Xavier Senín, "Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020"

A traxectoria de Xavier Senín vertendo ao galego obras literarias de distintos xéneros e para todos os públicos mereceu o "Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020", concedido polo Ministerio de Cultura. O xurado, na xuntanza celebrada esta mañá, acordou outorgarlle o galardón ao académico correspondente en recoñecemento a un labor que destaca "pola súa calidade e meticulosidade". Na súa xustificación salienta tamén o coñecemento "pouco común" das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego do filólogo, que trouxo á nosa lingua dende clásicos como O Quixote ata os populares álbums de banda deseñada de Astérix.

Xavier Senín. Fonte: RAG


Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Foi membro do equipo de tradución d'O Quixote publicada por Xuntanza Editorial en 1990 e verteu tamén ao galego moitos títulos dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).

Foi ademais impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega d'O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001. A Real Academia Galega nomeuno académico correspondente no pleno do pasado mes de outubro.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete