"A lingua salva a Otero Pedrayo e sálvanos a nós"

Margarita Ledo Andión ocupa na Academia a cadeira que no seu día foi de Ramón Otero Pedrayo. Pero isto non é o único que a une ao intelectual ourensán. Cadrando co seu 130 aniversario, a catedrática de Comunicación Audiovisual e cineasta recolleu en Pontevedra o galardón que leva o nome de Otero Pedrayo, nun acto, organizado pola Deputación de Pontevedra, no que recoñeceu a influencia que este tivo na súa propia traxectoria xornalística, política e investigadora. "A lingua salva a Otero e sálvanos a nós. Por iso estamos acó hoxe", concluíu quen é a primeira muller recoñecida con este premio nos seus XX anos de historia. A tamén académica Fina Casalderrey, como membro do xurado, foi a encargada de glosar figura de Margarita Ledo, "unha muller intelixente, transgresora, independente coherente coas súas conviccións".

Margarita Ledo nun momento do seu discurso. Fonte: Deputación de Pontevedra


A primeira pegada de Otero Pedrayo na súa traxectoria vital e profesional que quixo rememorar Margarita Ledo levou o público ata unha tarde compostelá do ano 1974, cando exercía como xornalista en El Ideal Gallego e foi cubrir a inauguración dun monumento ao afiador na rúa Ourense. Alí sentiu falar o intelectual, cuxas "divinas palabras" en galego reproduciu de volta na redacción. "E o milagre acontece", contou. "A nova sae tal cal. Pola primeira vez naquel tempo cinzento, o galego pasa a formar parte das páxinas de información, coméntame o meu xefe de estima, Xosé Antón Gaciño. E teño para min que non fun eu, senón don Ramón e a súa performance quen me guiou a man", confesou.


Margarita Ledo, á esquerda da imaxe, toma nota das palabras de Ramón Otero Pedrayo, á dereita, no acto daquela tarde de 1974 que rememorou no seu discurso. Ao carón da académica, a tamén xornalista Tareixa Navaza


Otero Pedrayo tamén lle aprendeu como investigadora "a percorrer o mar de Amadís en proxectos europeos con Gales e Bretaña", termou dela na diáspora, indicoulle "o camiño para os confíns do norte" e, dende o persoal na perspectiva política, axudoulle a "confiar na materia galega en todos os eidos e expresións, na intersección cultura/comunicación, en lugares coma a escrita, o cinema, a docencia e a investigación", proseguiu.

Os dereitos das mulleres tamén tiveron espazo no discurso da académica, quen recordou que medrou nunha familia partidaria "daquela República na que Otero foi deputado en Cortes e onde lle dixo si, con Castelao, ao dereito das mulleres a votar, a seren cidadás plenas".

Unha creadora intelixente e innovadora
"Intelixente, inqueda, arrichada, tenaz, transgresora, autosuficiente, independente, aventureira, coherente coas súas conviccións, de sensibilidade non finxida, coqueta, segura de si mesma, leal a si propia". Así definiu Fina Casalderrey na intervención en nome dos membros do xurado a Margarita Ledo, autora dunha "obra innovadora, que mestura xéneros, arrisca, experimenta e sorprende". A escritora quixo ler tamén un anaco da carta que a premiada lle escribiu en 1973 a María Victoria Moreno, que contou con ela para formar parte da antoloxía Os novísimos da poesía galega. Ser poeta na Galiza daquel tempo era "mesturarse coa fábrica, mesturarse co mar e coa terra, mesturarse co soño", respondía unha Margarita Ledo de só 22 anos ao cuestionario que lle remitira a escritora que neste 2018 será homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Pola súa banda, tanto Carmela Silva como Xosé Leal cualificaron a figura de Ledo Andión como "un expoñente da cultura de excelencia do noso país" e salientaron elementos centrais da súa traxectoria profesional como a "defensa da lingua galega e a difusión da cultura propia no exterior", ou a súa dimensión de "creadora comprometida en ámbitos como o da memoria, o feminismo e as liberdades individuais e colectivas en múltiples eidos".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar