A RAG inicia un ciclo sobre as Irmandades da Fala cunha conferencia de Xosé Ramón Barreiro

A Real Academia Galega propón para mañá, 16 de xuño, unha viaxe ao tempo histórico das Irmandades da Fala da man do historiador e membro de número da institución Xosé Ramón Barreiro Fernández. O experto pronunciará a conferencia inaugural do ciclo de mesas de debate No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, organizado pola RAG dentro da súa programación de conmemoración dos cen anos da fundación dun movemento que marcou un novo rexurdimento para a cultura galega e unha nova etapa do galeguismo político. A entrada é libre. O ciclo profundará ao longo do ano 2016 nas producións literaria, xornalística e editorial galegas desenvolvidas polas Irmandades da Fala, que experimentaron grazas a elas un importante avance.
Xosé Ramón Barreiro
Xosé Ramón Barreiro. Autor: Xosé Castro

Xosé Ramón Barreiro Fernández impartirá este xoves a conferencia de apertura, baixo o título O marco histórico das Irmandades da Fala, a partir das 20 horas no salón de actos da Real Academia Galega, na rúa Tabernas, 11 da Coruña. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentarán antes o ciclo, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. O programa pecharase no mes de decembro tamén na RAG despois de percorrer as sete principais cidades do país, seguindo a ruta marcada pola itinerancia da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, e Viveiro. Esta completa mostra sobre as Irmandades, organizada pola Academia, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, pode verse durante o mes de xuño na Fundación Barrié da Coruña.

Catro das nove mesas de debate profundarán no ensaio e a oratoria, o teatro, a narrativa e a poesía que cultivaron as Irmandades, xéneros aos que a RAG lles dedicará cadansúa antoloxía, que serán editadas ao longo do segundo semestre de 2016. O mundo da ilustración, as iniciativas xornalísticas e editoriais deste movemento, as súas ideas lingüísticas e os seus protagonistas centrarán as demais mesas de debate, que contarán coa participación de máis dunha trintena de expertos e expertas, parte deles membros da Academia.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete