A RAG participa na constitución do Padroado de Honra do Centenario da Academia da Lingua Vasca

A Real Academia Galega participou hoxe en Bilbao na constitución do Padroado de Honra do Centenario da Real Academia da Lingua Vasca – Euskaltzaindia, conformado por vinte e unha institucións entre as que se atopan os principais organismos dos distintos territorios do éuscaro, a propia Real Academia Galega, a Real Academia Española e o Institut d'Estudis Catalans. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, celebrou na súa intervención a ocasión de ver reunidas as catro academias das linguas de España e avogou pola necesidade dun posicionamento común a prol da presenza da realidade plural das linguas cooficiais recoñecidas constitucionalmente: galego, éuscaro e catalán.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, intervén no plenario da Real Academia da Lingua Vasca. Pola esquerda, o presidente do Institut d'Estudis Catalans, Joandoménec Ros Aragonès; o presidente de Euskaltzaindia, Andrés Urrutia; o presidente da Real Academia Española, Darío Villanueva; e o presidente da RAG Víctor F. Freixanes.Fonte: Euskaltzaindia


Euskaltzaindia celebrará o seu centenario ata outubro de 2019 cunha serie de actos que arrincaron hoxe coa creación do padroado de honra. A constitución do Padroado de Honra do Centenario de Euskaltzaindia tivo lugar no Pazo Foral da Deputación de Bizkaia, no mesmo salón de sesións onde arrincou a creación da Academia da Lingua Vasca o 25 de xaneiro de 1918. Euskaltzaindia convidou os representantes da Real Academia Galega, a Real Academia Española e o Institut d'Estudis Catalans a participar na súa sesión plenaria do mes de xullo.

Víctor F. Freixanes defendeu na súa intervención ante o pleno da Academia Vasca a necesidade de valorar e tratar as linguas cooficiais como un patrimonio común de toda a sociedade española. "Necesitamos avanzar en algo que recoñece a Constitución española, pero que quedou a medio desenvolver. O patrimonio do galego, vasco e catalán non é unha cuestión exclusiva de galegos, vascos e cataláns, senón un compromiso do conxunto da sociedade española. Temos que falar entre nós e facer pedagoxía social para o conxunto do Estado. Todos estamos implicados. Ou vémolo así e actuamos en consecuencia, sen medos, sen prexuízos, ou lamentarémolo, porque o descoñecemento abre fendas que o tempo non fai máis que agrandar", expresou Víctor F. Freixanes, que ve na celebración do centenario da Academia Vasca unha oportunidade para abordar este diálogo necesario. "As linguas do Estado español precisan dunha política de Estado: unha política de igualdade para todos. Non hai linguas de primeira e linguas de segunda", concluíu.

Unha comunidade científica ao servizo do éuscaro
Posteriormente celebrouse o acto institucional no que interviñeron o lehendakari do Goberno vasco, Iñigo Urkullu, Ana Ollo, conselleira de Relacións Cidadás e Institucionais do Goberno de Navarra; Beñat Arrabit, vicepresidente da Mancomunidade Única de Iparralde (Euskal Hirigune Elkargoa); Unai Rementeria, deputado xeral de Bizkaia; Markel Olano, deputado xeral de Gipuzkoa; Ramiro González, deputado xeral de Araba; e Andrés Urrutia, presidente de Euskaltzaindia.

Andrés Urrutia lembrou os primeiros anos de Esukaltzaindia e subliñou que desde entón centos de persoas traballaron arreo nas seccións Iker (investigación) e Jagon (custodia-coidado), atentas "sempre ás investigacións lingüísticas arredor do éuscaro e a evolución dos seus usos sociais". O presidente da institución centenaria destacou ademais que "Euskaltzaindia conformou e sostivo unha verdadeira e importante comunidade científica, impulsando tamén outras realidades que hoxe en día son referencias incuestionables da cultura vasca, tales como o éuscaro batua ou estándar, o movemento das ikastolas, as campañas de alfabetización, os campionatos de bertsolaris, a creación literaria ou a tradución". "A nosa vocación de servizo non se esgotou nin minguou. Moi ao contrario, seguimos con forzas dabondo para propulsar o éuscaro cara ao futuro, temos ganas de compartir os nosos proxectos con todas as institucións e cos axentes sociais e culturais que traballan no ámbito do idioma vasco, temos ganas de traballar con eles de maneira aberta e seria. E este apoio é totalmente necesario para que Euskaltzaindia siga a ser un referente no ámbito do éuscaro e da cultura vasca, porque ao fin e ao cabo Euskaltzaindia confórmaa toda a cidadanía vasca", rematou.


Foto de familia dos membros de Euskaltzaindia, representantes das demais academias e autoridades políticas nas escaleiras do Pazo Foral de Bizkaia. Fonte: Euskaltzaindia
 

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, conversa co académico de Euskaltzaindia Bernardo Atxaga. Fonte: RAG
 

Fonte: Euskaltzaindia
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar