A RAG perfila co Concello de Cerdedo-Cotobade os detalles da celebración do 17 de maio

Cerdedo-Cotobade será o vindeiro 17 de maio sede do pleno extraordinario co que a Real Academia Galega conmemorará o Día das Letras Galegas dedicado ao seu veciño Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999). Co propósito de ir perfilando os detalles da celebración, a executiva da RAG recibiu a visita do alcalde, Jorge Cubela, quen tras o encontro asinou no libro de honra da institución.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañados dos membros da executiva da Academia e dos representantes do concello pontevedrés que participaron na xuntanza. Fonte: RAG


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario, Henrique Monteagudo, e a arquiveira-bibliotecaria, Fina Casalderrrey, e o vicesecretario, Andrés Torres Queiruga, reuníronse co rexedor nunha xuntanza na sede da Academia na que tamén participaron a técnica de cultura de Cerdedo-Cotobade, Mónica González, e Ana Porto Magariños e Francisco Javier Guimarey Mariño, directora e director do CEIP de Tenorio e do CEIP Plurilingüe de Carballedo, os dous colexios de Cotobade, a localidade onde naceu Antonio Fraguas Fraguas en 1905.

Ademais de abordar a organización do Día das Letras Galegas, na xuntanza acordouse que a presentación da nova edición do proxecto web da RAG Primavera das Letras terá lugar o 28 de febreiro en Cotobade, da man da súa comunidade educativa. Primavera das Letras fornece o alumnado de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos para achegalo ao universo vital e creador da figura homenaxeada cada 17 de maio, nesta ocasión Antonio Fraguas. Director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á etnografía e á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento.


Jorge Cubela asina no libro de honra da Academia. Fonte: RAG


Espazo biográfico en academia.gal
A Real Academia Galega xa publicou en academia.gal, na sección Letras Galegas, unha completa biografía de Antonio Fraguas, escrita polo académico correspondente Clodio González. O espazo seguirá a se alimentar ao longo deste ano con imaxes, documentos, novas, reportaxes e entrevistas arredor dun home que desde mozo desenvolveu un importante traballo "desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio", salienta o biógrafo.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugurou ademais o ano na sección "Tribuna" cun artigo no que, alén da súa crónica vital "construída desde a coherencia e a lealdade ao seu país", destaca a utilidade pedagóxica da figura de Antonio Fraguas. "Abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular", conclúe.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar