do francés, autonomisation (Journal officiel du 18-12-2005), detalla.

Pero por que é apoderamento a mellor solución para a nosa lingua? "O galego tradicional non coñece un verbo empoderar, que si existe en castelán, aínda que con pouco uso, desde a época medieval. Pero posúe o verbo apoderar, da mesma familia ca o inglés empower, e con practicamente os mesmos significados tradicionais ca este ('autorizar' ou 'dar poderes', 'capacitar' e 'superar en forza ou intensidade'), e posúe igualmente un substantivo derivado apoderamento, cos mesmos significados tradicionais do inglés empowerment. Por iso parece máis axeitado para a lingua galega adoptarmos para esta nova acepción aparecida no inglés to empower e empowerment as denominacións tradicionais galegas apoderar e apoderamento", xustifica.

Outra deriva semántica no mundo empresarial
Alén do significado referido ao proceso de facer forte un individuo ou grupo social desfavorecido, o Dicionario da RAG tamén incorporou entre as acepcións de apoderar e apoderamento outra deriva semántica de empowerment relacionada co mundo empresarial, aquela que se refire á delegación de poder de decisión nas persoas colaboradoras e subalternas para que se sintan máis implicadas e responsables nunha organización ou nunha empresa.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Xoves 22 de novembro de 2018 / 13:00 h
Ourense: Exposición dos 150 anos da 'Gramática' de Saco Arce
Xoves 22 de novembro de 2018 / 16:30 h
Ourense: Homenaxe a Saco Arce. 150 aniversario da 'Gramática gallega'
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar