A xeración Z fala menos galego que a do milenio pero ten menos prexuízos negativos cara ao idioma

Como cambiou a percepción da lingua galega e a relación con ela da chamada xeración Z respecto ás precedentes? O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega avanzou hoxe en Barcelona resultados dun estudo centrado en responder esta pregunta. O traballo reflicte unha dobre realidade: o galego perde presenza como referente lingüístico familiar e na comunicación diaria das persoas nadas entre 1989 e 1999, pero rexístrase tamén entre elas un cambio substantivo na percepción social da lingua. Aínda que segue a haber fortes prexuízos contra os trazos fonéticos e prosódicos propios do galego, comézase a asociar a lingua galega a valoracións máis positivas, relacionadas coa dimensión competencia-status social.

Xaquín Loredo nun momento da súa intervención hoxe nas IV Jornades La recerca sociolingüística en l'àmbit de la llengua catalana


Estas valoracións máis positivas da lingua galega danse especialmente cando se acompaña dunha fonética e prosodia castelás, mentres que as percepcións sociais máis negativas se asocian á expresión en castelán con fonética galega, detalla Xaquín Loredo, membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. O especialista participou hoxe nas IV Jornades La recerca sociolingüística en l'àmbit de la llengua catalana, do Institut d'Estudis Catalans, co relatorio "Xeración Z e lingua: a importancia dos post-milenistas na sociolingüística galega", un avance das análises nas que está a traballar a Academia, co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco do proxecto O galego da mocidade. Quince anos despois, que busca coñecer os usos e as percepcións do idioma propio entre a poboación máis nova. "O proceso de substitución lingüística do galego polo castelán vén desenvolvéndose desde hai tempo, pero os marcos sociolingüísticos cambiaron e, polo tanto, tamén as variables subxacentes a este fenómeno, polo que as vías de intervención tampouco poden ser as mesmas", advirte o especialista.

A chegada da xeración Z ou xeración virtual nos anos 90 veu acompañada dun cambio socioeconómico, sociocultural e tecnolóxico que modificou a relación coa lingua con respecto a outras anteriores, producindo un aumento substancial na tendencia cara ao monolingüismo en castelán: se o 44,2% da xeración do milenio (persoas nadas entre 1979 e 1989) se expresa oralmente en galego ou máis en galego ca en castelán, esta porcentaxe descende na xeración Z ao 33,6%, mentres o monolingüismo en castelán se converte entre os seus membros na opción do 33, 8% e a máis frecuente (ver gráfico).

Expresión oral da xeración do milenio* e da xeración Z**

*Xeración do milenio: datos recollidos en 2003 das persoas nadas entre 1979 e 1989
**Xeración Z: datos recollidos en 2013 das persoas nadas entre 1990 e 1999. Grupo de idade entre 15 e 24 anos


Sensación de perda de eficacia na expresión oral
Un dos cambios cruciais detrás deste fenómeno é a intensificación da fenda na transmisión lingüística interxeracional. "A familia como medio de reprodución do galego está perdendo presenza. Agora mesmo na xeración Z arredor dun 35% dos mozos e mozas xa non ten ningún tipo de referente familiar", cifra Xaquín Loredo. O idioma galego perde tamén presenza como referente na comunicación diaria, xa que boa parte da mocidade nesta franxa de idade reside en contextos urbanos e periurbanos, especialmente de Vigo e A Coruña, "onde teñen menos espazo para desenvolver o seu tempo de ocio en galego". "De feito, isto está comezando a ter un impacto relativo na súa sensación de autoeficacia á hora de expresarse oralmente en galego", salienta.

Alén destas cifras, a Real Academia Galega desenvolveu unha análise para coñecer se as percepcións sociais arredor dos falantes mudaron. Con esta finalidade, desde o Seminario de Sociolingüística replicouse a proba xa realizada coa xeración do milenio. O obxectivo era explorar as diferenzas entre as valoracións de tipo actitudinal que, de modo indirecto, se realizan sobre unha rapaza e un rapaz que se expresan publicamente nas modalidades lingüísticas máis comúns de Galicia (galego innovador, galego tradicional, castelán con acento galego e castelán sen acento), en virtude de cal poida ser o seu hábitat de residencia, lingua inicial, sexo e lingua habitual.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 23 de outubro de 2018 / 19:00 h
Conferencia de Carlos Núñez: O éxito da "marca celta" e a súa profundidade
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar