Nélida Piñon entrégalle o galardón que leva o seu nome a Daniel Asorey

A académica de honra Nélida Piñon entregoulle este martes o galardón que leva o seu nome ao profesor e escritor Daniel Asorey por "Anatema" nunha celebración que tivo lugar no salón de actividades do Concello de Cercedo-Cotobade, onde a escritora brasileira ten as súas raíces. O II Premio de Relato Breve Nélida Piñon tamén recoñeceu con senllos accésits o escultor Rosendo Cid e o xornalista Xesús Fraga por "37 vidas breves" e "Roller Girl", respectivamente.

Nélida Piñon, no centro da imaxe, posa cos premiados, membros do xurado, representantes das institucións que convocan o galardón e as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey. Fonte: Concello de Cercedo-Cotobade


O xurado do premio convocado polo Concello de Cercedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra destacou "a arquitectura da trama" de "Anatema", un relato situado en Santiago de Compostela cunha "elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final". O certame está dotado con 4.000 euros para o primeiro premio e 1.000 euros para cada un dos dous accésits, e contempla ademais a publicación das obras distinguidas.

O Premio de Relato Breve Nélida Piñón foi creado para promover as obras de novos escritores e escritoras e renderlle tamén homenaxe á escritora da que toma o seu nome. As académicas de número Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey participaron en representación da Real Academia Galega na entrega dos galardóns desta segunda edición, coa que se inauguraron as III Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais Cuspedriños10.

Na súa intervención, o alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, comprometeuse a seguir a traballar na posta en valor e difusión da figura de Nélida Piñon. O rexedor tamén amosou a intención do concello de afondar na divulgación do legado de Antón Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), a quen a Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas 2019.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar