Barriga Verde, o teatro popular e de resistencia simbólica que falou galego no franquismo

O teatro popular de monicreques da posguerra non foi un mero xeito de entretemento. O personaxe de Barriga Verde, o máis popular de Galicia durante décadas, brindoulles ás clases subalternas un espazo de resistencia simbólica en plena ditadura. E, malia os escasos achegamentos do mundo académico á cultura popular xerada nas feiras, fascinou a intelectuais da época como Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro ou Raimundo García Borobó. Salientouno na Real Academia Galega a investigadora Comba Campoi, nunha conversa co dramaturgo Manuel Lorenzo e o actor e profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Santi Prego.

Pola esquerda, o dramaturgo Manuel Lorenzo, Santi Prego, Comba Campoi, Henrique Monteagudo e Raimundo García con bonecos orixinais da barraca de José Silvent. Fonte: RAG


O xornalista Raimundo García, fillo de Borobó, e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, tamén participaron no encontro, coorganizado pola Academia e a Asociación Cultural Morreu o Demo na véspera do Día Mundial do Teatro. O público puido contemplar ademais unha pequena mostra de pezas orixinais da barraca de José Silvent.

Barriga Verde percorreu Galicia de feira en feira, de aldea en aldea, da man da familia Silvent entre os anos 10 e os primeiros 60. O monicreque, herdeiro da tradición de monifates europea que deixou personaxes como Pulcinella, foi, coma el, un voceiro dos desherdados e transmisor da cultura popular. Un xeito de comunicar a visión do mundo das clases subalternas sometidas ao poder ao que Comba Campoi dedicou a súa tese, a primeira sobre a estrela da barraca de José Silvent, o chamado Pavillón da Risa. Nela baséase Sen medo ao demo (2018), obra finalista do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.

Barriga Verde dirixíase ao público máis humilde, pero acadou tamén gran popularidade noutras clases sociais. E tamén cativou a autores como Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro ou Raimundo García Borobó, que lle dedicaron distintos artigos xornalísticos. "Na xeración destes autores que formaron parte da Real Academia Galega había fascinación por aquela forma de teatro popular. Gustaríame saber ata que punto o feito de que escollesen escribir sobre este asunto era un xeito de complicidade disimulada coas mensaxes dos espectáculos de Barriga Verde, que rozaban os límites do prohibido", reflexiona Comba Campoi en referencia á forma de resistencia velada que constituían en pleno franquismo os números do popular personaxe, con frecuentes referencias á actualidade do momento.

Porque o teatro de Barriga Verde foi -prosegue- un exemplo do que o sociólogo da Universidade de Yale James Scott denomina discurso oculto para se refererir aos valores, saberes e accións que adoptan os grupos subalternos á marxe dos dominantes en contextos non democráticos. Un xeito de resistencia simbólica que o profesor tamén chama "infrapolíticas", xa que serven para comunicaren o descontento e estender unha mensaxe contraria á dominante, mais sen chegar ao enfrontamento aberto contra o poder, afonda.

Borobó, o seu maior defensor
Raimundo García Borobó foi seguramente o autor da posguerra que máis defendeu publicamente a José Silvent e o seu personaxe. "Reivindicaba que José Silvent non era un simple feirante, senón un auténtico artista e creador". Comba Campoi compartiu co público un dos artigos que lle dedicou en La Noche, no ano 1950, no que chegaba a propoñer, semella que en clave de humor, que fose nomeado membro correspondente da RAG. "Raimundo García contaba que ese comentario sentara mal na Academia e consideraba que por iso se atrasou o seu propio nomeamento", engade. En calquera caso, o teatro popular de monicreques son un exemplo da "maneira subrepticia na que as formas da cultura popular conseguiron coarse na chamada alta cultura", pouco dada a prestarlle a atención que merece á cultura popular xerada nas feiras e festividades do país, critica a autora.


Detalle do monicreque de Barriga Verde e O Portugués, outro personaxe do espectáculo da barraca de Silvent. Fonte: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete