"Carvalho Calero comezou a escribir teatro durante a República por militancia"

Como creador literario, Ricardo Carvalho Calero é recoñecido sobre todo pola súa obra poética e narrativa. "É un poeta extraordinario e Scórpio, unha novela magnífica", valora a catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Laura Tato Fontaíña. Pero o protagonista das Letras Galegas 2020 tamén escribiu teatro. As primeiras achegas á escena, asinadas antes da guerra civil, son froito do seu compromiso coa normalización da lingua e, como tales, "un exemplo magnífico do proceso de construción dun teatro nacional galego" naquela altura, salienta a experta neste xénero. O autor ferrolán foi ademais un pioneiro no teatro escolar en galego durante a súa etapa como director do Colexio Fingoi (1950-1965). Pero o mellor Carvalho Calero dramaturgo é para a investigadora o das páxinas d'Os xefes, unha obra de homenaxe a Castelao e unha crítica tamén á política da transición española.
Laura-Tato-250
Laura Tato Fontaíña

Carvalho Calero debutou como dramaturgo durante a II República. Nesa época escribiu 'O fillo' e 'Isabel', aínda que naquela altura comezaba a darse a coñecer sobre todo como poeta, o rol literario no que sempre se reivindicou. Por que decidiu daquela escribir teatro?
Carvalho Calero é nesa época sobre todo un activista político e poeta. Escribe teatro por militancia, como facían case todos os intelectuais. Isto non é algo exclusivo da literatura galega, en todas as culturas non normalizadas comprométense coa creación dun sistema literario. Na galega, o da poesía xa estaba creado desde Rosalía de Castro e o da narrativa fora iniciado polo grupo Nós. Faltaba o teatro e nese escenario é onde aparecen as primeiras obras de Carvalho Calero. Son un exemplo magnífico do proceso de construción dun teatro nacional galego.

En que contexto? As súas achegas son dos anos 30 e as Irmandades da Fala xa traballaran arreo na construción dese teatro nacional galego desde a súa fundación en 1916.
O teatro galego experimentara un impulso tremendo entre 1915 e 1923, pero a ditadura de Primo de Rivera acabou con el. Cando esta remata, os membros das Irmadades da Fala están inmersos na actividade política, preparando a formación do Partido Galeguista, o único que retoma o teatro é Castelao no seu tempo libre. As alarmas saltan cando a prensa recolle que as Mocedades Galeguistas están a representar obras de teatro en español en Lourenzá, na propia localidade natal do seu presidente, Francisco Fernández del Riego. Isto sucede porque pensaban que non existía teatro en galego, descoñecían o que se fixera antes da ditadura. Por iso, na asemblea que celebra o PG en xaneiro do ano 1934, se lles encarga ás Mocedades unha comunicación sobre o teatro que fixe as instrucións que permitan retomar ese labor dirixido a completar o sistema literario.

Naquela altura o teatro tiña unha importancia especial pola presenza social da que gozaba.
Si, o cinema aínda estaba empezando e o teatro era unha forma de entretemento que chegaba a moita xente. Incluso había, sobre todo nas Rías Baixas, grupos non profesionais que nos fins de semana facían representacións cobrando.

Como son as obras de Carvalho Calero escritas nesta época?
Escribe un teatro que se corresponde coas liñas estéticas de preguerra, do seu tempo. Na primeira obra, O fillo, opta por seguir as indicacións que marcara o "Conservatorio Nazonal de Arte Galego" que fundaran as Irmandades en 1919. Aquel proxecto significou unha renovación enorme na escena galega. O seu obxectivo era conseguir unha fórmula que combinara a modernidade estética con elementos de tradición popular co propósito de dignificar a lingua. Había moito teatro galego, pero desenvolvíase sobre todo en ámbitos populares. As Irmandades querían demostrar que a lingua tamén servía para as clases altas, de modo que había que subilas a escena falando galego e empregando as dramaturxias que naquel momento estaban de moda en Europa. A proposta de Vicente Risco fora o simbolismo, e esa é a que vai seguir Carvalho Calero n'O fillo, onde a protagonista é unha fidalga. Esta primeira obra estaba entregada á editorial Nós, pero a publicación foi destruída no 36 cos demais fondos da imprenta de Ánxel Casal. Ese mesmo ano tamén comezara a escribir Isabel, por encargo dun grupo, polo que decidira aproveitar elementos da obra anterior como o ambiente do pazo. Por mor da guerra civil, esta peza non puido rematala ata 1945.

'O fillo' foi máis tarde premiada á outra beira do océano. Que acollida tivo?
Luís Seoane promoveu dende a Arxentina os premios literarios do Centro Galego de Buenos Aires para poder axudar os escritores galeguistas que ficaran en Galicia durante o franquismo. Carvalho Calero gañou en 1947 o de teatro que levaba o nome de Castelao, pero que eu saiba non chegou a representarse nin alá nin posteriormente en Galicia. O propio Carvalho Calero era tan consciente que tanto esta obra como Isabel foran feitas cun fin concreto nun momento determinado que non as incluíu no seu primeiro volume de teatro, Catro pezas (1971). Máis adiante si que as incluirá en Teatro completo (1982), porque como historiador da literatura é consciente de que só se pode entender o proceso de creación de todo un sistema se non se oculta nada. Por iso neste novo volume si que están estas dúas obras, como exemplo dunha época na que houbo teatro simbolista, malia que as circunstancias políticas impedisen que chegasen aos escenarios.

Carvalho Calero volve escribir teatro a finais dos anos 40, de regreso en Ferrol tras saír en liberdade provisional da cadea. Segue a ser teatro escrito por compromiso?

Coido que si, quixo escribir teatro para o futuro igual ca Otero Pedrayo escribiu guións de cinema para un futuro. Desta época, desesperanzada no persoal e no social, son a Farsa das zocas, A árbore e A sombra de Orfeo. A primeira é unha obra que responde ao modelo de teatro de preguerra de Castelao e foi a máis celebrada e representada da súa produción dramática. As outras dúas responden a unha filosofía amargurada da vida, que aparece cunha calidade literaria quizais superior nos seus poemas da mesma época. A sombra de Orfeo provoca controversia sobre o feminismo e o machismo de Carvalho Calero e A árbore é unha declaración desesperada da negación da posibilidade do entendemento entre o home e a muller porque ela é un ser feito a semellanza das institucións oficiais. Explícome: o control que exerceu o franquismo a través dos confesionarios sobre as mulleres, e polo tanto as familias, é algo que os historiadores terán que analizar algún día con moita atención, sobre todo ese control que lle permitía saber que pasaba nas casas dos roxos. A inxustiza de Carvalho quizais sexa non ter en conta aqueloutras mulleres da mesma época que foron perseguidas igual cós homes.

Nesta pezas apréciase que é un lector aberto á literatura que se está a facer noutros países.
Claro, Carvalho Calero é fundamentalmente un intelectual, un estudoso, un catedrático de universidade no sentido tradicional. Nos anos 40, e sobre todo nos 50, despois da segunda guerra mundial, esténdese o existencialismo, que na poesía galega aparece na Escola da Tebra. Sen formar parte de ningunha escola, Carvalho recolle toda esa amargura, que aparece tamén n'O auto do prisioneiro, publicada en 1969 pero escrita neses mesmos anos.

Fingoi-lance-Pimpinela-250
Representación do lance "Pimpinela" de
Castelao en Fingoi. Fonte: Colexio Fingoi

A 'Farsa das zocas' levouna el mesmo a escena co seu alumnado na etapa en que foi director do Colexio Fingoi. Que papel desempeñou Carvalho Calero na historia do teatro escolar en galego?
Foi un pioneiro. O teatro é unha ferramenta didáctica magnífica, algo marabilloso para os rapaces. De acordo que o que facía Carvalho Calero era para as festas, pero facíao en galego, era o único espazo que lle permitía introducir algunha nota da cultura nacional en plena ditadura.

Como foi a recepción das súas obras no teatro galego que emerxe a comezos dos anos 70?
Coido que non tivo a máis mínima recepción. Os rapaces que estaban a facer teatro neses anos pensaban que nunca antes houbera teatro galego máis alá d'Os vellos non deben de namorarse e tampouco lles ía servir para o que eles facían o de Carvalho Calero. O movemento do teatro independente de furgoneta non tiña nada que ver coa visión do mundo dun catedrático de universidade coma el. Eduardo Blanco Amor si que se incorporou ao movemento do teatro galego desa época e estivo nas Mostras de Ribadavia; opinaba, polemizaba, pero Carvalho Calero sempre se debeu de manter moi á marxe do mundo e da xente do teatro.

En 1980 volve ao teatro con 'Os xefes', unha obra de lectura política que para vostede é a mellor das súas obras teatrais.
Si, é unha obra moi boa e da súa época. A estrutura é a mesma ca d'Os vellos non deben de namorarse, é unha homenaxe a Castelao, a quen lle dedicou múltiples traballos. En canto ao tema, denuncia a política da transición. Carvalho Calero considera que os actores dos pactos da transición traizoan os seus correlixionarios porque pretenden eliminar os extremos para facer unha política de centro.

Chegou a representarse?
Que eu saiba, non. Como lle pasou no 34, Carvalho Calero caeu con ela a destempo. Unha vez comeza a funcionar o Estado das autonomías, o que conta nela xa é pasado e colle os grupos teatrais nun momento en que buscan conectar co público con obras propias. Ademais, como xa dixen, non creo que Carvalho Calero fose un home accesible para a xente do teatro. Quen debera levar a escena Os xefes é o teatro público.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete