A RAG celebrará o pleno do 17 de maio ao pé da escola onde estudou Antonio Fraguas

A Real Academia Galega celebrará o 17 de maio o Día das Letras Galegas que lle dedica a Antonio Fraguas (Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) na súa terra natal, Cotobade, na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas do concello de Cerdedo-Cotobade. O pleno extraordinario terá lugar ao pé dun espazo fundamental na traxectoria do homenaxeado, a escola onde por primeira vez un profesor soubo ver o potencial daquel rapaz que acabaría sendo un destacado etnógrafo e un profesor moi querido por moitas xeracións de alumnos e alumnas. Na sesión ofrecerán distintas perspectivas sobre a vida e o legado do intelectual o académico correspondente Clodio González Pérez, a académica de número Fina Casalderrey e o académico de número Francisco Díaz-Fierros Viqueira. O acto, aberto ao público, dará comezo ás 11:30 horas.

Antonio Fraguas naceu en Cotobade no ano 1905 e, tras aprender as primeiras letras coa nai, empezou a ir á escola pública en Loureiro, a súa parroquia, cando estaba a piques de facer os seis anos. El mesmo contaba que alí non chegou a aprender nada, pero o destino da familia na emigración brasileira mudou cando, a finais de 1918, meses antes da data fixada para marchar, pasou a estudar na escola que acababa de abrir en Famelga un mestre chamado, coma el, Antonio. Os pais pensaran nun futuro para o rapaz como maquinista de tren, pero o ensinante convenceunos de que pagaba a pena facer o esforzo de darlle unha carreira. O lugar elixido para o pleno do Día das Letras Galegas está, xa que logo, cargado de simbolismo nunha vida dedicada á investigación da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos.

Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antonio Fraguas Fraguas conta cunha biografía que ofrece un percorrido por boa parte da historia galega do século XX no que contribuíu ademais a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento.

O seu compromiso coa lingua e a cultura galegas agromou cando cursaba o bacharelato en Pontevedra, outra etapa decisiva na súa vida, na que tivo como mestres a Castelao ou Antón Losada Diéguez, quen máis o marcou. Alí, da man doutros compañeiros, fundou en 1923 a da Sociedade de Lingua, creada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario. Xa na etapa universitaria en Santiago de Compostela ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co Seminario de Estudos Galegos, do que logo sería membro numerario.

No SEG participou, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, na inauguración en Galicia dos estudos de xeografía histórica e abordou o Entroido e outros temas sobre a súa terra, un lugar común de moitos dos seus traballos. Nestes tempos de mocidade publicou artigos na revista Nós e n'A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con máis de trescentos libros e artigos de revistas, ademais de incontables pezas xornalísticas, nos que Galicia era o seu motivo esencial.

Antonio Fraguas escribiu sobre xeografía, cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que máis destacou foi o do estudo da cultura labrega, en especial da súa parte espiritual. Festas, crenzas, romarías, cantigas, usos e costumes, dicires etc. aparecen nos seus ensaios e conferencias que eran, en palabras do profesor Eiras Roel, non só amenos relatos, senón unha manifestación temperá e adiantada para Galicia do que hoxe se deu en chamar a historia das mentalidades.

Unha traxectoria docente interrompida pola guerra
A Facultade de Filosofía e Letras foi o primeiro lugar no que Fraguas exerceu como ensinante, en calidade de profesor auxiliar. En 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil polo seu activismo político, que o levou a ser secretario xeral do Partido Galeguista deste concello pontevedrés e un militante moi implicado na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. A represión sufrida obrigouno a dedicarse ao ensino privado, que exerceu nunha academia propia, a Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na rúa Algalia de Abaixo de Santiago. A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia de novo na Facultade de Filosofía e Letras, que reclamara os seus servizos, ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Ensinou primeiro no Instituto Masculino de Lugo e en 1959 regresou a Compostela para exercer no daquela Instituto Feminino Rosalía de Castro, o que lle permitiu tamén dar aulas na Universidade ata a súa xubilación forzosa en 1975.

Investigador incansable
O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 compaxinou sempre ao longo da súa carreira o ensino coa investigación, en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956 co discurso Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán. En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente, traballando sempre da man do seu bo amigo Xaquín Lorenzo Xocas. Xa na Autonomía, foi tamén coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega e desde todas estas institucións organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía de noso.
 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar